DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 15 de xaneiro de 2024 Páx. 3288

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 12 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás entidades recoñecidas como agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) de Galicia e se convocan para 2024-2025 (código de procedemento MR237B).

BDNS (Identif.): 788517.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades asociativas agrarias que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar oficialmente recoñecidas como ADSG e, polo tanto, inscritas no rexistro de ADSG de Galicia antes da finalización do prazo de solicitude establecido nesta orde, e que manteñan as condicións do recoñecemento ao longo de todo o período de execución da axuda.

Quedan excluídas da condición de beneficiarias as ADSG formadas exclusivamente por cebadeiros de gando vacún.

b) Comprometerse na execución dun programa sanitario común que incluirá como mínimo o programa sanitario marco obrigatorio establecido no anexo VII da orde, así como na execución de todas as medidas adicionais en materia sanitaria que dispoña para o efecto a Consellería do Medio Rural, segundo as condicións sanitarias da zona e as características particulares de cada agrupación.

c) Estar integradas por explotacións de produtores gandeiros en actividade, e que tanto as ditas explotacións como a ADSG de pertenza teñan a condición de pemes (pequenas e medianas empresas), de acordo co establecido no anexo I do Regulamento (UE) nº 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e nas zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

As explotacións que integren as agrupacións deberán estar inscritas no rexistro especificado no artigo 3 do Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e se regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras.

d) Estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, así como cumprir o resto dos requisitos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Non estar suxeitas as entidades a unha orde de recuperación pendente tras a decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.

f) Non ter a consideración de empresa en crise, tal e como se definen no artigo 2 do Regulamento (UE) nº 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, e nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise, de acordo coas directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación 2014/C 249/01 da Comisión, do 31 de xullo de 2014).

As explotacións integradas nas ADSG serán as beneficiarias indirectas como destinatarias finais dos programas sanitarios comúns desenvolvidos no anexo VII da orde polo persoal veterinario das ADSG.

Segundo. Obxecto

1. A orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ás agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (en diante, ADSG) para o desenvolvemento dos programas sanitarios establecidos no anexo VII da presente orde (código de procedemento MR237B).

2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería do Medio Rural.

3. Así mesmo, por medio desta orde convócase a devandita axuda para a anualidade 2024-2025, de conformidade co establecido no Real decreto 81/2015, do 13 de febreiro, modificado polo Real decreto 780/2023, do 11 de outubro, polo que se establecen as bases reguladoras das subvencións estatais destinadas ás agrupacións de defensa sanitaria gandeiras.

Terceiro. Bases reguladoras

Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto na Orde do 12 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás entidades recoñecidas como agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) de Galicia e se convocan para 2024-2025 (código de procedemento MR237B).

Cuarto. Importe

1. As axudas que deriven da aplicación da presente orde financiaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias do proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Para o ano 2024: 14.04.713E.470.0, dotada para esta finalidade con 1.079.850 euros.

b) Para o ano 2025: 14.04.713E.470.0, dotada para esta finalidade con 1.200.150 euros.

Así mesmo, os importes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia con que se financiarán estas axudas poderanse incrementar con fondos estatais ou autonómicos achegados para o efecto, na mesma ou noutras aplicacións orzamentarias, de acordo con artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro).

2. Esta convocatoria de axudas tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, así como ao abeiro do establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001. A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural