DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 17 de xaneiro de 2024 Páx. 3983

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 8 de xaneiro de 2024, da Secretaría Xeral de Universidades, pola que se ditan instrucións sobre o contido mínimo para incluír na documentación presentada por unha universidade do Sistema universitario de Galicia para solicitar a verificación dun título oficial de grao ou máster universitario con mención dual.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O artigo 12 do Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, define a Secretaría Xeral de Universidades como órgano superior da Administración xeral de Comunidade Autónoma de Galicia para a ordenación, planificación e execución das competencias en materia de universidades e ensinanzas universitarias correspondentes a esta consellería.

A introdución da formación dual (compartir períodos de formación nas aulas e nas organizacións) nos títulos oficiais universitarios é moi recente. Pero esta formación semella que vai supoñer unha tendencia progresiva inevitable nos vindeiros anos.

En España, segundo dispón o artigo 22 do Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e do procedemento de aseguramento da súa calidade, os títulos universitarios oficiais de grao e mestrado poderán incluír a mención dual, que comporta un proxecto formativo común que se desenvolve complementariamente no centro universitario e nunha entidade colaboradora, que poderá ser unha empresa, unha organización social e/ou sindical, unha institución ou unha Administración, baixo a supervisión e o liderado formativo do centro universitario, e cuxo obxectivo é a adecuada capacitación do estudantado para mellorar a súa formación integral e mellorar a súa empregabilidade.

Para o recoñecemento da mención dual, o punto 2 do mencionado artigo establece os seguintes requisitos:

a) A porcentaxe de créditos, recollidos no plan de estudos, que se desenvolvan na entidade colaboradora (empresa, organización, institución ou administración), será de:

1º. Entre o 20 e o 40 por cento dos créditos, en títulos de grao.

2º. Entre o 25 e o 50 por cento dos créditos, en títulos de máster universitario.

Dentro de tales porcentaxes deberá incluírse o traballo fin de grao ou de máster.

b) A actividade formativa desenvolta de forma dual na universidade e a entidade colaboradora alternarase cunha actividade laboral retribuída, a través dun contrato para a formación dual universitaria, nos termos establecidos no artigo 11.3 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado mediante o Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, e na súa normativa de desenvolvemento, así como no resto da normativa laboral que lle resulte de aplicación.

Por outra banda, o mesmo real decreto, no seu artigo 26.3, dispón o seguinte: «As Comunidades Autónomas no exercicio das súas competencias sobre a programación universitaria e a ordenación do mapa de titulacións oficiais do seu ámbito territorial, realizarán un informe preceptivo sobre a necesidade e viabilidade académica e social da implantación do título universitario oficial previo ao inicio do procedemento de verificación. No caso de informe favorable, a universidade poderá iniciar o procedemento de verificación do título».

Tendo en conta o anterior, a Secretaría Xeral de Universidades considera necesario ditar unhas instrucións co obxecto de especificar unha serie de liñas de actuación mínimas e homoxéneas para garantir a calidade e oportunidade das propostas que realicen as universidades do Sistema universitario de Galicia para a posta en marcha de mencións duais.

Polo tanto, en virtude das competencias outorgadas no capítulo IV do título II do Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades resolvo ditar as seguintes

Instrucións

Primeira. Obxecto e ámbito de aplicación

O obxecto destas instrucións é a definición dun marco específico de actuación común para as universidades galegas, cun procedemento xeral para o desenvolvemento e execución da implantación de mencións duais.

Neste documento desenvólvense criterios para a avaliación da calidade de graos e máster universitarios, para a verificación e posterior implantación de mencións duais. Trátase de orientar os centros universitarios no proceso interno de elaboración, revisión e modificación das propostas de mencións duais, que incorporen as memorias de verificación dos seus títulos de grao e de máster universitario.

Estas instrucións aplicaranse ás novas solicitudes de verificación de grao e máster oficial universitario con mención dual, así como a aquelas que estean en trámite no momento da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda. Criterios de calidade

Para a emisión do preceptivo informe de necesidade e viabilidade académica e social, a Secretaría Xeral de Universidades terá en conta a suficiente precisión dos seguintes criterios de calidade:

1. Participación das partes interesadas no deseño dos resultados de aprendizaxe: achegaranse evidencias da participación das partes interesadas.

2. Definición dos resultados de aprendizaxe (medibles, alcanzables, realistas, temporais e específicos): os resultados de aprendizaxe que se pretenden acadar aparecerán claramente definidos e aliñados cos obxectivos do título e a súa xustificación e concretaranse en coñecementos ou contidos, competencias e habilidades ou destrezas, para acadar polo estudantado. Os resultados de aprendizaxe que se traballen no centro universitario e na entidade colaboradora serán complementarios e implementaranse de forma coordinada.

3. Transparencia: todos os procedementos e a súa avaliación deberán ser accesibles para todas as partes interesadas.

4. Identificación de prazas: a adxudicación de prazas da mención dual ao alumnado terá que realizarse conforme procedementos estandarizados que garantan o éxito da selección e aseguren o adecuado emparellamento entre entidades colaboradoras e aprendices.

5. Desenvolvemento de capacidades nas entidades colaboradoras: recolleranse accións encamiñadas a dotar os provedores de prazas duais (entidades colaboradoras) de capacidades e ferramentas adecuadas para xestionar correctamente o proceso de aprendizaxe do estudantado.

6. Xestión da base de datos de prazas-asignacións: describirase a forma de asignación de prazas duais mediante unha base de datos en que figuren as prazas ofertadas polas entidades colaboradoras e as solicitudes recibidas do alumnado.

É conveniente que na información facilitada ao alumnado se concrete a relación entre a praza dual e o posto de traballo.

7. Protección de datos: preveranse mecanismos de protección de datos que garantan o cumprimento dos requisitos legais e a protección contra o uso indebido.

8. Formalización do acordo: a formación dual requirirá dun acordo entre as partes interesadas (convenio específico), que documente as relacións e responsabilidades de cada unha das partes, cuxo contido mínimo se determina no anexo II.

9. Supervisión das actividades nas entidades colaboradoras: especificaranse accións de supervisión das actividades que se van desenvolver, co fin de identificar posibles desviacións, informar as partes involucradas e intervir para recoller e/ou ofrecer suxestións de mellora.

10. Supervisión das actividades do alumnado: definiranse os procesos e instrumentos de observación dos procesos de aprendizaxe do alumnado, co fin de identificar posibles desviacións e adoptar medidas correctivas.

11. Apoio ao estudantado e resolución de problemas: farase unha previsión dos procedementos para xestionar as dificultades técnicas e dos recursos aos cales acudir para resolver inconvenientes, problemas, etc.

12. Deseño da avaliación do estudantado: describiranse as liñas xerais para o deseño da avaliación do alumnado, con procedementos e instrumentos, tanto formais como informais, que sirvan para valorar o grao de cumprimento dos resultados de aprendizaxe previstos. Os ditos procedementos responderán a un enfoque de avaliación continua que contribúa á mellora do desempeño e do intercambio entre todos os interesados.

13. Certificación e recoñecemento: describiranse mecanismos de certificación dos resultados de aprendizaxe para que sexan transferibles e recoñecibles.

14. Queixas e reclamacións: recollerase a normativa reguladora da universidade.

15. Avaliación da formación dual: preveranse procedementos e instrumentos para a avaliación do proxecto no seu conxunto, tomando en consideración aspectos como a satisfacción do alumnado e das entidades colaboradoras, os resultados académicos do estudantado e as fortalezas e oportunidades de mellora dos procesos.

Terceira. Xustificación (punto 1.10 da memoria de verificación)

Nesta epígrafe da memoria de verificación incluirase a xustificación da mención dual no que respecta ao seu interese académico, científico, profesional e social.

Tamén se incluirá unha descrición das fases desenvolvidas no proceso de deseño e grupos de interese participantes.

Cuarta. Obxectivos (punto 1.12 da memoria de verificación)

Nesta epígrafe da memoria de verificación, de estruturas curriculares específicas e xustificación dos seus obxectivos, recollerase a xustificación e necesidade da formación dual no título, evidenciando como no deseño da mención dual se tomou en consideración a opinión dos grupos de interese e a súa xustificación académica e profesional.

Quinta. Criterios de acceso, recoñecemento e mobilidade (punto 3 da memoria de verificación)

Nesta epígrafe da memoria de verificación recolleranse aqueles aspectos que afecten ao acceso do alumnado á mención dual e concretarase, polo menos:

1. Unha descrición dos mecanismos para informar o estudantado sobre as vías de acceso, os procedementos de admisión e abandono do proxecto formativo dual.

2. Os mecanismos para que o alumnado poida retornar ao itinerario xeral; vía exclusivamente posible para o alumnado que non teña superado a metade dos créditos definidos no proxecto dual.

3. Os requisitos específicos para poder cursar a mención dual e os criterios de selección do programa formativo, que deberán ser públicos e de natureza académica, estar descritos con claridade, non inducir a confusión e ser coherentes cos obxectivos do programa.

4. O proxecto formativo recollerá unha adecuada organización da mobilidade do estudantado e incluír un recoñecemento de créditos fundamentado nos resultados de aprendizaxe do proxecto.

Sexta. Procedementos de avaliación (punto 4.3 da memoria de verificación)

Nesta epígrafe da memoria de verificación recolleranse as liñas e procedementos xerais dos sistemas de avaliación da mención dual.

Estes deseñaranse tendo en conta unha avaliación formadora e orientadora, variada en metodoloxía e instrumentos, que involucre o alumnado na autoavaliación e baseada en datos obxectivos e criterios claros que o alumnado debe coñecer. Para isto:

– Especificaranse os instrumentos de avaliación que se van empregar: cuestionarios escritos e orais, debates, diario ou rexistros de experiencias, portafolios, rúbricas, avaliación por proxectos, etc.

– Describiranse os procedementos e instrumentos para a recollida de información sobre a satisfacción do alumnado e das entidades colaboradoras, os resultados académicos do estudantado, as fortalezas e oportunidades de mellora dos procesos, etc

As persoas responsables do seguimento serán as persoas titoras académicas coa colaboración das persoas titoras da entidade.

Sétima. Planificación curricular (punto 4.4 da memoria de verificación)

Nesta epígrafe da memoria de verificación do título concretaranse os seguintes aspectos:

a) Resultados de aprendizaxe.

Especificaranse os resultados de aprendizaxe vinculados coa mención dual nos termos recollidos na instrución segunda punto 2.

b) Materias ou módulos que integran o proxecto formativo dual.

Recollerase a descrición básica e planificación do itinerario formativo que conforma a mención dual, en coherencia cos obxectivos formativos e resultados de aprendizaxe.

c) Planificación e organización curricular.

1) Modalidade: parcial ou intensiva (concretarase no convenio específico para cada estudante).

 Parcial: alternancia diaria (mañá/tarde) ou entre semana (exemplo: 3 días/2 días).

– Intensiva: alternancia con períodos longos no centro educativo e na entidade colaboradora (3 meses/3 meses, 6 meses/6 meses, etc.).

2) Organización temporal.

– Distribución de créditos da mención dual en cursos e semestres.

– Previsión de distribución temporal da formación no centro formativo e na empresa (concretarase no convenio específico para cada estudante).

Deberase garantir en todo momento a posibilidade de compaxinar a actividade formativa no centro universitario e a entidade colaboradora.

Neste sentido, a planificación do proxecto formativo deberá ser coherente cos resultados do proceso de formación deseñado e, en especial, coa dedicación prevista do estudantado.

Oitava. Modelo de xestión: estrutura e organización interna (punto 5.1 da memoria de verificación)

Nesta epígrafe describiranse os mecanismos de coordinación docente, no cal se especificarán as funcións das persoas coordinadoras e da Comisión da Mención Dual, incluíndo a súa composición e funcións.

Novena. Xestión de adxudicación de prazas. Plataforma de xestión (anexo)

Xuntarase como anexo da memoria de verificación a descrición do sistema de adxudicación de prazas, que se axustará aos seguintes requisitos:

1. A asignación de prazas duais farase conforme unha base de datos en que figurarán os rexistros das prazas ofertadas polas entidades colaboradoras e as solicitudes recibidas do alumnado.

2. Especificarase a lo menos: as persoas responsables da xestión de prazas duais; a xestión da base de datos das entidades colaboradoras, as prazas ofertadas, etc

3. A base de datos das entidades colaboradoras e das prazas ofertadas recollerá, como mínimo: os datos administrativos da entidade; os postos de traballo e tarefas para desempeñar; a contía económica que se vai percibir; os datos da persoa titora da empresa; a persoa de contacto; o perfil preferente das prazas ofertadas como o coñecemento de idiomas, etc; o procedemento de solicitude de participación no programa e recollida de preferencias do estudantado.

4. A base de datos de solicitudes por parte do alumnado, recollerá a lo menos: información de contacto; titulación e curso; preferencias de interese xeográfico, dispoñibilidade de coche, outras; preferencias por tipoloxía de entidade colaboradora, localización, funcións, actividades que se van desempeñar, outras; formación complementaria; currículo actualizado; procedemento de selección e adxudicación de prazas.

5. Descrición dos procedementos de adxudicación e persoas responsables da toma de decisións (universidade/entidade colaboradora).

6. Recursos para a xestión de prazas:

Especificaranse os recursos dispoñibles para a xestión das prazas duais e as previsións respecto do uso dunha plataforma específica.

Décima. Relación de entidades colaboradoras e convenio marco

A universidade concretará a relación de entidades colaboradoras seleccionadas pola súa dispoñibilidade de recursos materiais, infraestruturas e servizos adecuados para a posta en marcha da mención dual.

O/os convenio/s marco asinado/s con cada entidade participante no proxecto de formación dual, segundo modelo do anexo I, acompañarase á solicitude de verificación da memoria do título.

Décimo primeira. Adaptación ás presentes instrucións

1. As titulacións oficiais que xa estean implantadas no momento da publicación da presente resolución terán un período de tres anos para realizar as modificacións oportunas nas súas memorias de verificación co obxecto de adaptarse ao disposto nas presentes instrucións.

Décimo segunda. Entrada en vigor

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2024

José Alberto Díez de Castro
Secretario xeral de Universidades

ANEXO I

Modelo de convenio marco de colaboración educativa

Universidade:

Centro

En….., a data

REUNIDOS:

Dunha parte,

...……................................................……, con DNI …..............…….. representante legal do centro ……...................................…... da universidade ……...........................…, localizada en (concello) ……........…., rúa ……......................…... e núm. .........., con NIF……….…., correo electrónico …..............................................….. e teléfono ………..........................….

E doutra,

...……................................................……, con DNI…..............…….. representante legal de (entidade colaboradora) …………...........….., localizada en (concello) ……...................…., rúa ……...........................................…... e núm. …….….., con NIF……......................…….., correo electrónico …..............................................….. e teléfono ………..........................….

EXPOÑEN:

Primeiro. Que as universidades, a teor do artigo 2.2 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do Sistema universitario, teñen entre as súas funcións:

a) A educación e formación do estudantado a través da creación, desenvolvemento, transmisión e avaliación crítica do coñecemento científico, tecnolóxico, social, humanístico, artístico e cultural, así como das capacidades, competencias e habilidades inherentes ao mesmo.

b) A preparación para o exercicio de actividades profesionais que exixan a aplicación e actualización de coñecementos e métodos científicos, tecnolóxicos, sociais, humanísticos, culturais e para a creación artística.

Segundo. Que a entidade colaboradora ... manifesta a súa vontade de colaborar co desenvolvemento do programa de formación dual universitaria, dentro do marco establecido polo Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e do procedemento de aseguramento da súa calidade.

Terceiro. Que ambas partes entenden que a sinatura do presente convenio marco posibilitará que o alumnado da titulación (nome da titulación) obteña un coñecemento máis profundo das competencias necesarias para o seu futuro, preparándoo para o exercicio de actividades profesionais, facilitando a súa empregabilidade e fomentando a súa capacidade de emprendemento, creatividade e innovación.

Cuarto. Que o artigo 22 do Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e do procedemento de aseguramento da súa calidade, establece a posibilidade de implantar a mención dual nas ensinanzas universitarias oficiais, para o cal se exixe que a universidade e a entidade colaboradora teñan subscrito previamente un convenio marco de colaboración educativa.

Con base no anterior, ambas partes acordan as seguintes

Cláusulas

Primeira. Obxecto

O obxecto deste convenio é establecer o marco de colaboración entre o centro universitario e a entidade colaboradora sinalados no encabezamento, para o desenvolvemento de programas de formación dual universitaria que se ofrecerán ao alumnado matriculado no grao/máster universitario de ...

Segunda. Proxecto formativo e convenio específico

1. O centro universitario e a entidade colaboradora comprométense ao desenvolvemento do proxecto formativo para a obtención da mención dual de acordo co plan de estudos, nos termos establecidos no presente documento.

Para tal fin, as partes concertarán o proxecto formativo para desenvolver polo estudantado no programa dual, durante os períodos de tempo que se especifiquen en cada caso.

2. O proxecto formativo para a obtención da mención dual deberá incluírse como parte do convenio específico que deberá asinar cada alumno/a del, así como a persoa titora da universidade e a persoa titora na entidade colaboradora.

Terceira. Obrigas da universidade

1. A universidade comprométese a:

a) Coordinar as accións necesarias para a posta en marcha do proxecto formativo dual.

b) Informar a entidade colaboradora da normativa vixente en relación coa formación dual.

c) Desenvolver as actividades de planificación do proxecto dual e as capacidades das entidades colaboradoras.

d) Desenvolver un plan de orientación sobre o proxecto formativo dual dirixido ao estudantado.

e) Establecer os procedementos de información específica aos colectivos interesados.

f) Garantir os recursos necesarios ás unidades implicadas na xestión do proxecto formativo dual.

g) Garantir a coordinación das accións necesarias para a posta en marcha do programa.

h) Supervisar o procedemento para garantir a protección de datos persoais.

i) Coordinar e supervisar os procedementos para a xestión adecuada de incidencias, queixas e reclamacións.

j) Outras acordadas entre o centro universitario e a entidade colaboradora.

Cuarta. Obrigas da entidade colaboradora.

A entidade colaboradora comprométese a:

a) Garantir o acceso ás súas dependencias, á persoa titora do centro universitario para realizar as visitas e levar a cabo as actuacións de revisión da programación, valoración e supervisión do proceso formativo do estudantado.

b) Cumprir a programación das actividades formativas acordadas co centro universitario.

c) Realizar un seguimento individualizado e de progreso do estudantado.

d) Cumprir con todos os requisitos que en materia de prevención de riscos laborais lles sexan exixibles e proporcionar ao estudantado, cando o posto o requira, os equipos de protección correspondentes.

e) Cumprir e facer cumprir as normas de seguridade e hixiene no traballo, vixentes en cada momento.

f) Informar a representación legal das persoas traballadoras da entidade colaboradora sobre os acordos subscritos, nos cales se indicará, polo menos, o alumnado que se vai incorporar, o posto no que desenvolverá a formación dual e o contido da actividade formativa.

g) Outras acordadas entre o centro universitario e a entidade colaboradora.

Quinta. Compatibilidade da actividade

O período de estancia do estudantado na entidade colaboradora non interferirá co dereito e a obriga de asistir ás actividades lectivas no centro universitario previamente planificadas.

O estudantado non poderá realizar traballos nocturnos nin a quendas.

Sexta. Contrato para a formación dual

1. A actividade lectiva alternarase coa actividade laboral retribuída, mediante un contrato nos termos establecidos no Real decreto lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo, onde se configura o marco contractual para a formación dual universitaria a través de contratos de formación (artigo 11.2 ET).

2. Como complemento das coberturas do seguro escolar, a entidade colaboradora contratará, por si mesma ou en colaboración coa universidade, unha póliza de seguro complementaria de accidentes e outra de responsabilidade civil, para mellorar as indemnizacións e cubrir os danos a terceiros ou a responsabilidade civil do estudantado durante a súa actividade na entidade colaboradora.

Sétima. Nomeamento de persoas titoras

1. A entidade colaboradora nomeará, para cada estudante, unha persoa titora coa cualificación ou experiencia profesional adecuada.

2. O centro universitario nomeará unha persoa titora para cada estudante, que o acompañará nas distintas actividades do proceso formativo dual.

3. O contido e o desenvolvemento das actividades de aprendizaxe no centro de traballo será responsabilidade da persoa titora do centro universitario, en colaboración coa persoa titora da entidade colaboradora.

Oitava. Dereitos e obrigas da persoa titora da entidade colaboradora

1. A persoa titora na entidade colaboradora terá os seguintes dereitos:

– Ao recoñecemento da súa actividade colaboradora por parte da universidade a través do correspondente certificado ou similar.

– A ser informada da normativa que regula os proxectos formativos duais, así como o proxecto formativo e as condicións baixo as cales se desenvolverá a estancia do/da estudante.

– A ter acceso á universidade para obter a información e apoio necesarios para o cumprimento dos fins propios da súa función.

2. Así mesmo, terá as seguintes obrigas:

– Acoller o alumnado e organizar a actividade que se vai desenvolver de acordo co establecido no proxecto formativo.

– Supervisar as actividades do alumnado, orientar e controlar o desenvolvemento da súa formación práctica mediante unha relación baseada no respecto mutuo e o compromiso coa aprendizaxe.

– Informar o alumnado da organización e funcionamento da entidade e da normativa de interese, especialmente a relativa á seguridade e riscos laborais.

– Coordinar coa persoa titora académica o desenvolvemento das actividades establecidas no proxecto formativo, as modificacións que sexan necesarias para o normal desenvolvemento da actividade, así como a comunicación e resolución de incidencias que puidesen xurdir.

– Emitir o informe final sobre a formación do alumnado.

– Proporcionarlle ao alumnado a formación e medios materiais indispensables para a súa formación na entidade.

– Facilitar á persoa titora académica o acceso á entidade para o cumprimento dos fins propios das súas funcións.

– Gardar confidencialidade en relación coa información que coñeza do alumnado como consecuencia da súa actividade de titorización.

– Prestar axuda e asistencia de carácter profesional ao alumnado, no desempeño das actividades que realiza na entidade colaboradora.

– Participar na Comisión de Avaliación do programa dual no nivel de universidade/facultade, xunto cos restantes axentes implicados.

– Outras acordadas entre o centro universitario e a entidade colaboradora.

Novena. Dereitos e obrigas da persoa titora da universidade

1. A persoa titora académica terá os seguintes dereitos:

– Ao recoñecemento efectivo do labor de titorización nos termos que estableza a universidade.

– A ser informada da normativa que regula os proxectos formativos duais, así como do proxecto formativo e as condicións baixo as cales se desenvolverá a actividade do estudantado para tutelar.

– A ter acceso á entidade para cumprimento dos fins propios da súa función.

2. Así mesmo, terá as seguintes obrigas:

– Velar polo normal desenvolvemento do proxecto formativo, garantindo ao alumnado a compatibilidade do horario das prácticas coas obrigas académicas, formativas, de representación e participación na universidade.

– Facer un seguimento efectivo da actividade do alumnado na entidade coordinándose coa persoa titora desta, vistos, de ser o caso, os informes de seguimento.

– Autorizar as modificacións que se produzan no proxecto formativo.

– Levar a cabo o proceso avaliador do alumnado.

– Gardar confidencialidade en relación coa información do alumnado que coñeza como consecuencia da súa actividade de titorización.

– Detectar conflitos e desviacións na aprendizaxe, propoñer correccións e informar das posibles incidencias xurdidas á persoa titora da entidade colaboradora.

– Supervisar y, de ser o caso, solicitar os recursos de apoio necesarios para asegurar que o alumnado con discapacidade realice a súa formación en alternancia en condicións de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal.

– Emitir o informe final de avaliación da estancia na entidade colaboradora.

– Outras acordadas entre o centro universitario e a entidade colaboradora.

Décima. Dereitos e obrigas do estudantado

1. Durante a realización do programa formativo o estudantado terá os seguintes dereitos:

– Á tutela, durante o período de duración do programa formativo, por un/unha profesor/a da universidade e por un/unha profesional que preste servizos na entidade colaboradora.

– Á avaliación de acordo cos criterios establecidos pola universidade.

– Á obtención dun informe por parte da entidade, con mención expresa da actividade desenvolvida, a súa duración e, de ser o caso, o seu rendemento.

– A percibir a prestación económica establecida na lexislación vixente.

– Á propiedade intelectual e industrial dos traballos fin de estudos (TFG, TFM) nos termos establecidos na lexislación reguladora da materia.

– A recibir, por parte da entidade, información da normativa de seguridade e prevención de riscos laborais.

– A cumprir coa súa actividade académica, formativa, de representación e participación, previa comunicación coa antelación suficiente á entidade.

– A dispoñer dos recursos necesarios de tutela, información e avaliación, e ao propio desempeño do proxecto formativo en igualdade de condicións, no caso de acceso do estudantado con discapacidade.

– A conciliar, no caso do estudantado con discapacidade, a realización do programa formativo con aquelas actividades e necesidades persoais derivadas da súa situación.

– Outros acordados entre o centro universitario e a entidade colaboradora.

2. Así mesmo, terá as seguintes obrigas:

– Cumprir a normativa vixente relativa ao desenvolvemento do proxecto formativo para a mención dual establecida pola universidade.

– Coñecer, cumprir e desenvolver o proxecto formativo seguindo as indicacións da persoa titora da entidade e da persoa titora académica.

– Manter contacto coa persoa titora académica durante o desenvolvemento do proxecto formativo e comunicarlle calquera incidencia e facer entrega dos documentos e informes das actividades desenvolvidas e da memoria final que lle sexan requiridos.

– Incorporarse á entidade na data acordada, cumprir co horario establecido no convenio específico.

– Respectar as normas de funcionamento, seguridade e prevención de riscos laborais desta.

– No suposto de que o estudantado, no desenvolvemento da súa actividade formativa, deba desprazarse a outras entidades, deberá informar as persoas titoras de ambas institucións, que analizarán e decidirán se procede poñer en marcha un sistema de coordinación de actividades empresariais co obxecto de controlar situacións de risco non suficientemente controladas.

– Gardar confidencialidade en relación coa información interna da entidade e gardar segredo profesional sobre as súas actividades, durante a súa estancia e finalizada esta.

– Cumprir coas instrucións da entidade sobre o tratamento de datos de carácter persoal aos cales poida ter acceso, de ser o caso.

– Amosar, en todo momento, unha actitude respectuosa cara a política da entidade, salvagardando, así mesmo, o bo nome da universidade.

– Outras acordadas entre o centro universitario e a entidade colaboradora.

Décimo primeira. Comisión Mixta de Coordinación e Seguimento

Crearase unha Comisión Mixta de Coordinación e Seguimento integrada por ..., ... representantes da universidade e ... representante da entidade colaboradora ...

Esta comisión terá como funcións principais:

– A coordinación e seguimento das actividades desenvolvidas polo alumnado.

– O desenvolvemento e cumprimento dos acordos do presente convenio.

– A resolución das eventuais dúbidas e conflitos que xurdan na interpretación das estipulacións deste convenio.

– O desenvolvemento e aplicación do proxecto formativo.

– A resolución de incidencias que xurdan na súa realización.

– A determinación dos procedementos e dos responsables para a resolución de queixas e reclamacións.

A comisión reunirase cando así o considere necesario calquera das partes asinantes.

Décimo segunda. Protección de datos

Para os efectos do establecido na normativa aplicable, faise constar que os datos de carácter persoal, facilitados por unha das partes á outra, serán tratados por aquela que os reciba, como responsable deles, coa finalidade de xestionar o presente acordo e o proxecto formativo

Estes datos serán conservados durante o prazo de duración do presente acordo e durante os prazos legalmente establecidos.

As entidades asinantes deste convenio manifestan que coñecen e que cumpren a lexislación europea en materia de protección de datos de carácter persoal, á cal se someten de forma expresa, e comprométense a dar un uso debido aos datos de tal natureza obtidos como consecuencia do desenvolvemento do presente convenio, no marco do disposto polo Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016.

As entidades asinantes deste convenio comprométense a:

– Que os datos de carácter persoal non se cedan a terceiras partes, salvo nos casos en que exista unha obriga legal.

– Tratar os datos de carácter persoal aos exclusivos fins do presente convenio, salvo consentimento expreso da persoa afectada.

– Adoptar as medidas adecuadas para limitar o acceso aos datos persoais por parte do seu persoal e que estes non sexan obxecto de ningún tratamento distinto aos previstos no convenio.

As persoas interesadas poderán exercer, de ser o caso, os dereitos de acceso, rectificación, cancelación, oposición, limitación e portabilidade nos termos legais previstos, mediante a comunicación á respectiva entidade.

Os datos de carácter persoal deberán ser destruídos ou devoltos unha vez finalizada a vixencia do convenio e no momento en que sexa necesario en cumprimento das condicións pactadas ou legalmente previstas, sen prexuízo das excepcións que a normativa e/ou as decisións xudiciais puidesen establecer con respecto ao mantemento temporal mínimo de certos datos que pola súa natureza así se requira. O mesmo destino haberá de darse a calquera soporte ou documento en que conste algún dato de carácter persoal obxecto de tratamento.

Décimo terceira. Transparencia

A sinatura do convenio suporá o consentimento expreso das partes asinantes para facer públicos os datos referidos ao propio convenio.

A universidade poderá incluír e facer pública a citada información de conformidade co artigo 8 da Lei 9/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso a información pública e bo goberno, e o artigo 15 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Décimo cuarta. Natureza do convenio

O presente convenio ten natureza administrativa e rexerase, na súa interpretación e desenvolvemento, polo ordenamento xurídico administrativo aplicable.

As partes comprométense a resolver amigablemente as diferenzas que puidesen xurdir a través da Comisión Mixta de Coordinación e Seguimento establecida na cláusula décimo primeira do presente convenio.

Así mesmo, aplicarase, se é o caso, a xurisdición contencioso-administrativa con competencia na materia.

Décimo quinta. Vixencia

1. O presente convenio entrará en vigor a partir da data de autorización de impartición do título con mención dual, por un período de catro anos, e en todo caso, polo tempo necesario para asegurar o remate do programa formativo polo alumnado. Poderá ser prorrogado expresamente por outros catro anos, agás denuncia expresa dunha das partes asinantes, que deberá ser notificada con dous meses de antelación.

2. Calquera modificación do contido deste convenio deberase notificar previamente, por escrito, e aprobarase co consentimento das partes asinantes. As ditas modificacións incorporaranse como addendas ao presente convenio.

Décimo sexta. Causas de resolución

Son causas de resolución do convenio:

a) O mutuo acordo das partes asinantes.

b) O incumprimento das cláusulas contidas nel por algunha das partes, logo de reunión da Comisión Mixta de Coordinación e Seguimento.

c) O remate do prazo de vixencia sen acordarse a súa prórroga.

d) A denuncia dalgunha das partes, con comunicación formal do feito, por imposibilidade de levar adiante as actividades programadas ou por incumprimento das cláusulas establecidas no presente convenio.

e) A declaración de nulidade deste por resolución xudicial.

A denuncia do convenio poderá ser realizada por calquera das partes, e deberá comunicalo por escrito coa antelación establecida na cláusula décimo quinta.

En todo caso, unha vez extinguido o convenio, deberá garantirse ao alumnado que está cursando o proxecto formativo, a posibilidade de finalizalo.

En proba de conformidade con canto antecede, ambas partes asinan o presente convenio no lugar e data da última sinatura dixital.

Pola universidade Pola entidade colaboradora

Centro:

Cargo: Cargo:

Asdo. Asdo.

ANEXO II

Contido mínimo de convenio específico para a formación dual universitaria

O convenio específico para o desenvolvemento de programas de formación dual universitaria deberá recoller, polo menos, os seguintes aspectos:

– Datos da universidade.

Universidade:

Centro:

Titor/a académico/a:

Nome do/da alumno/a: DNI:

– Datos da entidade colaboradora.

Nome da entidade:

Praza asignada:

Modalidade (parcial/intensiva):

Duración e tipo de xornada:

Nº de horas totais do programa que se vai desenvolver na entidade:

Retribución fixada no convenio para o grupo profesional e nivel retributivo correspondente:

Titor/a da entidade colaboradora:

Lugar onde se desenvolverá o programa dual:

– Proxecto formativo na entidade colaboradora.

Título de grao/máster:

Obxectivos xerais:

Competencias básicas:

Resultados de aprendizaxe:

Descrición das actividades formativas que se van desenvolver na entidade:

Avaliación:

Plan de desenvolvemento do traballo de fin de grao/máster:

As partes asinantes deste convenio comprométense a cumprir os compromisos e as obrigas recollidos no Convenio marco de colaboración educativa.

Asinado en ...

Pola universidade: Pola entidade: Estudante

Centro: Cargo: Nome:

Cargo: Nome:

Nome: