DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Xoves, 4 de xaneiro de 2024 Páx. 599

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 15 de decembro de 2023, conxunta da Secretaría Xeral para o Deporte e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas no ámbito do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

O Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, establece que a Secretaría Xeral para o Deporte exercerá as competencias e funcións en materia de deportes e, en particular, as relacionadas co Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, asumindo as tarefas derivadas da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, e do Decreto 85/2014, do 3 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na súa disposición adicional terceira, autoriza a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, actualmente adscrita á Consellería de Facenda e Administración Pública, que ten como obxectivos básicos a definición, o desenvolvemento e a execución dos instrumentos da política da Xunta de Galicia no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación e a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.

Mediante o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, desenvolveuse a autorización antedita, creando a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Esta norma modificouse polos decretos 149/2014, do 20 de novembro, polo que se modifica o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos, e polo Decreto 9/2021, do 21 de xaneiro, polo que se suprime o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) e se modifica o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da devandita lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para os efectos de impugnación».

A Lei 4/2019, de 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para os efectos de impugnación.

Nesta resolución especificaranse a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, de ser o caso, para a actuación administrativa automatizada. Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar as seguintes actuacións administrativas automatizadas a través de sistemas de información no ámbito do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia:

a) Emisión de visados de acta constitutiva e dos estatutos daquelas entidades rexistradas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

b) Emisión das dilixencias de inscrición daquelas entidades rexistradas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

c) Emisión de certificación de datos do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no punto anterior serán:

a) A Secretaría Xeral para o Deporte como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.

b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.

c) A Secretaría Xeral para o Deporte como órgano responsable para os efectos de impugnación.

Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para xestionar a solicitude de creación do selo electrónico denominado SECRETARÍA XERAL PARA O DEPORTE ante a autoridade de servizos de certificación que corresponda.

A titularidade así como a responsabilidade do seu uso corresponderá á Secretaría Xeral para o Deporte.

O selo electrónico estará baseado nun certificado electrónico recoñecido ou cualificado e as súas características técnicas xerais serán as que consten na declaración de prácticas de certificación do emisor do certificado.

Os datos necesarios para acceder ao servizo de validación para a verificación do certificado estarán incluídos no certificado. Os datos que deberán constar no selo electrónico son os seguintes:

a) NIF do organismo subscritor: S1511001H.

b) Organismo subscritor: Secretaría Xeral para o Deporte.

c) Nome do selo: SECRETARÍA XERAL PARA O DEPORTE.

Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para utilizar o selo electrónico denominado SECRETARÍA XERAL PARA O DEPORTE para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e para realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte ás actuacións e procedementos mencionados.

Quinto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico SECRETARÍA XERAL PARA O DEPORTE sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.

Sexto. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2023

José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte

Julián Cerviño Iglesia
Director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia