BDNS (Ident.): 737939.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):
Primeiro. Persoas beneficiarias
1. A Consellería do Medio Rural concederá estas axudas en forma directa aos agricultores e poderán ser beneficiarios delas os asegurados titulares de explotacións agrarias situadas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas do plan 2024 e liñas gandeiras dos plans 2023 e 2024, formalizadas en 2024, incluíndo as regularizacións destas liñas de plans anteriores, sempre que cumpran o establecido no Decreto 332/1995 e nesta orde, segundo se desprende do artigo 20.1 do Real decreto 425/2016, así como do Plan de seguros agrarios combinados proposto polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e da disposición adicional primeira desta orde. Tamén poderán ser beneficiarios das axudas outorgadas nesta orde os titulares de explotacións de acuicultura continental.
2. As subvencións a que fai referencia esta orde non serán de aplicación nas pólizas de seguros contratadas por grandes empresas e empresas dedicadas á transformación e comercialización de produtos agrícolas, de conformidade co establecido nas vixentes directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal.
Segundo. Obxecto
O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios incluídos no Plan de seguros agrarios combinados para o exercicio 2024 e convocalas para o mesmo ano, ao abeiro do previsto no Decreto 332/1995, do 27 de decembro, polo que se establecen na Comunidade Autónoma galega axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 15 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MR443A).
Cuarto. Importe
Para a concesión das subvencións convocadas destinarase un crédito de 8.500.000,00 €, que poderá verse incrementado con outros remanentes orzamentarios.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
Nos anexos I, II e III da orde establécense as datas de inicio de subscrición de pólizas de seguro correspondentes ás diferentes liñas de seguro que compoñen o Plan de seguros agrarios.
A formalización da declaración do seguro considerarase solicitude de axuda, sempre que se realice dentro dos períodos de subscrición establecidos pola normativa do plan anual que establece o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e, ademais, se cumpran os distintos puntos referentes á subvención que se conteñan na declaración do seguro. En todo caso, na declaración do seguro especificarase, na parte de subvencións para comunidades autónomas, a expresión literal de «Subvención da Comunidade Autónoma de Galicia».
A contratación da póliza de seguro constitúe unha declaración do asegurado de que reúne os requisitos exixidos nas normas reguladoras sobre subvencións e axudas públicas, de acordo cos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de que non foi obxecto de resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro ou que, de ser o caso, se realizou o correspondente ingreso, e que dispón dos documentos que xustifican o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde para a concesión das subvencións.
En aplicación da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a contratación da póliza de seguro polo solicitante implica a autorización deste para que o órgano concedente obteña a acreditación do cumprimento dos ditos requisitos a través de certificados telemáticos, salvo denegación expresa daquel.
Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2023
José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural