DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 15 de xaneiro de 2024 Páx. 2874

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

DECRETO 1/2024, do 11 de xaneiro, polo que se nomea reitor magnífico da Universidade da Coruña o profesor doutor Ricardo José Cao Abad.

A Lei orgánica 2/2023, do 23 de marzo, do sistema universitario, regula no seu artigo 51 a elección do reitor ou reitora entre o persoal docente e investigador permanente doutor a tempo completo que reúna os méritos de investigación, docencia e experiencia de xestión universitaria que determinen os estatutos. A elección de reitor ou reitora será por elección directa e sufraxio universal ponderado por todos os membros da comunidade universitaria. A duración do seu mandato será por un período de seis anos improrrogables e non renovables. O procedemento para a súa elección será o fixado polos estatutos da Universidade.

Pola súa banda, os estatutos da Universidade da Coruña, aprobados polo Decreto 101/2004, do 13 de maio, modificados polo Decreto 194/2007, do 11 de outubro, dispoñen no seu artigo 35 que o reitor será elixido pola comunidade universitaria e nomeado pola Xunta de Galicia.

Recibida na Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades certificación do secretario xeral da Universidade da Coruña en que consta que, realizadas as eleccións a reitor o 4 de decembro de 2023, Ricardo José Cao Abad acadou o apoio proporcional de máis da metade dos votos validamente emitidos, unha vez feitas e aplicadas as ponderacións correspondentes, téndose realizado a proclamación definitiva como reitor electo o 15 de decembro de 2023.

Na súa virtude, en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por instancia da Universidade da Coruña, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de xaneiro de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Artigo único

Nomear reitor magnífico da Universidade da Coruña o profesor doutor Ricardo José Cao Abad.

Santiago de Compostela, once de xaneiro de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades