DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Venres, 22 de decembro de 2023 Páx. 70243

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 29 de novembro de 2023, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de facultativo de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade de arquivos, convocado mediante a Resolución do 30 de marzo de 2022, pola que se lle dá publicidade a diversos acordos.

En sesión que tivo lugar o 22 de novembro de 2023, o tribunal nomeado mediante a Resolución do 14 de abril de 2023 pola que se nomea o tribunal que deberá cualificar o proceso selectivo de acceso libre para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de facultativo de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade de arquivos (DOG núm. 78, do 24 de abril),

ACORDOU:

Primeiro. De conformidade co disposto na base II.1.1.2.c) da convocatoria e co disposto nos criterios de corrección, valoración e superación do segundo exercicio do proceso selectivo aprobados polo tribunal na sesión que tivo lugar o 14 de setembro de 2023, superaron o segundo exercicio do proceso selectivo as persoas aspirantes obtiveron unha puntuación mínima de vinte e cinco (25) puntos e non obtiveron unha puntuación inferior a 10 puntos nun dos temas.

Segundo. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas ao segundo exercicio do proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de facultativo de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade de arquivos, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

Terceiro. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. De conformidade co disposto na base II.1.1.3 da convocatoria, as persoas aspirantes que superaron o segundo exercicio disporán dun prazo de dez (10) días hábiles contado desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentar a documentación xustificativa de que o día da publicación da convocatoria do proceso selectivo no Diario Oficial de Galicia (DOG) estaban en posesión do Celga 4 ou título equivalente debidamente homologado de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Non terá que presentar a documentación xustificativa de exención quen xa teña acreditada a posesión do Celga requirido e así conste na listaxe de persoas aspirantes publicada, xunto con esta resolución, pola Dirección Xeral da Función Pública no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

Quinto. De conformidade co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2023

Mª Carmen Calviño Rodríguez
Presidenta do tribunal