DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 9 de xaneiro de 2024 Páx. 1773

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 18 de decembro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a contratación de xestores de internacionalización e se procede á súa convocatoria plurianual para os anos 2024, 2025 e 2026, en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG638A).

BDNS (Identif.): 734306.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas que teñan o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento núm. 651/2014, da Comisión, incluídas as pemes con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos, e que teñan como proxecto iniciar ou consolidar o seu proceso de internacionalización.

As empresas terán que dispor do informe de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización realizado a través de programas do Igape a partir de 2013. De non dispor do citado informe de alta, deben solicitalo a través da oficina virtual do Igape (procedemento IG192) dentro do prazo de presentación de solicitudes.

As persoas solicitantes deberán ter, polo menos, un centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.

As persoas solicitantes acreditarán ter un proxecto de internacionalización para o cal se require contratar profesionais en comercio exterior.

As persoas solicitantes deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto facilitar a adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización e a incorporación ou reinserción ao mercado laboral de profesionais no ámbito do comercio exterior –dando prioridade aos mozos sen ou con pouca experiencia e aos sénior experimentados maiores de 45 anos en situación de desemprego–, ao mesmo tempo que se apoian as pemes galegas no seu proceso de internacionalización poñendo á súa disposición información sobre profesionais con formación especializada e unha subvención a fondo perdido para a súa contratación.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 18 de decembro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a contratación de xestores de internacionalización e se procede á súa convocatoria plurianual para os anos 2024, 2025 e 2026, en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG638A).

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.4705 e cos seguintes importes e distribución plurianual: 100.000 € con cargo ao ano 2024, 500.000 € con cargo ao ano 2025 e 700.000 € con cargo ao ano 2026.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará ás 8.00 horas do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará seis meses despois da data de publicación ás 14.00 horas, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2023

Patricia Villajos Grande
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica