DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Mércores, 20 de decembro de 2023 Páx. 69720

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 12 de decembro de 2023 pola que se establece a compensación económica aos colexios de avogados polas actuacións dos seus colexiados no ámbito da asistencia xurídica gratuíta durante o cuarto trimestre de 2023 e o primeiro, segundo e terceiro trimestres de 2024.

O artigo 24 da nosa Constitución garántelles o dereito fundamental a obteren a tutela efectiva dos xuíces e tribunais a todas as persoas no exercicio dos seus dereitos e intereses lexítimos, así como á defensa e á asistencia de letrado. Este dereito fundamental compleméntase co disposto no artigo 119 da Carta Magna, onde se establece que «a xustiza será gratuíta cando así o dispoña a lei e, en todo caso, respecto de quen acredite insuficiencia de recursos para litigar».

Coa entrada en vigor da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, esta materia foi obxecto dunha fonda reforma. Así mesmo, como consecuencia do Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, polo que lle foron transferidas pola Administración do Estado a Galicia os medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, entre os cales está o aboamento da compensación económica aos colexios de avogados e de procuradores dos tribunais polas actuacións dos seus colexiados no ámbito da asistencia xurídica gratuíta, a Comunidade Autónoma galega realizou o desenvolvemento normativo da dita Lei 1/1996.

Nun primeiro momento efectuouse a través do Decreto 146/1997 e, posteriormente, coa pertinente reforma deste para a súa necesaria adaptación ao contexto actual, mediante o vixente Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia, modificado polo Decreto 138/2012, do 21 de xuño, e polo Decreto 134/2017, do 7 de decembro.

Por outra banda, o 23 de decembro de 2021 deuse conta ao Consello da Xunta de Galicia do acordo co Consello da Avogacía Galega para establecer o baremo da compensación económica da asistencia xurídica gratuíta destes profesionais, cun ámbito temporal que abrangue desde o 1 de outubro de 2021 ata o 30 de setembro de 2025.

Así mesmo, a Orde 2 de agosto de 2012 desenvolve a regulación das certificacións e xustificacións trimestrais establecidas no Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia.

En consecuencia co anteriormente exposto,

DISPOÑO:

Primeiro. Durante o cuarto trimestre do ano 2023 e durante o primeiro, segundo e terceiro trimestres de 2024, as cantidades do baremo da compensación económica da asistencia xurídica gratuíta serán as especificadas no anexo da presente orde.

Estas cantidades deberán certificalas trimestralmente os colexios de avogados, seguindo estritamente a ordenación de tipoloxías recollidas no modelo que figura no anexo desta orde, de acordo cos artigos 38.3 e 44 do Decreto 269/2008, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia, e tendo en conta o disposto nos puntos primeiro, segundo e terceiro da Orde do 2 de agosto de 2012.

Segundo. Os avogados percibirán o 100 % da compensación económica correspondente á súa actuación profesional cando acrediten a realización dalgún dos seguintes trámites procesuais:

a) En materia de asistencia letrada ao detido ou preso, unha vez finalizada a intervención profesional e que o avogado presente o parte selado polo órgano xudicial ou policial onde se levou a cabo a asistencia e no cal se recollan os seguintes datos, como mínimo:

– Nome e número de colexiado do avogado.

– Nome e DNI do asistido ou asistidos. No caso de estranxeiros, número de pasaporte ou de tarxeta de residencia.

– Motivo polo cal o asiste e, se for o caso, da detención, e número de dilixencias policiais ou xudiciais.

Cando o colexio de avogados teña establecida unha quenda de garda, pagarase unha única compensación por cada quenda de garda. Se o número de asistencias realizadas a persoas diferentes é superior a cinco dentro dunha mesma garda, o avogado percibirá unha compensación equivalente ao dobre do módulo establecido, sexa cal sexa o número de asistencias realizadas.

b) Nos procesos penais, a presentación da copia da dilixencia ou solicitude da actuación procesual en que interveña o letrado, ou a apertura do xuízo oral.

c) Nos procesos civís, a presentación da copia da resolución xudicial de admisión da demanda ou de ter por formulada a súa contestación.

d) Nos demais procesos, a presentación da copia da dilixencia xudicial acreditativa da intervención do avogado.

e) Nas apelacións civís, a presentación da copia da resolución xudicial pola que se admite a trámite o recurso ou, se procede, a comparecencia ante a sala.

f) Nas apelacións penais, a presentación da copia da resolución xudicial en que se teña por formalizado ou impugnado o recurso ou o sinalamento para a vista.

g) Nos recursos de casación formalizados, a presentación da copia da resolución xudicial pola que se teña por interposto o recurso.

h) Nos anuncios de recurso de casación que non chegan a ser formalizados, a presentación da copia do anuncio do recurso, debidamente xustificada.

i) Nas transaccións extraxudiciais e nos casos de informe de insostibilidade da pretensión, a presentación do documento de transacción subscrito polos interesados ou do informe da insostibilidade dirixido ao colexio.

j) Nas desistencias extraxudiciais por pasividade do interesado, a presentación de xustificación escrita do letrado.

k) Nas execucións de sentenzas que se produzan transcorridos máis de dous anos despois de ditada a resolución xudicial, a presentación da copia de petición de execución, debidamente acreditada.

Os documentos referidos poderán ser substituídos por copia selada polo órgano xudicial da primeira folla do escrito presentado.

Terceiro. En cumprimento do establecido no artigo 44.1 do Decreto 269/2008, do 6 de novembro, e do disposto na Orde do 2 de agosto de 2012, dentro do mes natural seguinte ao da finalización de cada trimestre, o colexio de avogados remitiralle á Dirección Xeral de Xustiza unha certificación que conteña os datos relativos ás actuacións realizadas polos profesionais durante ese período nas cales exista recoñecemento expreso do dereito á asistencia xurídica gratuíta, así como a relación desagregada a que fai referencia a Orde do 2 de agosto de 2012.

Cuarto. En cumprimento do establecido no artigo 48 do Decreto 269/2008, do 6 de novembro, e segundo o disposto na Orde do 2 de agosto de 2012, os colexios de avogados deberán remitir a xustificación trimestral dos fondos percibidos a que se refire o artigo 47 do devandito Decreto 269/2008.

Quinto. Cando un procedemento xudicial teña carácter excepcional e extraordinario, isto é, cando a actuación do avogado supere notablemente a carga de traballo que se pode considerar ordinaria para cada tipo de procedemento, a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e o correspondente colexio de avogados poderán formalizar un convenio cuxa finalidade sexa articular os medios técnicos, materiais, humanos ou económicos precisos para facer posible en óptimas condicións a defensa xurídica de quen teña recoñecido o dereito de asistencia xurídica gratuíta, de modo que se garanta a tutela xudicial efectiva de acordo co establecido no artigo 24 da Constitución española.

Disposición adicional

A presente orde tramítase ao abeiro do disposto na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto (modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001), e a súa eficacia queda sometida á condición suspensiva da existencia de crédito suficiente para financiar as obrigas derivadas dela.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO

Módulos e bases da indemnización pola prestación do servizo

Baremos para o cuarto trimestre do ano 2023 e o primeiro,
segundo e terceiro trimestres de 2024

Avogados/tipoloxía

Asistencia ao detido ou preso.

Código

Denominación

Módulo

101

Asistencia individualizada, incluída a presenza inmediata solicitada polo detido ou preso sen declaración posterior, por requirimento xudicial ou do centro de detención

131,00 €

Xurisdición penal.

Código

Denominación

Módulo

201

Procedemento ante o tribunal do xurado

534,00 €

202

Asistencia diaria á vista ante o tribunal do xurado a partir do segundo día

127,00 €

203

Procedemento ordinario por delito

507,00 €

204

Procedemento abreviado de especial complexidade (causa de máis de 1.000 folios)

507,00 €

206

Procedemento penal abreviado

415,00 €

207

Procedemento de axuizamento rápido de delitos sen conformidade

415,00 €

208

Procedemento de axuizamento rápido de delitos con conformidade

275,00 €

209

Procedemento para o xuízo sobre delito leve

166,00 €

2010

Menores. Proceso terminado con sentenza

281,00 €

2011

Menores. Proceso con outras formas de terminación

192,00 €

2012

Recurso ante o xulgado de vixilancia penitenciaria con intervención preceptiva ou designación de avogado por requirimento xudicial, conforme o artigo 21 da Lei de asistencia xurídica gratuíta

187,00 €

2015

Recursos de apelación a sentenzas e autos finais ou admitidos en ambos os efectos. Proceso por delito

187,00 €

2016

Recursos de apelación. Procedemento sobre delitos leves

139,00 €

2017

Defensa xurídica inmediata da muller en dilixencias policiais, aínda que non presente denuncia, e procedementos administrativos que deriven directa ou indirectamente da violencia de xénero

131,00 €

2018

Comparecencia xudicial da orde de protección

131,00 €

2019

Por cada beneficiario do dereito á asistencia xurídica gratuíta adicional no mesmo procedemento, a partir de tres investigados

10 %(1)

2020

Saídas para entradas e rexistros domiciliarios

20,00 €

Xurisdición civil.

Código

Denominación

Módulo

301

Procedemento ordinario

384,00 €

302

Xuízo verbal

256,00 €

303

Proceso contencioso de familia completo

415,00 €

304

Proceso de familia de mutuo acordo

256,00 €

305

Medidas provisionais previas e coetáneas en procesos de familia

135,27 €

306

Modificación de medidas definitivas en procesos de familia

415,00 €

307

Proceso sobre filiación ou sobre a adopción de medidas xudiciais de apoio a persoas con discapacidade, agás os internamentos do artigo 763 da Lei de axuizamento civil

341,75 €

308

Monitorio

127,00 €

309

Actuación nun proceso como contador partidor

278,00 €

3010

Proceso de división xudicial de patrimonios

256,00 €

3011

Execucións de títulos xudiciais con oposición (2) e as posteriores a dous anos

211,00 €

3012

Cambiario e execución de títulos non xudiciais

192,00 €

3013

Expedientes de xurisdición voluntaria e internamento non voluntario por razón de trastorno psíquico

192,00 €

3014

Recursos de apelación a sentenzas e autos finais ou admitidos en ambos os efectos

187,00 €

3015

Ampliación da demanda en execucións de familia (máximo 1 por ano)

30 %(3)

Xurisdición contencioso-administrativa.

Código

Denominación

Módulo

401

Recurso contencioso-administrativo. Procedemento ordinario

384,00 €

402

Recurso contencioso-administrativo. Procedemento abreviado

256,00 €

403

Vía administrativa (estranxeiría e asilo)

127,00 €

404

Recursos de apelación a sentenzas e autos finais ou admitidos en ambos os efectos

187,00 €

405

Entrada en domicilio

120,00 €

Xurisdición social.

Código

Denominación

Módulo

501

Procesos da xurisdición social (ordinarios e especiais)

310,00 €

502

Recursos de suplicación

187,00 €

Xurisdición militar.

Código

Denominación

Módulo

601

Proceso íntegro

240,00 €

Recursos de casación e amparo.

Código

Denominación

Módulo

701

Recurso de casación

384,00 €

702

Recurso de casación cando non se formaliza e hai só anuncio

117,00 €

703

Recurso de amparo

384,00 €

Actuacións extraprocesuais.

Código

Denominación

Módulo

801

Transaccións extraxudiciais

75 %(4)

802

Informe motivado da insostibilidade da pretensión

85,00 €

803

Desistencia previa ao proceso por pasividade da persoa axuizable, estudo e preparación do asunto previos á presentación da demanda

30 %(4)

Normas xerais.

Código

Denominación

Módulo

901

Achantamento

30 %(4)

902

Execución de sentenza posterior aos dous anos de ser ditada a resolución xudicial, agás na xurisdición civil

30 %(4)

903

Saídas a centros de prisión e centros de internamento de menores en réxime pechado (máximo de dúas saídas por proceso)

32,00 €

904

Desprazamentos para a asistencia a xuízo oral (avogados con despacho oficial nun partido xudicial distinto ao da sede do xulgado do penal ou da audiencia provincial)

48,00 €

905

Medidas cautelares e dilixencias preliminares

107,00 €

906

Reconvención

127,00 €

(1) Sobre o módulo do procedemento, ata o límite do 50 % do dito módulo.

(2) Para execucións con oposición presentadas con data posterior ao 1 de outubro de 2021.

(3) Sobre o módulo da execución.

(4) Sobre o módulo aplicable ao procedemento.