DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 9 de xaneiro de 2024 Páx. 1729

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 30 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, e se fai pública a convocatoria para a concesión dos premios XXVII Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, XIII Manuel María de literatura dramática infantil e XVI Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, edición 2024 (código de procedemento CT214A).

BDNS (Identif.): 736566.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

– Poderán optar aos premios as persoas físicas maiores de idade que presenten, de forma individual, textos teatrais inéditos escritos en galego conforme a normativa vixente, non representados nin premiados noutros concursos ou convocatorias anteriormente nin mentres dure este procedemento.

– Os textos serán de tema e extensión libres, tendo en conta o principio de duración normal dun espectáculo completo para cada un dos premios.

– Non se poderán presentar textos de teatro de monicreques aos premios Álvaro Cunqueiro e Manuel María.

– Os gañadores da edición inmediatamente anterior non se poderán presentar ao mesmo premio (modalidade, no caso do Barriga Verde) en que resultaron galardoados.

– Non se poderá presentar o persoal da Agadic.

– Non poderán acceder a estes premios os participantes que se encontren afectados por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Durante a tramitación do procedemento de concesión desta convocatoria, as persoas participantes teñen a obriga de comunicarlle á Agadic a concesión de calquera premio que obteña o texto presentado, ou se foi representado, en canto esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do proceso.

Segundo. Finalidade

Establecer as bases reguladoras da convocatoria para o ano 2024, baixo o réxime de concorrencia competitiva, da XXVII edición do premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, da XIII edición do premio Manuel María de literatura dramática infantil e da XVI edición do premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques en dúas modalidades, para rapaces e para adultos, segundo o público a que vaian dirixidos os textos.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 30 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, e se fai pública a convocatoria para a concesión dos premios XXVII Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, XIII Manuel María de literatura dramática infantil e XVI Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, edición 2024 (código de procedemento CT214A).

Cuarto. Importe

Existirá un único galardoado por premio e, no caso do premio Barriga Verde, un por cada modalidade, coa seguinte dotación económica:

– Álvaro Cunqueiro: 8.000 €.

– Manuel María: 6.000 €.

– Barriga Verde (modalidade para rapaces): 6.000 €.

– Barriga Verde (modalidade para adultos): 6.000 €.

Estas cantidades serán imputadas aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2024 con cargo á aplicación orzamentaria da Axencia Galega das Industrias Culturais 10.A1.432B.480.0, e estarán suxeitas ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo comezará o día seguinte ao da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de abril de 2024.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2023

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor
da Axencia Galega das Industrias Culturais