DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 15 de xaneiro de 2024 Páx. 3154

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 22 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (código de procedemento SI451A).

O artigo I da Declaración de Nacións Unidas sobre a eliminación da violencia contra as mulleres de 1993 aportou unha definición de violencia de xénero que segue a ser pertinente no momento actual: «todo acto de violencia baseado na pertenza ao sexo feminino que teña ou poida ter coma resultado un dano ou sufrimento físico, sexual ou psicolóxico para a muller, así como as ameazas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria da liberdade, tanto se se producen na vida pública como na privada».

A violencia de xénero maniféstase de moi diversas formas, en todas as culturas e países, en todas as clases sociais e en todas as idades. Así o reflicten as estatísticas, que amosan unha parte pequena, mais gravísima, da magnitude total da violencia exercida contra as mulleres. A violencia cotiá contra as mulleres estivo durante séculos naturalizada e normalizada, polo que se mantiña silenciada e aínda hoxe, a pesar de situarse no centro da preocupación social e política, é un fenómeno estrutural e global que constitúe un problema sociopolítico de primeira magnitude, que como tal debe ser tratado, e no cal a sociedade debe asumir o compromiso de loitar de xeito conxunto a prol da súa erradicación. O compromiso da Administración debe ser articular unha resposta global á problemática da violencia de xénero en calquera das súas modalidades e consecuencias a través dunha asistencia integral ás mulleres vítimas e ás persoas ao seu cargo, así como fortalecendo a prevención para avanzar na paulatina redución desta lacra social ata a súa erradicación.

A Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo, recolle actuacións destinadas a achegar a toda a sociedade, e principalmente ás vítimas, unha necesaria resposta que garanta a seguridade e a recuperación integral das mulleres e das persoas que dela dependen, potenciando instrumentos de prevención e sensibilización e articulando os mecanismos necesarios para prestar unha atención integral ás mulleres que sofren violencia de xénero.

En novembro de 2016, o Pleno do Congreso dos Deputados aprobou, por unanimidade, unha proposición non de lei pola que se instaba o Goberno a promover a subscrición dun Pacto de Estado en materia de violencia de xénero polo Goberno da Nación, as comunidades autónomas e cidades con estatuto de autonomía e a Federación Española de Municipios e Provincias, que siga impulsando políticas para a erradicación da violencia sobre a muller como unha verdadeira política de Estado. Así, no seo da Comisión de Igualdade do Congreso, creouse unha subcomisión que tivo como obxectivo elaborar un informe en que se identificasen e analizasen os problemas que impiden avanzar na erradicación das diferentes formas de violencia de xénero, e no cal se incluíran un conxunto de propostas de actuación, entre elas as principais reformas que deben acometerse para dar cumprimento efectivo a ese fin, así como ás recomendacións dos organismos internacionais.

Pola súa banda, a Comisión de Igualdade do Senado decidiu, o 21 de decembro de 2016, a creación dunha ponencia que estudase e avaliase, en materia de violencia de xénero, os aspectos de prevención, protección e reparación das vítimas, analizase a estratexia para alcanzar e implementar un Pacto de Estado contra a violencia de xénero e examinase a Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero. O 13 de setembro de 2017, o Pleno do Senado aprobou, por unanimidade, o informe da ponencia de estudo para a elaboración de estratexias contra a violencia de xénero.

O 27 de decembro de 2017, todas as comunidades autónomas ratificaron de común acordo o documento final do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, que no seu eixe 3 recolle de maneira específica medidas para «o perfeccionamento da asistencia, axuda e protección ás vítimas», e entre elas a elaboración de propostas para mellorar o apoio social, educativo, de formación e inserción laboral das mulleres que sofren violencia de xénero.

Son as comunidades autónomas as que asumen as competencias da asistencia social integral das mulleres vítimas de violencia de xénero e dos seus fillos e fillas e están, polo tanto, chamadas a xogar un papel clave na prevención, atención e reparación do dano.

As medidas relativas ao compromiso económico vinculado ao desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero establecían que o financiamento debía alcanzar o horizonte temporal necesario para materializar o conxunto de medidas acordadas no mesmo e desde a súa aprobación incluían un primeiro escenario, que abarcaba os primeiros cinco exercicios orzamentarios desde a aprobación do pacto, isto é, desde 2018 a 2022. Con todo, prevíase que este horizonte temporal se podería actualizar e redefinir dentro da propia Comisión de Seguimento do Pacto constituída no Congreso.

O día 25 de novembro de 2021, catro anos despois da aprobación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero de 2017, a maioría dos grupos políticos con representación parlamentaria, conscientes de que o Pacto de Estado non pode ter como horizonte temporal o mes de setembro de 2022, senón que debe continuar vertebrando a nosa resposta como país fronte á violencia machista, asinaron un acordo de renovación do ditame, onde novamente se plasmou a vontade de todos os actores institucionais de seguir traballando polo cumprimento das medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e o establecemento dun marco ampliado e permanente para o desenvolvemento de políticas públicas que o fortalezan.

Con base en todo o anterior, o 22 de xullo de 2022 a Conferencia Sectorial de Igualdade aprobou o Acordo relativo ao establecemento dun marco de actuación conxunta que garanta a prórroga e permanencia das políticas públicas e os servizos que se derivan do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, co obxecto de asegurar as condicións básicas que garantan a igualdade de todas as mulleres no exercicio dos seus dereitos fronte á violencia.

As mulleres que viven ou viviron situacións de violencia de xénero precisan dotarse das ferramentas necesarias para incorporarse ao mundo laboral e obter independencia económica, no caso de que esta non existise, polo que desde as administracións temos a obriga de dotar dos mecanismos necesarios para facilitarlles esa integración social e laboral. Nesa obriga enmárcase esta resolución, que ten como obxectivo primeiro o desenvolvemento de programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral a mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de apoialas na súa integración ou reintegración no mercado laboral, como elemento clave para a súa recuperación integral, tendo en conta que a falta de recursos propios, fundamentalmente dun posto de traballo, dificulta en moitas ocasións a ruptura da situación de violencia. O acceso ao emprego das mulleres vítimas de violencia de xénero representa un paso fundamental para lograr unha maior autonomía e aumento da autoestima, ao acadar a independencia económica contribuíndo a lograr a súa plena integración na vida económica e social.

As bases reguladoras e a convocatoria destas axudas axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño), no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG núm. 214, do 5 de novembro), e no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro), e no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo (BOE núm. 176, do 25 de xullo).

A Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (en diante, Orde do 11 de febreiro de 1998), posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos que se vaian a imputar os correspondentes gastos, sempre que exista normalmente no presuposto crédito axeitado e suficiente. Así mesmo, en cumprimento do artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a concesión das subvencións tramitadas nesta resolución queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta resolución enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo dos informes da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, da Asesoría Xurídica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, do informe de impacto de xénero, e no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e convocar, para o ano 2024, subvencións a entidades sen ánimo de lucro para programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, coa finalidade de apoialas na súa integración ou reintegración no mercado laboral, como elemento clave para unha recuperación integral, tendo en conta que a falta de recursos propios, fundamentalmente dun posto de traballo, dificulta en moitas ocasións a ruptura da situación de violencia.

2. O procedemento para a concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

4. O código deste procedemento administrativo é o SI451A.

Artigo 2. Financiamento

1. Para a concesión destas axudas destinaranse 700.000,00 euros imputables á aplicación orzamentaria 13.20.313D.481.2 (código de proxecto 2018 00112).

A dita partida orzamentaria finánciase con fondos finalistas do Estado, que os orzamentos xerais do Estado destinan ao desenvolvemento ou ampliación das medidas recollidas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

O método de concesión e xustificación empregado será a través de módulos, consonte o disposto no artigo 52 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. Segundo o establecido no artigo 5 da Orde do 11 de febreiro de 1998, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta resolución enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción. Así mesmo, en cumprimento do artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a concesión das subvencións tramitadas nesta resolución queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 3. Compatibilidade das axudas

As subvencións para as actuacións recollidas nesta convocatoria son incompatibles con calquera outra axuda pública, ou incentivo á contratación, para a mesma finalidade.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser destinatarias das subvencións para o desenvolvemento das actuacións reguladas nesta convocatoria as entidades sen ánimo de lucro que cumpran as obrigas e requisitos exixidos nesta resolución e, de xeito particular, deben cumprir os seguintes requisitos:

a) Carecer de ánimo de lucro.

b) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.

c) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

d) Cumprir os requisitos e condicións establecidos na normativa xeral de subvencións.

2. Todos os requisitos exixidos deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución dos programas subvencionados.

Artigo 5. Persoas destinatarias finais

As persoas destinatarias finais dos programas regulados nesta resolución serán as mulleres vítimas de violencia de xénero inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes de emprego.

Para os efectos desta resolución, entenderase por mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia todas aquelas que cesasen a relación de convivencia co agresor e acrediten a situación de violencia a través de calquera das formas previstas no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero:

a) Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, testemuño ou copia autenticada pola/o secretaria/o xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

b) Sentenza de calquera orde xurisdicional, que declare que a muller sufriu violencia de xénero.

c) Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia, auto de apertura de xuízo oral ou documento equivalente en que conste a existencia dos ditos indicios.

d) Informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local, no cal se recollan a dita condición e a data en que se produciu o cesamento da convivencia.

e) Informe dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local, no cal se recollan a dita condición e a data en que se produciu o cesamento da convivencia.

Terán preferencia, de ser o caso, para a incorporación ao programa, as mulleres con orde de protección e/ou medidas cautelares vixentes no momento de incorporación ao programa. Para estes efectos, a Secretaría Xeral da Igualdade poderá realizar as comprobacións oportunas segundo os mecanismos que se determinen.

Artigo 6. Incorporación das participantes ao programa

1. A Secretaría Xeral da Igualdade e o Servizo Público de Emprego de Galicia, coordinadamente, poderán seleccionar, mediante un procedemento de selección específico para este programa que se regulará mediante instrución, as mulleres en situación de violencia de xénero para a súa incorporación ao programa. A dita instrución farase pública na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

2. Igualmente, as entidades beneficiarias das axudas, así como os centros de información á muller, os centros da Rede Galega de Acollemento e o Centro de Recuperación Integral para Mulleres que sofren violencia de xénero, e calquera outro servizo público que traballe no eido da violencia de xénero, poderán propoñer participantes para a súa incorporación ao programa, sempre e cando estas reúnan os requisitos recollidos no artigo 5.

Todas as entidades indicadas no parágrafo anterior deberán dar cumprimento á normativa de protección de datos persoais, en concreto, ao disposto no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais (Regulamento xeral de protección de datos), na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e demais normativa concordante.

As entidades serán responsables de informar, de maneira fidedigna, as destinatarias finais do tratamento que levarán a cabo sobre os seus datos, conforme o especificado no artigo 13 do Regulamento xeral de protección de datos, así como dos aspectos incluídos no parágrafo anterior, para o cal deberán obter o seu consentimento explícito. Así mesmo, as entidades serán responsables de custodiar a documentación que acredite o cumprimento destes deberes.

3. As mulleres finalmente seleccionadas serán identificadas polo Servizo Público de Emprego de Galicia e non poderán participar noutras medidas activas de emprego que se consideren incompatibles coa participación en programas de inserción laboral como o regulado nesta resolución.

Artigo 7. Actuacións e período subvencionables

1. Serán subvencionables os programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de apoialas na súa integración ou reintegración no mercado laboral, como elemento clave para unha recuperación integral. Nestes programas establécese de xeito obrigatorio un obxectivo cuantitativo de inserción laboral das mulleres participantes neles, que será de, polo menos, o 10 % das participantes, que deberán acadar a súa inserción laboral no período subvencionable, e segundo o disposto no artigo 7.3 e 7.4 desta resolución.

Non obstante, cando a totalidade de mulleres participantes no programa acrediten, ademais da condición de vítima de violencia de xénero, unha situación de discapacidade ou de persoa inmigrante, o obxectivo de inserción será dun 5 %.

Ademais, os programas que se desenvolvan deberán incluír de xeito obrigatorio algunha das actuacións previstas no itinerario de inserción de cada usuaria e as bolsas para as participantes do programa, recollidas nos números 2.1 e 2.4 deste artigo, e poderán incluír tamén algunha das outras actuacións previstas nos números 2.2 e 2.3 deste artigo.

2. Actuacións dos programas:

2.1. Itinerario de inserción:

a) Diagnóstico competencial e deseño dun plan de acción personalizado para a busca de emprego para cada participante: entrevista individualizada en profundidade a cada unha das participantes para obter toda a información acerca dos recursos de que dispón, a súas aptitudes e actitudes para o emprego, dispoñibilidade horaria, formación, experiencia laboral, etc.

b) Orientación profesional e asesoramento laboral para o emprego: obradoiros de entrevista, elaboración CV, técnicas de busca de emprego, asesoramento formativo, etc.

c) Busca activa de emprego con acompañamento e seguimento da dita busca, así como seguimento inicial no posto de traballo.

d) Intermediación laboral e contacto con empresas xestionando as posibles ofertas: confección do perfil laboral das participantes coa finalidade de remitilas ás empresas e cubrir posibles ofertas de emprego.

e) Asesoramento/apoio na empresa en prácticas profesionais non laborais ou similar.

f) Prospección de emprego.

g) Seguimento da inserción nas empresas e avaliación do traballo realizado.

h) Outras actuacións dirixidas a incrementar as expectativas de mellora da empregabilidade e as posibilidades de inserción laboral das mulleres en situación de violencia de xénero.

A atención directa, a través dos itinerarios de inserción sinalados nos puntos anteriores, comprenderá tanto as actuacións presenciais coa persoa participante, de forma individual ou grupal, coma aqueloutras actuacións que non requiran a presenza da persoa e que se consideren necesarias para o cumprimento do obxectivo de apoiar a súa integración ou reintegración no mercado laboral.

2.2. Formación para o emprego:

Terá a finalidade de formar e capacitar as participantes para o seu acceso ao emprego, proporcionándolles unha actualización e mellora das súas competencias profesionais, coñecementos e prácticas, incluídas as accións formativas que teñan como finalidade adquirir as competencias clave, formación lingüística, formación en coaching e/ou intelixencia emocional ou formación relativa ás características da sociedade de acollida no caso de mulleres inmigrantes, así como formación dirixida ao autoemprego e á constitución de cooperativas ou sociedades laborais.

2.3. Actuacións de apoio á conciliación:

Consistirán na posta a disposición de servizos de atención persoal e/ou familiar, no fogar ou nun recurso comunitario, dirixidos a facilitar a participación das mulleres en situación de violencia de xénero nas accións comprendidas no seu itinerario de inserción socio-laboral segundo o número 2.1 deste artigo, ou en formación para o emprego segundo o número 2.2 deste artigo.

2.4. Bolsas para as participantes no programa:

O obxecto destas bolsas será facilitarlle ás participantes unha axuda económica para compensarlles os gastos nos que poidan incorrer (transporte, desprazamentos, teléfono, internet, etc.) por participar no programa, que incentive a súa participación nel.

3. Para os efectos desta resolución, considerarase inserción laboral das mulleres atendidas cando, durante o prazo de execución do programa, sexan contratadas por conta allea por unha duración non inferior a tres meses, ou inicien durante este mesmo prazo ou dentro dos tres meses inmediatamente posteriores, unha actividade por conta propia ou formando parte como socias traballadoras ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral, por unha duración non inferior a seis meses.

4. Para os efectos desta resolución, non se computarán como inserción laboral:

a) As contratacións que se produzan en calquera Administración pública con cargo a subvencións de programas de políticas activas de emprego.

b) As contratacións en empresas con cargo a subvencións de programas de políticas activas de emprego.

c) A contratación das participantes para o desenvolvemento das accións previstas nesta convocatoria 2024.

5. O período de referencia para a imputación dos gastos relativos ás axudas reguladas nesta resolución será do 1 de marzo de 2024 ao 31 de outubro de 2024.

Artigo 8. Determinación do importe das subvencións

Para a determinación do importe das subvencións establécense os seguintes módulos:

a) Módulo para o itinerario de inserción:

Neste módulo, a asignación da subvención será de 21,01 €/hora de traballo efectivo, máis o 20 % en concepto doutros custos directos e indirectos, realizado por persoal técnico con titulación universitaria, titulación superior de FP complementada con experiencia profesional e/ou formación especializada ou, na súa falta, con coñecementos adquiridos no desempeño da súa profesión, complementados con formación específica no posto de traballo que sexa equivalente á titulación referida, respectando, en todo caso, as exixencias de titulación específica para o desempeño da súa profesión, en todos os postos en que así estea establecido por normativa legal.

O citado custo unitario por hora efectivamente traballada aplicarase, ata un máximo de 1.147 horas por profesional, para o período subvencionable de 8 meses, que se corresponden coa dedicación dun/unha profesional a xornada completa. Neste suposto, será necesario acreditar, durante todo o programa, un número mínimo de vinte (20) mulleres participantes, das cales o 60 % doce (12) deberán ter realizadas, polo menos, seis intervencións presenciais das recollidas no seu itinerario de inserción.

Este número de mulleres atendidas previsto nesta resolución incrementarase ou minorarase proporcionalmente en función do número de horas totais declaradas pola entidade.

b) Módulo para accións de formación para o emprego:

Este módulo comporta para o seu desenvolvemento a presenza de monitorado, e/ou titorización no caso de teleformación. A asignación do módulo será de 21,01 €/hora de traballo efectivo máis o 40 % en concepto doutros custos directos e indirectos.

Os importes establecidos corresponderán integramente cando teñan dereito á certificación acreditativa pola súa realización un mínimo de cinco participantes. A este respecto, entenderase que xeran dereito a certificado acreditativo da realización da acción formativa as participantes que asistisen, como mínimo, ao 60 % do total das horas de duración da dita acción, ou, no caso de teleformación, que executasen, polo menos, o 60 % dos contidos dentro do período formativo, de ser o caso.

As accións formativas previstas neste módulo de formación para o emprego deberán ter unha duración mínima de 8 horas e estar iniciadas e finalizadas dentro do período subvencionable sinalado no artigo 7.

c) Módulo para medidas de apoio á conciliación:

Este módulo terá una asignación de 16,11 €/hora por servizo de conciliación efectivamente prestado máis o 20 % en concepto doutros custos directos e indirectos.

d) Módulo para bolsas de participación:

Este módulo terá unha asignación de 50 euros ao mes por participante, sempre que acredite a súa inclusión e participación activa no programa durante un mínimo de 20 días do mes correspondente.

A entidade beneficiaria realizará o pagamento destas bolsas mensualmente ás participantes, unha vez acreditado o dereito á bolsa segundo o disposto no parágrafo anterior, e con data límite o día 15 do mes seguinte a que corresponda o aboamento.

Artigo 9. Contía das subvencións

1. A contía máxima da axuda que se pode conceder a cada entidade ao abeiro desta convocatoria é de 80.000 euros.

2. Ata esgotar o crédito dispoñible, a contía da subvención calcularase aplicando ao gasto subvencionable as porcentaxes de intensidade de axuda que se indican a seguir, en función da puntuación obtida na valoración realizada unha vez aplicados os criterios establecidos no artigo 17 desta resolución:

• Entre 100 e 95 puntos: 100 % do gasto subvencionable.

• Entre 94 e 85 puntos: 90 % do gasto subvencionable.

• Entre 84 e 75 puntos: 80 % do gasto subvencionable.

• Entre 74 e 65 puntos: 70 % do gasto subvencionable.

• Entre 64 e 55 puntos: 60 % do gasto subvencionable.

• Entre 54 e 45 puntos: 50 % do gasto subvencionable.

• Entre 44 e 35 puntos: 40 % do gasto subvencionable.

• Entre 34 e 25 puntos: 30 % do gasto subvencionable.

Non serán beneficiarias desta subvención as entidades que non acaden un mínimo de 25 puntos.

No suposto de esgotar o crédito dispoñible, o resto das solicitudes consideradas subvencionables quedarán en reserva para seren atendidas no caso de producirse algunha renuncia ou por modificación nos programas inicialmente presentados ou de producirse un incremento do crédito inicialmente dispoñible, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas de resolución.

Así mesmo, no caso de quedar crédito libre de adxudicar a contía que corresponda a cada unha das entidades que resulten beneficiarias da subvención, e sempre que non exista lista de agarda, poderá repartirse entre elas a partes iguais de xeito que se manteña a proporcionalidade derivada da aplicación dos criterios de baremación, e sen que en ningún caso se poida superar a contía solicitada.

Artigo 10. Gastos subvencionables

Serán subvencionables os gastos derivados do desenvolvemento das actuacións que configuren o programa, segundo o disposto no artigo 7, e referidos a gastos directos de persoal e outros gastos directos e gastos indirectos, nos termos establecidos a seguir:

1. Gastos directos: terán esta consideración os que estean directamente relacionados coas actuacións subvencionadas e que se refiran de forma inequívoca e constatable a elas, en particular os seguintes:

a) Gastos de persoal:

1º. Persoal propio da entidade que preste servizos no desenvolvemento do programa obxecto desta subvención, e que realice atención directa ás mulleres participantes, segundo o previsto no artigo 7.2.1 desta resolución. Serán subvencionables as retribucións totais correspondentes á execución do programa, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social e a parte proporcional da paga extraordinaria que lle corresponda. A identificación da actuación que se subvenciona deberá constar no contrato de traballo ou nunha asignación previa de funcións directas, tanto no caso de que a xornada de traballo estea integramente destinada á execución da dita actuación como no caso de dedicación parcial, garantindo sempre a súa xustificación documental.

2º. Traballadoras/es por conta propia para a realización de actuacións ou a prestación de servizos ou funcións relacionados coa finalidade do programa, logo de asignación de funcións, segundo o previsto no artigo 7.2.1 desta resolución. Deberá quedar suficiente xustificación documental da actuación que se subvenciona e do tempo de dedicación á dita actuación.

3º. Traballadores/as por conta propia con contrato para a realización de actividades de formación previstas no artigo 7.2.2.

4º. Só serán imputables as horas efectivamente traballadas dedicadas ao desenvolvemento do programa e realizadas por profesionais técnicos/as, titulados/as, adscritos/as ao mesmo.

b) Outros gastos directos:

• Gastos de seguros destinados a cubrir continxencias de risco derivadas da actuación subvencionada, segundo calquera das previstas no artigo 7, incluídos os gastos de seguros de accidentes do alumnado.

• Axudas de custo e gastos de locomoción do persoal que desenvolve as actuacións, necesarias para a súa realización.

• Bolsas ás mulleres beneficiarias do programa pola súa participación nas accións formativas desenvolvidas dentro do seu itinerario e/ou pola realización de prácticas non laborais.

• Alugueiro de maquinaria específica para o desenvolvemento de accións de formación.

2. Gastos indirectos: terán a dita consideración os gastos correntes que non se correspondan en exclusiva ás actuacións subvencionadas por ter carácter estrutural pero que resulten necesarios para o seu desenvolvemento:

• Gastos indirectos de persoal.

• Gastos en bens consumibles e en material funxible.

• Gastos de alugamento e de mantemento de instalacións (luz, auga, calefacción, teléfono, internet, electricidade, limpeza e seguridade).

3. Para os efectos destas axudas, non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non susceptible de repercusión ou compensación.

4. Para os efectos desta resolución, non está permitida a subcontratación dos gastos subvencionables. Non obstante o anterior, non se considerarán como gastos subcontratados aqueles en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actuación subvencionada, tales como a contratación de persoal monitor, alugamento de instalacións para a realización das actuacións e/ou gastos de subministracións relacionados con elas, sempre que non sexan provistos pola mesma persoa física ou xurídica.

De acordo co disposto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe de cada un dos gastos subvencionables supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

5. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionalidade dos gastos serán resoltas pola Secretaría Xeral da Igualdade por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades solicitantes.

Artigo 11. Presentación de solicitudes e prazo

1. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 12. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representatividade da persoa solicitante para actuar en nome da entidade.

Quedarán exentas de presentar esta documentación as entidades inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, agás que a representación se atribúa a persoa distinta á designada no dito rexistro.

b) Memoria da entidade (anexo II) que conteña os datos básicos de identificación e, como mínimo, as epígrafes sinaladas neste anexo.

c) Memoria descritiva de actuacións (anexo III) que deberá conter, como mínimo, as epígrafes sinaladas neste anexo.

d) Certificación emitida polo órgano responsable da entidade, na cal figure o compromiso de asignar os medios materiais e humanos necesarios para garantir o axeitado desenvolvemento das actuacións previstas no artigo 7 desta resolución e de acordo co indicado no anexo III (memoria descritiva de actuacións que se van desenvolver), segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

e) Acreditación documental suficiente e detallada da experiencia da entidade na realización e desenvolvemento de programas de inserción laboral con mulleres vítimas da violencia de xénero e/ou con persoas pertencentes a outros colectivos, segundo o disposto no artigo 17.1.1º desta resolución, de ser o caso.

f) Documentación acreditativa do compromiso de contratación a que se refire o artigo 17.1.2º desta resolución, asinada pola empresa ou empresas correspondentes, de ser o caso, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

g) De ser o caso, acreditación documental suficiente de que a entidade solicitante é promotora ou traballa en coordinación cunha empresa de inserción debidamente inscrita no Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción de Galicia, de acordo co previsto no Decreto 178/2022, do 15 de setembro, polo que se regula o procedemento para a cualificación de empresas de inserción de Galicia e o seu rexistro administrativo.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias co Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificación de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificación de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración Pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

g) Concesións de subvencións e axudas.

h) Vida laboral dos últimos 12 meses das persoas participantes inseridas.

i) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia, no caso de participantes en programas que se dirixan na súa totalidade a mulleres que, ademais da condición de vítima de violencia de xénero, acrediten unha situación de discapacidade.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Instrución dos procedementos

1. A instrución dos procedementos corresponde á Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos, o órgano instrutor requiriralles ás entidades interesadas que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se considerarán desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución.

3. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, en calquera fase do procedemento poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á Comisión de Valoración.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución ou na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na cal se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite, e procederase ao seu arquivamento sen posibilidade de emenda, as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido.

Artigo 16. Comisión de Valoración

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, crearase unha Comisión de Valoración que será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes e de emitir o correspondente informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada, indicando a puntuación e a axuda aplicable en cada caso.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

• Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero.

• Vogais: a persoa titular da xefatura do Servizo de Prevención e Atención ás Vítimas, a persoa titular da xefatura do Servizo de Fomento e Promoción da Igualdade, a persoa titular da xefatura do Servizo de Apoio Técnico-Administrativo da Secretaría Xeral da Igualdade e a persoa titular da xefatura do Servizo de Intermediación da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

• Secretario/a, con voz pero sen voto, un/unha funcionario/a da Secretaría xeral da Igualdade, por proposta da persoa titular da Presidencia.

Se, por calquera causa, algunha das persoas compoñentes da Comisión de Valoración non pode asistir cando esta se reúna para o exame das solicitudes, será substituída pola/o funcionaria/o designada/o para o efecto pola persoa titular da Secretaría Xeral da Igualdade.

Na composición da Comisión de Valoración procurarase acadar unha composición equilibrada entre mulleres e homes.

3. A Comisión de Valoración poderá requirir ás entidades solicitantes das subvencións a información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e relación directa para unha mellor valoración das solicitudes.

4. Unha vez avaliados os expedientes segundo os criterios de valoración establecidos nesta resolución, a Comisión de Valoración emitirá un informe segundo o cal o órgano instrutor formulará a proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou a denegación da axuda solicitada, propoñendo a concesión da subvención segundo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito.

5. No caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda pero que non se inclúen na proposta anterior por ter esgotado o crédito dispoñible, quedarán en reserva para seren atendidas no suposto de que quedase crédito libre por producirse algunha renuncia, ou por modificación nos programas inicialmente subvencionados, ou ben por incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado nesta base.

Artigo 17. Criterios de valoración

1. A Comisión valorará os expedientes segundo os seguintes criterios:

1º. Pola experiencia da entidade na realización e desenvolvemento de programas de inserción laboral nos últimos 5 anos: ata 20 puntos coa seguinte desagregación:

– Experiencia da entidade na realización e desenvolvemento de programas específicos de inserción laboral con mulleres vítimas da violencia de xénero: 3 puntos por ano, ata un máximo de 15 puntos, sempre que o programa se desenvolvese en cada anualidade durante un período ininterrompido de tres meses.

Para estes efectos, só se valorarán aqueles programas/proxectos cuxo obxecto ou finalidade principal sexa favorecer/promover a empregabilidade e/ou a inserción laboral de mulleres vítimas da violencia de xénero

– Experiencia da entidade na realización e desenvolvemento de programas específicos de inserción laboral con outros colectivos: 1 punto por ano, ata un máximo de 5 puntos, sempre que o programa se desenvolvera en cada anualidade durante un período ininterrompido de tres meses.

Para estes efectos, só se valorarán aqueles programas/proxectos cuxo obxecto ou finalidade principal sexa favorecer/promover a empregabilidade e/ou a inserción laboral.

2º. Pola existencia e presentación dun compromiso de contratación asinado por unha empresa: ata 8 puntos coa seguinte desagregación:

– Presentación dun compromiso de contratación asinado por unha empresa: 3 puntos.

– Presentación de dous ou máis compromisos de contratación asinados por dúas ou máis empresas: 8 puntos.

Para que se entendan cumpridos os compromisos de contratación, o tempo efectivamente traballado deberá ser como mínimo de tres meses e deberá iniciarse dentro do período de execución desta convocatoria.

3º. Polo compromiso de realización de prácticas non laborais en empresa por parte das participantes neste programa de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres en situación de violencia de xénero, asinado pola persoa responsable da entidade solicitante: ata 15 puntos coa seguinte desagregación:

– Compromiso de realización de prácticas non laborais de entre o 20 % e o 40 % das participantes no programa: 5 puntos.

– Compromiso de realización de prácticas non laborais de entre o 41 % e o 60 % das participantes no programa: 10 puntos.

– Compromiso de realización de prácticas non laborais de máis do 60 % das participantes no programa: 15 puntos.

No caso de programas que se dirixan na súa totalidade a mulleres que, ademais da condición de vítima de violencia de xénero, acrediten unha situación de discapacidade ou de persoa inmigrante, a desagregación da valoración do compromiso de realización de prácticas non laborais en empresas das participantes será a seguinte:

– Compromiso de realización de prácticas non laborais de entre o 10 % e o 20 % das participantes no programa: 5 puntos.

– Compromiso de realización de prácticas non laborais de entre o 21 % e o 40 % das participantes no programa: 10 puntos.

– Compromiso de realización de prácticas non laborais de máis do 40 % das participantes no programa: 15 puntos.

En ambos os casos, para que se entendan cumpridos os compromisos de realización de prácticas non laborais, as prácticas deberán ter unha duración mínima de 8 horas e deberán iniciarse e finalizarse dentro do período de execución desta convocatoria.

4º. Pola acreditación documental de que a entidade solicitante é promotora ou traballa en coordinación cunha empresa de inserción, debidamente inscrita no Rexistro Administrativo de Empresas de Galicia: 5 puntos.

5º. Polo carácter integral do programa presentado, con respecto ás actuacións establecidas no artigo 7 desta convocatoria: ata 25 puntos, coa seguinte desagregación:

– Obxectivos propostos pola entidade solicitante en relación coa mellora da situación persoal e laboral das participantes, con respecto ás actuacións establecidas no artigo 7: ata 14 puntos.

– Carácter innovador das actuacións que vai desenvolver a entidade solicitante, segundo as recollidas no artigo 7, con respecto a outras propostas desta convocatoria: ata 11 puntos.

6º. Obxectivos comprometidos en materia de inserción laboral no mercado de traballo das mulleres vítimas da violencia de xénero participantes no programa, sempre que sexan superiores aos mínimos establecidos no artigo 7: ata 25 puntos, segundo a seguinte escala:

– 11 %: 6 puntos.

– 12 %: 7 puntos.

– 13 %: 8 puntos.

– 14 %: 9 puntos.

– 15 %: 10 puntos.

– 16 %: 11 puntos.

– 17 %: 12 puntos.

– 18 %: 13 puntos.

– 19 %: 14 puntos.

– 20 %: 15 puntos.

– 21 % ou máis: 25 puntos.

No caso de programas que se dirixan na súa totalidade a mulleres que, ademais da condición de vítima de violencia de xénero, acrediten unha situación de discapacidade ou de persoa inmigrante, a valoración dos obxectivos comprometidos en materia de inserción laboral no mercado de traballo das mulleres participantes no programa, sempre que sexan superiores aos mínimos establecidos no artigo 7, a escala será a seguinte:

– 6 %: 6 puntos.

– 7 %: 7 puntos.

– 8 %: 8 puntos.

– 9 %: 9 puntos.

– 10 %: 10 puntos.

– 11 %: 11 puntos.

– 12 %: 12 puntos.

– 13 %: 13 puntos.

– 14 %: 14 puntos.

– 15 %: 15 puntos.

– 16 % ou máis: 25 puntos.

7º. Pola inscrición da entidade solicitante na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia: 2 puntos.

A puntuación máxima total será de 100 puntos, será preciso acadar unha puntuación mínima de 25 puntos para poder resultar beneficiaria desta subvención.

2. No caso de empate na puntuación, o desempate establecerase en función das puntuacións máis altas segundo as epígrafes parciais dos criterios recollidos neste artigo, empezando polo punto 1, e se persiste o empate, o desempate establecerase pola data e hora de presentación da solicitude.

Artigo 18. Resolución

1. A resolución destas subvencións correspóndelle á Secretaria Xeral da Igualdade, logo da fiscalización da proposta do órgano instrutor pola intervención delegada.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, esta entenderase desestimada.

3. Na resolución de concesión estableceranse as condicións da axuda a que quedan sometidos os beneficiarios, derivadas da aceptación da subvención.

4. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez (10) días hábiles a súa aceptación e comprometerse a executar o programa ou actuación subvencionado no prazo e condicións establecidos na convocatoria. No caso de non comunicar o dito aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

5. As entidades beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.

Artigo 19. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 20. Réxime de recursos

1. Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, perante a Secretaría Xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no mesmo diario oficial.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente resolución poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, perante a Secretaría Xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Artigo 21. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da subvención por instancia da entidade beneficiaria, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Estas bases habilitan para aprobar, nos supostos que proceda, as modificacións atendendo aos obxectivos e requisitos da convocatoria e demais normativa de aplicación.

Artigo 22. Obrigas das entidades subvencionadas

As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta resolución e demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, en particular as seguintes:

1. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos, executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención dentro do período e prazos establecidos nesta convocatoria, así como o cumprimento dos requisitos, condicións e obrigas que resultan da normativa de aplicación.

2. Manter un sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado que permita unha pista de auditoría suficiente, respecto dos ingresos da axuda percibida, e conservar toda a documentación relativa á subvención, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

3. Dar cumprimento á obriga de dar adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do programa, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Así, en todo tipo de publicidade e información relativos ás actuacións subvencionadas, terá que constar a condición de subvencionada pola Xunta de Galicia-Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade-Secretaría Xeral da Igualdade, e o Pacto de Estado contra a violencia de xénero-Ministerio de Igualdade.

4. Informar, de ser o caso, as persoas destinatarias de que as actuacións en que participan están financiadas pola Xunta de Galicia-Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade-Secretaría Xeral da Igualdade, e polo Pacto de Estado contra a violencia de xénero-Ministerio de Igualdade, así como dos obxectivos dos fondos. Os emblemas de ambos os organismos figurarán, como mínimo, nos seguintes documentos, de ser o caso:

– Partes de asistencia e/ou de participación.

– Enquisas de avaliación.

– Certificados de asistencia.

5. Adecuar a metodoloxía das actuacións, así como a de recollida e proceso de datos de seguimento e acreditación da realización da actividade de persoas beneficiarias ás fórmulas que, de ser o caso, propoña a Secretaría Xeral da Igualdade, realizando as actuacións precisas para recoller información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións.

6. As entidades subvencionadas deberán axustarse na execución das actuacións aos obxectivos que, de ser o caso, estableza a Secretaría Xeral da Igualdade.

7. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a solicitude e/ou a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado nacional ou internacional.

8. Facilitar toda a información requirida pola Secretaría Xeral da Igualdade, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

9. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Secretaría Xeral da Igualdade, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais, para o cal se achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

10. Contratar un seguro de cobertura de accidentes para o alumnado ou participantes nas actuacións que cubra tanto os riscos que poidan ter durante o desenvolvemento das actividades como os dos desprazamentos para a asistencia a elas.

11. Controlar a asistencia ás accións formativas que se realicen, e garantir que as persoas propostas para a certificación acreditativa da realización das ditas accións asistisen, como mínimo, ao 60 % do total das súas horas.

12. Reintegrar os fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

13. Todas aquelas obrigas e requisitos que se desprendan do articulado desta resolución e dos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e da súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 23. Prazo e xustificación da subvención

1. As medidas e actuacións correspondentes a estes programas xustificaranse a través da modalidade de módulos prevista no artigo 54 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A xustificación comprenderá as actuacións realizadas entre o 1 de marzo de 2024 e o 31 de outubro de 2024 e presentarase con data límite do 5 de novembro de 2024.

3. A xustificación realizarase mediante a presentación da seguinte documentación:

3.1. Solicitude de pagamento asinada pola persoa que exerce a representación da entidade, na cal se deberá facer constar de modo expreso o cumprimento da finalidade para a cal foi concedida, así como o custo de persoal segundo as horas efectivamente traballadas dedicadas ao programa obxecto desta subvención (anexo IV).

3.2. Declaración complementaria e actualizada na data da xustificación de todas as axudas ou subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais ou, se é o caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións (anexo V).

3.3. Memoria xustificativa das actuacións realizadas e subvencionadas, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

A memoria irá acompañada dun exemplar de todos os materiais elaborados, carteis, folletos, enquisas, material didáctico, fotografías e outros documentos, onde deberán figurar os logos da Secretaría Xeral da Igualdade da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e do Ministerio de Igualdade, así como doutras evidencias dos gastos directos realizados, para os efectos de acreditar a realización das actuacións e o cumprimento das obrigas de publicidade e información recollidas no artigo 22 desta resolución.

3.4. Certificación da relación de participantes inseridas pola súa participación neste programa de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o modelo que figura na web da Secretaría Xeral da Igualdade.

3.5. Anexo VI, de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, de cada unha das participantes inseridas, segundo o disposto no artigo 7.3 desta convocatoria. No caso de opoñerse á dita consulta, deberán achegar a copia de vida laboral ou dos contratos de traballo formalizados e debidamente comunicados á oficina de emprego, ou copia da documentación xustificativa equivalente, no caso de participantes que acaden a inserción derivada dunha actividade por conta propia ou formando parte como socias traballadoras ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral.

E anexo VI, de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, de cada participante, no caso de programas que se dirixan na súa totalidade a mulleres que, ademais da condición de vítima de violencia de xénero, acrediten unha situación de discapacidade. No caso de opoñerse á dita consulta ou de que este non fose emitido pola Xunta de Galicia, deberán achegar a copia do dito documento acreditativo da discapacidade.

3.6. Declaración asinada por cada unha das participantes inseridas, relativa á consecución do obxectivo de inserción, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

3.7. No caso de programas que se dirixan na súa totalidade a mulleres que, ademais da condición de vítima de violencia de xénero, acrediten unha situación de persoa inmigrante, deberán achegar documentación acreditativa da dita situación.

3.8. Para a xustificación do Módulo para o itinerario de inserción (artigo 8.1.a):

a) Certificación dos custos directos de persoal referidos a cada unha das persoas profesionais, con indicación do tipo de relación ou vinculación coa entidade solicitante, o número de horas efectivamente traballadas referidas ás actuacións vinculadas ao programa obxecto desta subvención, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

b) Follas mensuais das horas totais efectivamente traballadas dedicadas a este programa dirixido a mulleres en situación de violencia de xénero, asinadas pola persoa traballadora e pola persoa responsable da entidade, respecto de todas as persoas adscritas ao programa obxecto da subvención, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

c) Certificación do número total de persoas atendidas, xunto cunha relación desas persoas, acreditativa da atención recibida, segundo os modelos que figuran na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

d) Folla individualizada de seguimento de cada unha das persoas participantes, segundo o modelo publicado na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

A folla individualizada de seguimento debe estar asinada pola persoa participante, polas/os profesionais que prestan atención e pola persoa responsable do programa, e numerada co mesmo ordinal con que figuren na relación que acompaña a certificación do número total de persoas atendidas.

Non serán computables as persoas que non se identifiquen nin aquelas das cales non acheguen debidamente cubertas as follas individualizadas de seguimento.

e) De ser o caso, certificación da realización de prácticas non laborais en empresa, asinada polas persoas participantes, pola/o responsable da entidade e pola persoa responsable da empresa, segundo o modelo que figura na web da Secretaría Xeral da Igualdade.

3.9. Para a xustificación do Módulo de formación para o emprego (artigo 8.1.b):

Por cada acción formativa finalizada:

a) Partes de asistencia, onde consten os datos da acción formativa, asinados polas persoas participantes e a/o responsable técnica/o da actuación, segundo o modelo que figura na web da Secretaría Xeral da Igualdade.

No caso de teleformación, certificación asinada pola/o responsable técnica/o da actuación, segundo o modelo que figura na web da Secretaría Xeral da Igualdade.

b) Certificación da finalización da acción formativa, asinada pola persoa responsable da entidade, comprensiva da relación de persoas asistentes e o número total de horas realizadas por cada unha delas. Na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade figurará o modelo desta certificación.

3.10. Para a xustificación do Módulo de conciliación (artigo 8.1.c):

a) Orde de servizo, segundo os modelos que figuran na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

b) Rexistro do servizo de apoio á conciliación realizado, con parte horario, semanal ou diario, segundo os modelos que figuran na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

3.11. Para a xustificación do Módulo de bolsas de participación (artigo 8.1.d):

a) Certificación asinada pola persoa responsable da entidade, comprensiva da relación de participantes que percibiron as bolsas e o seu importe, e a relación das participantes que non percibiron bolsa/s e a causa, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

b) Declaración asinada por cada unha das participantes, relativa á percepción das bolsas de participación, segundo modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade, acompañada dos documentos acreditativos do seu pagamento.

c) Xustificación do pagamento mediante xustificantes bancarios (xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo por portelo, certificación bancaria, etc., no caso de pagamentos mediante cheque bancario, que será sempre nominativo, xuntarase a este a copia do extracto bancario onde figure o cargo en conta do dito cheque), en que conste a identificación da entidade pagadora e da destinataria do pagamento.

4. Co obxecto de homoxeneizar a documentación xustificativa, esta deberá presentarse obrigatoriamente nos modelos indicados pola Secretaría Xeral da Igualdade.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada lei.

No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez (10) días hábiles, advertíndolle que, de non o facer, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Artigo 24. Anticipo e pagamento da subvención

1. Unha vez xustificada a subvención, o órgano competente, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da conduta e/ou actuacións subvencionadas.

2. Realizarase un primeiro pagamento do 80 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo unha vez realizada a notificación da subvención. O importe restante, ou a parte que corresponda, librarase logo da xustificación, por parte das entidades beneficiarias, do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta resolución.

Artigo 25. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Procederá o reintegro total da axuda percibida, máis xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer o beneficiario, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas que financien as actuacións subvencionadas.

3. Procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.

4. A subvención será minorada proporcionalmente cando non se xustifique a totalidade das horas previstas de traballo efectivamente realizado dedicado ao programa e tidas en conta na asignación da subvención. Tamén procederá a minoración proporcional cando o número de participantes atendidas sexa inferior ás que correspondan segundo as horas efectivamente xustificadas. Igualmente, procederá a minoración proporcional cando o número de participantes atendidas con un número mínimo de seis intervencións presenciais sexa inferior ás que correspondan segundo as horas efectivamente xustificadas.

No caso de que a subvención fose concedida para a realización de programas dirixidos na súa totalidade a mulleres que, ademais da condición de vítima de violencia de xénero, acrediten unha situación de discapacidade ou de persoa inmigrante, só se computarán como participantes aquelas mulleres que acrediten a referida situación, e procederase á minoración proporcional segundo o indicado no parágrafo anterior, de ser o caso.

5. Particularmente, acadará a porcentaxe dun 2 % de minoración sobre a contía total da axuda percibida o incumprimento das obrigas recollidas nos artigos 22.3 e 22.4 desta resolución.

6. Procederase á minoración dunha porcentaxe do 5 % sobre a contía total da axuda percibida por cada unha das beneficiarias que non acaden a súa inserción laboral ao final do programa, segundo a porcentaxe mínima establecida no artigo 7.1 desta resolución ou porcentaxe superior indicada pola entidade na solicitude e tida en conta na súa valoración. Para estes efectos, a porcentaxe de participantes que se vai inserir aplicarase sobre o número de mulleres participantes que correspondan segundo as horas efectivamente xustificadas.

7. No caso de incumprimento no/nos compromiso/s de contratación, presentado/s coa solicitude e obxecto de valoración, procederase, ademais, á minoración do 2 % sobre a contía total da axuda percibida por cada un dos compromisos incumpridos.

8. No caso de incumprimento no compromiso de realización de prácticas non laborais en empresa sinalado na solicitude, procederase, ademais, á minoración das seguintes porcentaxes sobre a contía total da axuda percibida, segundo a porcentaxe de incumprimento:

– Minoración do 2 % sobre a contía total da axuda percibida se o incumprimento é ≤ 25 %.

– Minoración do 3 % sobre a contía total da axuda percibida se o incumprimento é >25 % e ≤ 40 %.

– Minoración do 4 % sobre a contía total da axuda percibida se o incumprimento é >40 % e ≤ 60 %.

– Minoración do 6 % sobre a contía total da axuda percibida se o incumprimento é > 60 %.

Para estes efectos, a porcentaxe de compromiso de realización de prácticas non laborais en empresa aplicarase sobre o número de mulleres participantes que corresponda segundo as horas efectivamente xustificadas.

9. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

10. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da axuda concedida, mediante o seu ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia que lle será facilitada polo órgano xestor, en concepto de devolución voluntaria da axuda. Neste caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal consten a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da axuda concedida.

Artigo 26. Control

1. A Secretaría Xeral da Igualdade poderá levar a cabo as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta resolución.

2. Todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

3. Sen prexuízo do indicado no punto anterior, a Secretaría Xeral da Igualdade poderá realizar, ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das axudas. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados nesta resolución. O persoal encargado da verificación levantará acta da actuación de control, que asinará a entidade á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente da Secretaría Xeral da Igualdade xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitarlle ao persoal designado copia da documentación que se lle solicite, relativa ao expediente obxecto de control.

Artigo 27. Remisión normativa

En todo o non previsto nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e demais normativa de aplicación.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas sobre o tratamento dos seus datos persoais en relación cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Artigo 28. Información ás entidades interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nas unidades administrativas de igualdade das xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, http://igualdade.xunta.gal, no teléfono 981 95 76 13 ou no enderezo electrónico vx.igualdade@xunta.gal

Artigo 29. Publicidade

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido nos artigos 15 da Lei de subvencións de Galicia e 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as subvencións concedidas con suxeición a esta resolución, indicando o programa, o crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade-Secretaría Xeral da Igualdade (http://igualdade.xunta.gal) a relación de beneficiarias e o importe das axudas concedidas.

Artigo 30. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición derradeira primeira

A Secretaría Xeral da Igualdade ditará as instrucións que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Composte, 22 de decembro de 2023

Sandra Vázquez Domínguez
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file