DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Venres, 22 de decembro de 2023 Páx. 70336

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 27 de novembro de 2023, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello da Arnoia (expediente IN407A 2023/126-3).

Visto o expediente para o outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción das instalacións eléctricas que se describen a seguir, tal e como se recollen no proxecto asinado o día 2.5.2023 polo enxeñeiro técnico industrial Antonio Javier Sabín Vázquez, colexiado núm. 2233 do Coeticor, quen acredita a súa habilitación e competencia mediante declaración responsable asinada na data sinalada.

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Domicilio: avenida de San Luis, 77, 28033 Madrid.

Denominación: interruptor telecontrolado na LMTA CAS803, punto fronteira Electra Alto Miño.

Situación: lugar da Reza, concello da Arnoia.

Orzamento: 16.215,21 €.

Características técnicas:

– Substitución do apoio existente da LMTA CAS803 núm. 20-14, do tipo 2xHV, por un novo apoio proxectado de celosía metálica, do tipo C-14/3000, no cal se instala un interruptor telecontrolado (ITC). Substitución do condutor existente, do tipo LA-56, na LMTA CAS803, entre o apoio proxectado núm. 20-14 e o apoio existente núm. 20-15, retíranse 7 m do condutor existente e instálanse 8 m de novo condutor proxectado do tipo LA-56.

Cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no capítulo II, título VII, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Resolución da Consellería de Economía e Industria, do 19 de febreiro de 2014, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG núm. 54, do 19 de marzo), así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), esta xefatura territorial

RESOLVE:

Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción das devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten de aplicación e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contado a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Ourense, 27 de novembro de 2023

Alicia María López Míguez
Xefa territorial de Ourense