DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Mércores, 3 de xaneiro de 2024 Páx. 331

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 19 de decembro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas 2024), susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG622A).

BDNS (Identif.): 734242.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas e entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as empresas, incluídos os autónomos, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que cumpran coa definición de peme segundo o anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).

b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia, e que conten no devandito centro con polo menos un traballador por conta allea, na data de publicación no DOG destas bases de axudas. Este último requisito non é aplicable ás empresas constituídas con menos de 42 meses de antigüidade na data de publicación das bases de axudas.

c) Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do final do prazo de presentación de solicitudes de axuda, a través do procedemento do Igape IG192.

d) Que estean ao día nas súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

e) Que teñan capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto incentivar a realización de accións de promoción exterior xeradoras de vantaxes competitivas que incidan na proxección e posicionamento das empresas galegas nos mercados internacionais.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 19 de decembro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas 2024), susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG622A).

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.7700 e cos seguintes importes e distribución plurianual: 1.800.000 € con cargo ao ano 2024 e 1.800.000 € con cargo ao ano 2025.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e será dun mes contado desde as 8.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o devandito prazo dun mes.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2023

Patricia Villajos Grande
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica