DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 11 de xaneiro de 2024 Páx. 2208

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Calidade Alimentaria

EXTRACTO da Resolución do 22 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio ás actividades de información e promoción realizadas por grupos de produtores no mercado interior, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o exercicio orzamentario 2024 (código de procedemento MR302A).

BDNS (Identif.): 735430.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index)

Primeiro. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as agrupacións que, baixo calquera fórmula xurídica, reúnan a persoas produtoras (entendidas como tales as persoas titulares de explotacións agrarias ou de instalacións de transformación) que participen nun réxime de calidade susceptible de apoio pola submedida 3.10 do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2014-2020, para accións de promoción no mercado interior relacionadas con produtos cubertos por algún deses réximes.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e efectuar a convocatoria para o ano 2024 das axudas que, en réxime de concorrencia competitiva, vai conceder a Axencia Galega da Calidade Alimentaria para actuacións de información e promoción dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2014-2020.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 22 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio ás actividades de información e promoción realizadas por grupos de produtores no mercado interior, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o exercicio orzamentario 2024 (código de procedemento MR302A).

Cuarto. Importe

Trátase de subvencións a fondo perdido que poden chegar ata o 70 % do gasto realizado. O orzamento total da convocatoria é de dous millóns cincocentos corenta e catro mil euros (2.544.000 €) para a anualidade 2024 e un millón de euros (1.000.000 €) para a anualidade 2025.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2023

José Luis Cabarcos Corral
Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria