DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Martes, 2 de xaneiro de 2024 Páx. 29

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 14 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento SI434A).

A Comunidade Autónoma, en virtude do artigo 148.1.20 da Constitución española e do artigo 27.23 do Estatuto de autonomía de Galicia, asume a competencia exclusiva en materia de asistencia social. A Xunta de Galicia, en aplicación do principio de integración da dimensión da igualdade de oportunidades na elaboración, execución e seguimento de todas as políticas e accións da súa competencia establece, como un dos criterios xerais da súa actuación, a garantía da dignidade das mulleres e homes, con especial incidencia na adopción de accións tendentes á erradicación de todas as formas de violencia de xénero, tal e como recolle o artigo 5 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

A Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, dispón no seu artigo 39.1 que «a Xunta de Galicia, a través do departamento competente en materia de igualdade, garantirá a existencia dunha prestación económica de carácter periódico dirixida ás mulleres vítimas de violencia de xénero. A prestación terá en conta a situación socioeconómica das mulleres e irá dirixida a posibilitar a súa autonomía e independencia económica respecto do seu agresor, ou da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación e mais a tentar axudalas a romper coa situación de violencia». E no punto 2 do mesmo artigo establece que «a Xunta de Galicia regulará esta prestación a través dunhas bases reguladoras, que serán aprobadas mediante orde ou resolución pola persoa titular do departamento competente en materia de igualdade. Estas bases reguladoras garantirán en todo caso un prazo de solicitude aberto durante todo o ano e establecerán como potenciais persoas beneficiarias as vítimas de formas de violencia de xénero sinaladas nas alíneas a) Violencia física, b) Violencia psicolóxica, f) Trata de mulleres e nenas, g) Violencia vicaria e i) Explotación sexual, do artigo 3».

A través desta disposición establécense as bases que rexerán o procedemento de concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, e procédese á súa convocatoria para o ano 2024.

A Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (en diante, Orde do 11 de febreiro de 1998), posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos que se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista normalmente no presuposto crédito axeitado e suficiente. Así mesmo, en cumprimento do artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a concesión das subvencións tramitadas nesta resolución queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta resolución enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Consecuentemente con todo o anterior, logo dos informes da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, da Asesoría Xurídica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, do informe de impacto de xénero, e no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento da violencia de xénero. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as ditas axudas para o ano 2024.

2. A finalidade destas axudas é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para tentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor, ou da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación e/ou de explotación para os casos das mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, e mais a tentar axudalas a romper coa situación de violencia, dominación e/ou explotación, que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación na que corren perigo e/ou están sendo explotadas.

3. O código de procedemento correspondente a estas axudas é o SI434A.

Artigo 2. Prazo, lugar e forma de presentación das solicitudes

1. O prazo para a presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, e permanecerá aberto ata o 31 de decembro de 2024.

De acordo co disposto no artigo 29 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, o prazo de presentación de solicitudes de subvención establecidos nas correspondentes convocatorias en ningún caso será inferior a un mes.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 3. Orzamento

1. Para a concesión destas axudas destinaranse 5.399.994,00 euros, imputables á aplicación orzamentaria 13.20.313D.480.0 (código de proxecto 2014 00180), de acordo coa seguinte distribución:

– Ano 2024: 2.425.000,00 euros.

– Ano 2025: 2.974.994,00 euros, para o financiamento das axudas que, pola súa duración, xeren dereitos económicos das persoas beneficiarias durante o exercicio seguinte.

2. Este crédito poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado da súa previsión legal ou dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas no antedito artigo.

3. Segundo o establecido no artigo 5 da Orde do 11 de febreiro de 1998, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta resolución enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción. Así mesmo, en cumprimento do artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a concesión das subvencións tramitadas nesta resolución queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 4. Contía das axudas

1. A contía que poderá acadar esta axuda establécese en función das rendas e ingresos da solicitante en relación co indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente, de acordo coas seguintes especificacións:

1.1. Se os ingresos da solicitante son iguais ou inferiores ao IPREM vixente, e ata un máximo de doce mensualidades:

a) Con carácter xeral: 600 euros/mes.

b) Cando a solicitante tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, ou unha discapacidade ≥ 33 %: 650 euros/mes.

c) Cando a solicitante tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33 %: 700 euros/mes.

d) Cando a solicitante tivese ao seu cargo dúas/dous ou máis fillas/os menores ou menores en acollida: 700 euros/mes.

e) Cando a solicitante tivese ao seu cargo dúas/dous ou máis fillas/os menores ou menores en acollida, e algunha ou algún deles/as ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33 %: 800 euros/mes.

f) Cando a solicitante tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 65 % ou teñan recoñecido grao de dependencia de acordo coa Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia: 800 euros/mes.

1.2. Se os ingresos da solicitante son superiores ao IPREM vixente e iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM vixente, e ata un máximo de doce mensualidades:

a) Con carácter xeral: 300 euros/mes.

b) Cando a solicitante tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, ou unha discapacidade ≥ 33 %: 350 euros/mes.

c) Cando a solicitante tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33 %: 400 euros/mes.

d) Cando a solicitante tivese ao seu cargo dúas/dous ou máis fillas/os menores ou menores en acollida: 400 euros/mes.

e) Cando a solicitante tivese ao seu cargo dúas/dous ou máis fillas/os menores ou menores en acollida, e algunha ou algún deles/as ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33 %: 500 euros/mes.

f) Cando a solicitante tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 65% ou teñan recoñecido grao de dependencia de acordo coa Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia: 500 euros/mes.

1.3. Se os ingresos da solicitante son superiores a 1,5 veces o IPREM vixente e iguais ou inferiores ao dobre do IPREM vixente, e ata un máximo de doce mensualidades:

a) Con carácter xeral: 200 euros/mes.

b) Cando a solicitante tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, ou unha discapacidade ≥ 33 %: 250 euros/mes.

c) Cando a solicitante tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33 %: 300 euros/mes.

d) Cando a solicitante tivese ao seu cargo dúas/dous ou máis fillas/os menores ou menores en acollida: 300 euros/mes.

e) Cando a solicitante tivese ao seu cargo dúas/dous ou máis fillas/os menores ou menores en acollida, e algunha ou algún delas/es ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33 %: 400 euros/mes.

f) Cando a solicitante tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 65 % ou teñan recoñecido grao de dependencia de acordo coa Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia: 400 euros/mes.

2. Non se considerarán a cargo as/os menores emancipadas/os e/ou con ingresos mensuais brutos superiores ao IPREM vixente, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.

Artigo 5. Requisitos das solicitantes

1. Serán requisitos necesarios para poder ser persoa beneficiaria:

a) Ser muller, maior de idade ou emancipada, vítima de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica do seu agresor, ou no caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, de dependencia da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación e/ou de explotación.

Para os efectos desta axuda tamén terán a consideración de vítimas de violencia de xénero as mulleres que padeceran violencia vicaria ou violencia por interpósita persoa, con resultado de morte.

b) Estar empadroada e ter residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia.

Ademais, no caso de mulleres estranxeiras, ter residencia legal en España.

A residencia legal en España acreditarase mediante a inscrición no Rexistro Central de Estranxeiros, no caso de mulleres nacionais dos Estados membros da Unión Europea, do Espazo Económico Europeo ou da Confederación Suíza, ou coa tarxeta de familiar de cidadán da Unión ou autorización de residencia, en calquera das súas modalidades, no caso de mulleres estranxeiras doutra nacionalidade. Tamén poderá acreditarse a residencia legal en España coa autorización provisional de residencia expedida pola autoridade que sexa competente para outorgar a autorización de residencia por circunstancias excepcionais, mentres se resolve sobre esta última autorización.

c) Ter cesado a convivencia co agresor ou a vinculación coa/s persoa/s que mantivese/n sobre ela unha relación de dominación e/ou explotación, no intervalo temporal que comprende os doce (12) meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

O intervalo temporal establecido no parágrafo anterior non será de aplicación no caso de violencia vicaria ou violencia por interpósita persoa.

Nos casos de falecemento do agresor, o intervalo temporal será igualmente de doce (12) meses, tanto para o feito en si do propio falecemento como da ruptura da convivencia.

d) Que o documento acreditativo da situación de violencia de xénero fora adoptado ou emitido no intervalo temporal que comprende os doce (12) meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

O intervalo temporal establecido no parágrafo anterior non será de aplicación no caso de violencia vicaria ou violencia por interpósita persoa.

No caso de acreditar a situación de violencia de xénero cunha orde de protección ou medida cautelar, esta deberá estar vixente na data de presentación da solicitude e manterse na data da resolución desta axuda.

e) Carecer de dispoñibilidade de recursos económicos ou ser de contía insuficiente para afrontar unha independencia inmediata do seu agresor ou da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación, e/ou dispoñer dunhas rendas ou ingresos mensuais iguais ou inferiores ao dobre do IPREM vixente, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.

2. A solicitante deberá reunir na data de solicitude e manter ata que se resolva esta e durante a súa percepción os requisitos indicados no punto anterior.

3. Non poderán ser persoas beneficiarias da axuda prevista nestas bases reguladoras as mulleres que, reunindo estes requisitos, xa percibiran con anterioridade esta axuda ou a axuda establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

Artigo 6. Natureza das axudas e regras para o cálculo da súa contía

1. A axuda consiste nunha prestación económica destinada directamente á persoa beneficiaria, de carácter periódico, ata o máximo de doce (12) mensualidades, sempre que nese período subsistan as circunstancias polas que se concedeu. O cómputo do período comeza o mes da solicitude.

2. A contía que poderá acadar esta axuda establecerase en función das rendas e ingresos da solicitante na data de presentación da solicitude da axuda.

3. Para os efectos de determinar o requisito de carencia de rendas, unicamente se terán en conta as rendas ou ingresos de que dispoña ou poida dispoñer a solicitante da axuda, sen que se computen para estes efectos as rendas ou ingresos doutros membros da unidade familiar que convivan coa vítima. Non se terán en conta as rendas individuais do agresor, nin a vivenda habitual da vítima, nin as asignacións económicas da Seguridade Social por filla/o ou menor acollida/o a cargo.

4. Consideraranse rendas ou ingresos computables os bens, dereitos ou rendementos dos que dispoña a solicitante derivados de rendementos do traballo ou de actividades económicas e/ou profesionais, retribucións, rendas, prestacións periódicas, axudas, subsidios, prestacións de pagamento único, indemnizacións ou ingresos por calquera outro concepto ou título, tamén as cantidades percibidas en concepto de rendementos do capital mobiliario e inmobiliario, alugueiros ou similares, así como rendementos do patrimonio:

a) Como rendementos de traballo por conta allea computarase a contía líquida obtida como salario pola realización dun traballo por conta allea, excluíndo a parte proporcional das pagas extraordinarias. Para a súa xustificación remitirase a última nómina ou nóminas.

b) As rendas que procedan do traballo por conta propia e asimiladas, procedentes de actividades profesionais, agropecuarias ou económicas de calquera natureza, determinaranse de conformidade co procedemento establecido pola normativa fiscal que sexa de aplicación. Considéranse como ingresos o importe dos ingresos íntegros computables incluídos na última declaración vencida para o cálculo do pagamento fraccionado do imposto sobre a renda das persoas físicas, deducido o importe abonado en concepto de cotas á Seguridade Social e os demais gastos necesarios para o desenvolvemento da actividade dividido entre o número de meses de referencia da dita declaración. Para a súa xustificación remitirase a última declaración presentada.

c) Os ingresos procedentes de pensións, prestacións ou subsidios por desemprego ou cese de actividade ou de calquera outra prestación social asimilable, calcularanse do mesmo xeito que os rendementos de traballo por conta allea. No caso de non autorizar a súa consulta no anexo I de solicitude deberán remitir a correspondente documentación xustificativa.

A pensión compensatoria tamén se computará, agás que se acredite que non se está percibindo de maneira efectiva. Para a súa xustificación remitirase o convenio regulador ou documento en que se fixa o importe da dita pensión. No caso de que non se estea percibindo deberá achegarse xustificante de ter presentado reclamación de impago en vía xudicial ou resolución xudicial ao respecto.

Computaranse como ingresos os importes que estean afectados por embargo ou retención xudicial.

d) No caso de rendementos de bens mobles o seu cómputo farase tendo en conta os ingresos netos obtidos no exercicio económico anterior ao da presentación da solicitude, dividíndose a contía total dos ditos ingresos por doce, sempre que os ditos bens permanezan no patrimonio da solicitante na data da solicitude desta axuda e sigan xerando ingresos nesa data. Para a súa xustificación remitirase a declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) do último exercicio.

e) No caso de rendementos de bens inmobles o cómputo realizarase tendo en conta os ingresos íntegros obtidos no mes da solicitude, ou no mes inmediatamente anterior, cando o período de percepción dos rendementos sexa mensual. Se o período de percepción fose superior ao mensual os rendementos calcularanse dividindo o total de rendementos obtidos no período inmediatamente anterior á solicitude entre o número de meses ao cal corresponde. Para a súa xustificación remitirase o/os contrato/s e/ou recibos de pagamento e/ou comprobantes de transferencias bancarias.

f) Tamén se terán en conta outros ingresos que se poidan ter e determinar a partir da súa documentación específica.

5. No suposto de que a solicitante estivese percibindo ingresos doutras axudas incompatibles con esta e, atendendo ao disposto no artigo 15 desta resolución, renuncie a elas, detraerase do cómputo total o número de mensualidades coincidentes no período de percepción.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da condición de vítima de violencia de xénero derivada dunha relación de convivencia, de violencia vicaria ou dunha situación de dominación e/ou explotación, no caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, mediante algún dos seguintes documentos:

1º. Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, testemuño ou copia autenticada polo/a letrado/a da Administración de xustiza da propia orde de protección ou da medida cautelar.

2º. Sentenza de calquera orde xurisdicional, que declare que a muller sufriu violencia de xénero ou documento xudicial que declare que a muller é vítima de trata con fins de explotación sexual e/ou vítima de explotación sexual.

3º. Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia de xénero ou de trata con fins de explotación sexual e/ou explotación sexual, auto de apertura de xuízo oral ou documento equivalente en que conste a existencia dos ditos indicios.

4º. Informe das forzas e corpos de seguridade que indique a existencia de indicios claros de violencia de xénero, ou de trata con fins de explotación sexual e/ou explotación sexual.

5º. Informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local en que se recolla a dita condición de vítima de violencia de xénero ou de vítima de trata con fins de explotación sexual e/ou de explotación sexual, e a data en que se produciu o cesamento da convivencia ou da situación de dominación e/ou explotación, respectivamente.

6º. Informe dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local en que se recolla a condición de vítima de violencia de xénero, de vítima de trata con fins de explotación sexual e/ou de explotación sexual, e a data en que se produciu o cesamento da convivencia ou da situación de dominación e/ou explotación, respectivamente.

Cando a condición de vítima de violencia de xénero, ou de vítima de trata con fins de explotación sexual e/ou de explotación sexual, se acredite mediante algún dos documentos previstos nos puntos anteriores e non conste que a situación de violencia ocorre nunha relación de convivencia ou nunha relación de dominación e/ou explotación, respectivamente, deberá achegarse, ademais, un informe dos servizos sociais da Administración autonómica ou local que o acredite ou, na súa falta, a declaración responsable da solicitante, recollida no anexo I de solicitude. En todo caso, deberá constar a data en que tivo lugar o cesamento da convivencia co agresor ou da vinculación con persoa/s que mantivese/n sobre ela unha relación de dominación e/ou explotación, respectivamente.

b) Documentación que xustifique os ingresos declarados no punto 1 do anexo I, de ser o caso, segundo o previsto no artigo 6 desta resolución.

c) No caso de discapacidade da solicitante e/ou das/dos súas/seus fillas/os menores ou menores acollidas/os, a cargo da solicitante, deberá achegar certificación acreditativa de tal condición, se fose expedida por outra Administración distinta á Xunta de Galicia.

d) No caso de que a solicitante teña ao seu cargo fillas/os menores ou menores acollidas/os, deberá achegar a seguinte documentación:

1º. Documentación para acreditar o vínculo familiar: libro de familia ou outro documento que acredite os vínculos familiares da solicitante coas/cos menores ao seu cargo.

No caso de menores acollidas/os a cargo, deberán achegar a resolución administrativa ou xudicial acreditativa da dita situación, nos supostos en que esta fose expedida por unha Administración distinta á Xunta de Galicia.

2º. Documentación para acreditar que as/os menores están ao seu cargo: se houbese convivencia cas/os menores a cargo, presentarase a resolución xudicial de custodia, informe dos servizos sociais, certificado de empadroamento colectivo onde consten todos os membros da unidade familiar ou calquera outra documentación que acredite as responsabilidades familiares e a convivencia.

De non existir convivencia, presentarase o convenio regulador ou resolución xudicial en virtude dos cales exista obriga de alimentos.

Considerarase que existe convivencia naqueles supostos en que a dita convivencia se atope interrompida por motivos derivados da situación de violencia de xénero. Esta situación deberase acreditar a través de informe dos servizos sociais da Administración pública autonómica ou local.

e) Anexo II de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, de ser o caso.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. As solicitantes deberán comunicar á Secretaría Xeral da Igualdade calquera modificación que se produza nos datos indicados na súa solicitude ou en calquera dos documentos que a acompañan. Esta variación comunicarase no momento en que se produza, co fin de axilizar a instrución do procedemento.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificado de residencia legal da persoa solicitante estranxeira.

e) Datos de residencia con data de última variación de padrón.

f) Importes de prestación de desemprego percibidos a data actual.

g) Importes de prestación de desemprego percibidos nun período.

h) Certificado de prestacións do Servizo Público de Emprego Estatal (área de Galicia).

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Resolución administrativa de acollemento familiar emitida pola Xunta de Galicia.

b) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia da solicitante e/ou das/dos fillas/os menores a cargo e/ou menores en acollida a cargo.

c) Grao e nivel de dependencia da solicitante e/ou das/dos fillas/os menores a cargo
e/ou menores en acollida a cargo.

d) Certificado das percepcións da renda de integración social de Galicia (Risga).

e) Consulta das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, incapacidade temporal, maternidade e paternidade.

f) Certificado da renda (IRPF)

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Instrución

1. A instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero da Secretaría Xeral da Igualdade. Este proceso efectuarase de forma continuada segundo a orde de recepción de solicitudes.

2. O órgano instrutor realizará, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. De conformidade co establecido no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na resolución de convocatoria, a Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, requirirá a interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días, indicándolle que se non o fixera teráselle por desistida da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada Lei 39/2015, do 1 de outubro.

A documentación requirida para a emenda da solicitude deberá ser presentada na forma que se determina no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, e sempre que sexa preciso, a Secretaría Xeral da Igualdade requirirá ás solicitantes que acheguen cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. O órgano instrutor, de acordo co establecido no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para as axudas concedidas polo procedemento previsto no artigo 19.2 desta lei, unha vez comprobada a concorrencia dos requisitos exixidos formulará a proposta de concesión directamente ao órgano concedente.

6. Durante a tramitación do procedemento, o órgano instrutor recadará a información necesaria co obxecto de comprobar que, antes de ditarse a resolución de concesión da axuda, se manteñen os requisitos para ser persoa beneficiaria, especialmente que a orde de protección ou a medida cautelar está vixente, de ser o caso, e que a solicitante non reiniciou a convivencia co agresor, ou a vinculación con persoa/s que mantivese/n sobre ela unha relación de dominación e/ou explotación para o caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, respectivamente.

7. As solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de denegación, en que se indicarán as causas desta.

8. Por outra parte, de conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, deberase transmitir á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida pola dita base de datos.

Artigo 11. Resolución

1. A resolución dos expedientes de solicitude destas axudas correspóndelle á secretaria xeral da Igualdade.

2. O procedemento de concesión segue o réxime de concorrencia non competitiva, polo que se recoñecerán axudas ata o esgotamento do crédito orzamentario, segundo o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do disposto no artigo 3 desta resolución. De esgotarse o crédito, segundo o establecido no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acordarase a inadmisión de posteriores solicitudes e publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web. De producirse o esgotamento do crédito nunha data na que existan varias solicitudes que cumpran os requisitos para a concesión da axuda, establécense os seguintes criterios de prioridade e por esta orde, para a súa resolución:

1º. Menores ingresos brutos en cómputo mensual, segundo o artigo 6 da presente resolución.

2º. Maior grao de discapacidade da solicitante e/ou das/dos fillas/os menores e/ou menores en acollida a cargo.

3º. Maior número de fillas/os menores e/ou menores en acollida a cargo.

4º. Maior idade da solicitante

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco (5) meses que se computarán a partir do día seguinte ao da presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se ditase resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. A duración e contía das axudas serán as que se especifiquen na resolución de concesión.

5. A secretaria xeral da Igualdade poderá modificar ou suspender a concesión no caso de que varíen as condicións que a motivaron. As resolucións de concesión, denegación, modificación e/ou suspensión ditadas notificaránselles ás interesadas e terán que ser motivadas.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Réxime de recursos

1. A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no mesmo diario oficial.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente resolución poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante a Secretaría Xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa.

Artigo 14. Pagamento das axudas

1. O pagamento axustarase ao establecido na Lei 38/2003, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A contía da axuda concedida aboaráselles ás persoas beneficiarias en pagamentos periódicos por mensualidades vencidas. O primeiro pagamento consistirá nun aboamento polo importe total dos atrasos que, de ser o caso, lle correspondesen segundo as mensualidades que figuren na resolución de concesión.

2. Co obxecto de comprobar que non se producen variacións das circunstancias da concesión, que se cumpren as obrigas establecidas e, en todo caso, que a persoa beneficiaria non reinicia a convivencia co agresor ou a vinculación con persoa/s que mantivese/n sobre ela unha relación de dominación e/ou explotación, para o caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, ou que solicita deixar sen efecto as medidas de protección que tiver vixentes, o órgano xestor, durante o período de pagamento, poderá recadar canta información considere necesaria, a través do Punto de Coordinación de Ordes de Protección (PCOP), de informe dos servizos sociais da Administración local ou autonómica, ou por calquera outro medio con validez legal.

3. O pagamento das axudas reguladas nesta disposición farase unicamente na conta bancaria que as solicitantes fixesen constar na solicitude, debendo permanecer activa para estes efectos mentres non se teña constancia da finalización do expediente, non facéndose responsable a Administración da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas directamente imputables ás solicitantes.

Artigo 15. Modificación e suspensión da axuda

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais para a mesma finalidade, poderá dar lugar á modificación ou suspensión da resolución da concesión.

2. Sen prexuízo do disposto nesta resolución, o órgano xestor poderá iniciar un procedemento de revisión no momento en que teña constancia, ben a través das actuacións levadas a cabo no seguimento das axudas previstas no artigo 16 desta resolución, ben a través de calquera outro medio de comprobación, de que variaron as circunstancias da concesión, ou cando a dita comprobación non sexa posible. A apertura deste procedemento pode establecer a suspensión provisional dos pagamentos ata que se dite resolución definitiva de modificación ou de suspensión da concesión, ou se deixe sen efecto a dita suspensión, por comprobación do mantemento das circunstancias iniciais, e se reinicien os pagamentos pendentes.

3. Iniciado o procedemento de revisión recollido no punto anterior, e transcorridos dous meses desde a suspensión provisional da axuda con imposibilidade de contactar coa persoa beneficiaria da mesma, procederase á suspensión definitiva logo da correspondente resolución de suspensión da concesión.

4. En todo caso, se durante a percepción da axuda, o órgano xestor ten constancia do traslado da residencia da persoa beneficiaria fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, de que a persoa beneficiaria reiniciou a convivencia co agresor ou a vinculación con persoa/s que mantivese/n sobre ela unha relación de dominación e/ou explotación, para o caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, ou de que a persoa beneficiaria solicitou deixar sen efecto as medidas de protección que tivese vixentes, procederá resolver a suspensión definitiva da axuda.

Poderán ser exceptuadas da suspensión definitiva da axuda aquelas mulleres que, por motivos de seguridade derivados da situación de violencia de xénero, trata con fins de explotación sexual e/ou explotación sexual, se vexan obrigadas ao traslado a outra comunidade autónoma do territorio nacional, sempre que se xustifique esta circunstancia a través dun informe dos servizos de acollida ou dos servizos sociais da Administración pública galega autonómica ou local, ou informe xudicial, do Ministerio fiscal ou das forzas e corpos de seguridade.

5. No suposto de que durante a percepción da axuda se produza un incremento de ingresos e, como consecuencia, se superen os límites de referencia tidos en conta para o seu cálculo inicial procederase á modificación da concesión polo período restante da axuda, minorándose o seu importe para a súa regularización.

No caso de que o incremento de ingresos determine que se supera o límite establecido no artigo 5.1.e) desta resolución, resolverase a suspensión da axuda.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias quedan sometidas ao cumprimento das obrigas exixidas de conformidade co disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás actuacións de comprobación que acorde a Secretaría Xeral da Igualdade. Así mesmo, quedan obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

2. As persoas beneficiarias quedan obrigadas a comunicarlle ao órgano concedente calquera cambio das circunstancias que xustificaron a concesión da axuda, tan pronto como se producisen e, en todo caso, a actualizar e remitirlle con carácter semestral o anexo III no que se recollen as declaracións de axudas e de estar ao día nas obrigas tributarias.

3. As persoas beneficiarias quedan obrigadas a manter a residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia durante a percepción da axuda, agás aquelas mulleres que por motivos de seguridade derivados da situación de violencia de xénero, trata con fins de explotación sexual e/ou explotación sexual, se vexan obrigadas a trasladarse a outra comunidade autónoma do territorio nacional, sempre que se xustifique esta circunstancia a través dun informe dos servizos de acollida ou dos servizos sociais, da Administración pública galega autonómica ou local, ou de informe xudicial, do Ministerio fiscal ou das forzas e corpos de seguridade. Así mesmo, as persoas beneficiarias quedan obrigadas tamén a comunicar, con carácter previo, calquera cambio de enderezo que se produza durante o mesmo período.

4. As persoas beneficiarias quedan obrigadas a participar nos programas de formación, inserción laboral, busca activa e mellora de emprego, así como en calquera outro que determine a Secretaría Xeral da Igualdade, directamente ou en colaboración con outras administracións ou entidades.

Artigo 17. Reintegro

1. O órgano xestor poderá proceder á apertura do expediente declarativo de reintegro, total ou parcial e dos xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das obrigas establecidas nesta resolución.

b) Obtención da axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou falseando ou ocultando feitos ou datos que tivesen impedido a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda.

2. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da axuda concedida, mediante o seu ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia que lle será facilitada polo órgano xestor, en concepto de devolución voluntaria da axuda. Neste caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da axuda concedida.

Artigo 18. Incompatibilidades

1. As axudas reguladas nesta disposición serán incompatibles con calquera outra establecida polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades ou por calquera entidade privada destinadas ao mesmo fin. En concreto esta axuda é incompatible coa axuda de pagamento único do artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

2. Cando a solicitante teña solicitada a renda activa de inserción por vítima de violencia de xénero (RAI) fará constar expresamente esta circunstancia na declaración de axudas recollida no anexo I de solicitude.

2.1. Cando a solicitante perciba a RAI, deberá facer constar expresamente esta circunstancia na declaración de axudas recollida no anexo I de solicitude, xa que, de teren dereito a esta axuda, e por seren incompatibles, o órgano xestor concederalle un prazo de cinco (5) días para que manifeste a súa opción, indicándolle que as mensualidades coincidentes no período de percepción de ambas as dúas axudas minoran no mesmo número de meses a axuda regulada nesta disposición. Transcorrido o prazo de cinco (5) días desde a data de recepción do escrito de opción pola solicitante sen recibir ningunha comunicación ao respecto no órgano xestor, este procederá á resolución por incompatibilidade e ao arquivo do expediente.

2.2. No caso de que a interesada solicite ou perciba a RAI con posterioridade á presentación da solicitude desta axuda deberá comunicalo de xeito inmediato, para os efectos do establecido no punto anterior, agás no caso de que autorice expresamente á Secretaría Xeral da Igualdade a consulta de datos que obren en poder do Servizo Público de Emprego Estatal.

3. As solicitantes deberán ter en conta que as normas reguladoras de axudas tales como a renda de integración social de Galicia (Risga), as pensións non contributivas e aqueloutros subsidios percibidos por carencia de recursos teñen límites de percepción de ingresos distintos aos establecidos nesta resolución para a percepción destas axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero, polo que no momento de recibir a notificación de concesión deberán comunicalo aos organismos responsables da xestión das axudas que estivesen a percibir.

Artigo 19. Seguimento e control

1. O seguimento das axudas concedidas será realizado polo persoal especializado que determine a secretaria xeral da Igualdade, e incidirá, especialmente, nos aspectos que se relacionan a seguir, ademais daqueloutros que se consideren salientables:

a) Avaliación e control da súa aplicación, que comprenderá os documentos referidos no artigo 11.2 desta resolución e un informe anual sobre a situación das persoas beneficiarias. En todo caso, velarase polo cumprimento dos requisitos polos que se concedeu a axuda durante todo o período de percepción.

b) Apoio e orientación ás persoas beneficiarias para acadar canto antes a súa plena autonomía.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

A concesión destas axudas non será obxecto de publicidade, en aplicación do disposto no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 21. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI434A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nas unidades administrativas de igualdade das xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos ou da Secretaría Xeral da Igualdade, https://igualdade.xunta.gal, no teléfono 881 99 91 64 ou no enderezo electrónico vx.igualdade@xunta.gal

Artigo 22. Infraccións e sancións

As persoas beneficiarias estarán sometidas ás responsabilidades e ao réxime sancionador que sobre infraccións nesta materia establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 23. Remisión normativa

En todo o non previsto nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e demais normativa de aplicación.

Disposición adicional

As solicitudes recibidas ao abeiro da Resolución do 15 de decembro de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se convoca para o ano 2023 a prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo (código de procedemento SI434A), modificada pola Resolución do 16 de maio de 2023, que ao remate do exercicio anterior non acadasen a fase de resolución por non estaren completos os trámites previos, resolveranse con cargo aos créditos desta resolución.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as seguintes disposicións:

– Resolución do 17 de decembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo.

– Resolución do 12 de febreiro de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se modifica a Resolución do 17 de decembro de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo (código de procedemento SI434A).

– Resolución do 17 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se modifica a Resolución do 17 de decembro de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo (código de procedemento SI434A).

– Resolución do 15 de maio de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se modifica a Resolución do 17 de decembro de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero (código de procedemento SI434A).

Disposición derradeira primeira

A secretaria xeral da Igualdade ditará as instrucións necesarias para o axeitado desenvolvemento e cumprimento desta resolución.

Disposición derradeira segunda

Esta disposición entrará en vigor a partir do día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Composte, 14 de decembro de 2023

Sandra Vázquez Domínguez
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file