DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Martes, 19 de decembro de 2023 Páx. 69549

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 29 de novembro de 2023 pola que se renova a vixencia da acreditación do Campus Industrial de Ferrol como campus de especialización do Sistema universitario de Galicia, de acordo co procedemento establecido na Orde do 10 de setembro de 2019 que regula o procedemento.

A Orde do 10 de setembro de 2019 regula o procedemento para a acreditación dos campus de especialización do Sistema universitario de Galicia (DOG núm. 177, do 18 de setembro).

O artigo 16 da dita orde refírese ao período de validez da acreditación, que será o que se estableza no correspondente informe do Comité de Avaliación, e faculta a Secretaría Xeral de Universidades para a súa renovación, sempre e cando o resultado das avaliacións de calidade sexan favorables e se manteñan as condicións que motivaron a concesión da acreditación, comunicándoo á universidade con, polo menos, dous meses de antelación á data de finalización do período de acreditación.

Mediante a Resolución do 11 de marzo de 2021 acredítase o Campus Industrial de Ferrol como campus de especialización do Sistema universitario de Galicia, de acordo co procedemento regulado na orde.

Esta resolución publicouse no DOG o 26 de marzo de 2021 e establece que a acreditación se estenderá por un período de tres anos desde a data da sinatura e que a súa vixencia e efectos estarán suxeitos a unhas determinadas condicións, acordes co sinalado no informe final do Comité de Avaliación e no informe proposta da Secretaría Xeral de Universidades, e recolle que se fixará un panel de indicadores de execución e resultado para verificar o cumprimento desas condicións, panel que se plasmará nun protocolo asinado entre a Consellería e a Universidade da Coruña (en diante, UDC).

O 5 de xullo de 2023 o secretario xeral de Universidades dita a Instrución 2/2023 para a renovación da vixencia da acreditación do Campus Industrial de Ferrol. A instrución publícase no portal web da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e establece, entre outros, os seguintes puntos:

1. Iniciar o procedemento de avaliación do campus que permita a renovación da acreditación.

2. Realizar o proceso de avaliación tendo en conta os seguintes aspectos:

• Informe de seguimento e avaliación intermedia do programa do campus, elaborado pola Secretaría Xeral de Universidades o 14 de xuño de 2023.

• Toma en consideración, por parte do Comité de Avaliación, da documentación presentada polas persoas responsables do campus.

• Visita presencial do Comité de Avaliación ás instalacións do campus.

O Comité de Avaliación vén regulado na Orde do 10 de setembro de 2019, que establece, no artigo 12, que a avaliación estará a cargo dun panel de persoas expertas externas ao SUG (Comité de Avaliación), nomeado pola Secretaría Xeral de Universidades, que será o encargado de analizar a documentación remitida pola universidade, manter unha reunión cos representantes do campus e elaborar os informes de avaliación.

O obxecto da avaliación será analizar a evolución do campus durante o período de acreditación, así como determinar o grao de cumprimento dos obxectivos fixados e de implantación das recomendacións realizadas polo comité no informe final de avaliación.

3. Requirir á UDC a documentación necesaria para a avaliación, tanto a relativa á traxectoria 2020-2023 como a relativa á estratexia prevista para os seguintes catro anos, 2024-2027.

4. A elaboración dun informe por parte do Comité de Avaliación, con base na documentación revisada e á visita presencial realizada, en que figuren:

• As consideracións sobre as dimensións avaliadas para a acreditación (organización e gobernanza, estratexia, docencia, investigación, interacción co tecido produtivo e información pública e transparencia).

• O panel de indicadores de seguimento para futuras avaliacións do campus.

• O grao de implementación das recomendacións realizadas no informe final de avaliación.

• As orientacións e recomendacións de actuación que deberán ser abordadas no seguinte período de acreditación, de ser o caso, para a mellora evolutiva do programa de especialización.

• A cualificación outorgada no proceso de avaliación, que determinará a renovación da acreditación por un período de 4 anos, a renovación por un período de 3 anos coa obriga de presentar un informe de progreso intermedio, ou a non renovación por non ter superado o proceso de avaliación.

5. En función deste informe a Secretaría Xeral de Universidades elaborará a proposta de resolución acorde coa cualificación obtida na avaliación.

Con data do 31 de xullo de 2023 a UDC presenta unha solicitude, e a documentación complementaria, para a renovación da acreditación como campus de especialización do SUG do Campus Industrial de Ferrol.

De acordo co establecido na Instrución 2/2023 para a renovación da vixencia da acreditación do Campus Industrial de Ferrol realízase a correspondente avaliación do campus segundo o procedemento previsto:

• Revisión pola Secretaría Xeral de Universidades e polo Comité de Avaliación da documentación presentada coa solicitude.

• Visita presencial do Comité de Avaliación ao Campus Industrial de Ferrol os días 18 e 19 de setembro de 2023.

• Informe do Comité de Avaliación, remitido á Secretaría Xeral de Universidades o 15 de novembro de 2023.

6. O informe do órgano instrutor do procedemento e a súa proposta de Resolución do 28 de novembro de 2023 asumen e fan súas as determinacións recollidas no informe final do Comité de Avaliación.

Á vista do anteriormente exposto,

RESOLVO:

1. Renovar a vixencia da acreditación como campus de especialización do SUG ao Campus Industrial de Ferrol, da UDC.

2. A renovación estenderase por un período de catro anos desde a súa concesión e a súa vixencia e efectos estarán suxeitos ao seguimento das seguintes condicións, de acordo co sinalado no informe final do Comité de Avaliación, nas áreas que figuran a continuación:

2.1. Aspectos xerais.

O campus debe enfocarse en continuar o camiño na senda da especialización que lle permita acadar unha mellora substantiva nos diferentes ámbitos e debe continuar mantendo unha boa aliñación entre a vicerreitoría do campus e a dirección do campus, de grande importancia debido ao seu reducido tamaño, que o fai moi vulnerable a variacións no persoal. Así mesmo, debe aumentar a masa crítica de persoal docente investigador.

2.2. Investigación.

O campus debe incrementar significativamente as liñas de investigación e os grupos de investigación, tanto en cantidade como en calidade. Así mesmo, debe incorporar grupos de investigación nas liñas da enxeñería eléctrica e electrónica, telecomunicacións e informática, campos importantes para un campus industrial con vocación de nutrir as empresas da contorna.

Ademais, debe liderar as liñas de investigación de enxeñaría aditiva e fabricación 4.0 a nivel nacional.

Por outra banda, debería aglutinar algúns dos programas de doutoramento noutros de maior amplitude, o que beneficiaría por un lado os doutorandos e por outro o propio campus, que economizaría recursos. Tamén debe establecerse algún mecanismo para medir a calidade dos doutoramentos que se desenvolvan no campus, establecendo indicadores que permitan coñecer o nivel de formación dos doutores.

2.3. Docencia.

Nesta área o campus debe abordar as seguintes actuacións:

– Reducir o nesgo cara a Enxeñaría Mecánica e incorporar profesorado específico da Enxeñaría Eléctrica e Electrónica.

– O control de calidade das titulacións. Neste aspecto deberá terse en conta a importancia da Unidade de Garantía de Calidade na mellora das titulacións, con vistas á súa verificación, acreditación e ao desenvolvemento dos correspondentes plans de mellora.

– Reforzar o cadro de persoal do profesorado.

– Aumentar a internacionalización da Escola de Deseño Industrial.

– Reformular a súa oferta docente, sobre todo en másteres, de xeito que se acaden os mínimos de cobertura necesarios para a súa sustentabilidade, particularmente no grao de Xestión Dixital da Información e Documentación e nos másteres de Materiais Complexos: Análise e Reoloxía e de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade.

– Revisar as posibles causas das baixas taxas de graduación nalgúns graos e másteres para evitar unha repercusión negativa no desenvolvemento do campus, en particular nos graos de Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática, Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, Enxeñaría Mecánica, Enxeñaría Naval e Oceánica e no máster de Eficiencia e Aproveitamento Enerxético.

– Evitar o desaliñamento dalgunhas titulacións co concepto de campus industrial (caso do grao en Humanidades e o máster en Estudos Avanzados en Museos, Arquivos e Bibliotecas, ou as cátedras Diocese Mondoñedo-Ferrol-UDC), xa que estes desaliñamentos restan eficiencia ao campus no seu desempeño como campus de especialización e poden desvirtuar os indicadores de progreso, execución e, sobre todo, resultados e impacto da estratexia do campus.

– Manter o aspecto de colaboracións docentes e investigadoras con outras universidades, en particular as estranxeiras, pero tamén coas universidades da rexión.

– Establecer unha liña de actuación nova que recolla un programa específico de formación do claustro de profesores para os efectos da actualización das súas capacidades de formación en temáticas novas, co fin de evitar o desaxuste entre a capacidade formativa do profesorado e as necesidades formativas do alumnado nas titulacións máis novas e cunha evolución máis rápida. Así mesmo, definir indicador(es) que permitan coñecer o progreso e o impacto no profesorado e na docencia.

2.4. Transferencia de coñecemento.

Dotar o campus do profesorado, graos e másteres demandados polo sector empresarial para os efectos de actuar como provedor de profesionais formados nos ámbitos que o sector industrial local e comarcal necesita, sen esquecer a dimensión internacional. A formación destes profesionais considérase unha forma de transferencia de coñecemento adecuada neste caso debido á limitada masa de persoal investigador do campus.

Crear unha bolsa de traballo dinámica para o estudantado, en colaboración coas entidades do sector empresarial da rexión.

2.5. Internacionalización.

Transformar máis graos e másteres en titulacións en inglés, para permitir aos estudantes estranxeiros non hispanofalantes o seguimento da formación de xeito eficaz.

Diferenciar nos indicadores os estudantes estranxeiros de países hispanofalantes e os doutros países.

2.6. Plan de igualdade.

Engadir valores que se acadarán coas accións e indicadores de seguimento definidos.

Incorporar medidas adicionais de conciliación da vida familiar e profesional do persoal do campus.

2.7. Plan de comunicación.

Considerar a posta en marcha dunha iniciativa Alumni como lugar de encontro con actividades e actos para alumnado egresado do campus, para os efectos da promoción do campus nas contornas profesionais e servir de ámbito de influencia, networking e construción de lobby para favorecer as actuacións do campus cara ao exterior.

Reconsiderar a estratexia de comunicación, especialmente en redes sociais tendo en conta o alto ritmo de obsolescencia dalgunhas delas, así como considerar a posibilidade de facer uso de influencers, conseguir a colaboración de persoas mediáticas con impacto na sociedade ou a elaboración de medidas que diferencien o campus doutras ofertas no metaverso da internet.

Aumentar a presenza en medios como prensa, radio e televisión.

2.8. Estratexia.

Priorizar as liñas de investigación tendo en conta o seu impacto no campus.

Revisar a liña de actuación 16: impulso do centro de investigación vinculado ao CIF, o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e abordar neste centro unha reformulación dos seus grupos e liñas de investigación, e rescindir a adscrición ao centro daqueles grupos que non contribúan, ou o fagan escasamente, ao desenvolvemento e especialización do campus.

2.9. Indicadores.

Reconsiderar o elevado número de indicadores, a maioría deles de execución, e incorporar outros que midan impacto e resultados que permitan coñecer a eficacia da estratexia para o desenvolvemento da misión do campus.

Diferenciar, para cada un dos obxectivos estratéxicos propostos no plan estratéxico, os obxectivos que xeran resultado dos que miden resultado, de xeito que as persoas responsables do campus poidan identificar as accións (indicadores que xeran resultados) que hai que desenvolver para mellorar (indicadores que miden resultados).

Nos indicadores relacionados coa investigación deberá considerar adherirse á iniciativa DORA e implementar os procedementos necesarios para valorar internamente a evolución dos grupos de investigación do campus seguindo os principios desta iniciativa.

3. Para analizar o cumprimento destas condicións o Comité de Avaliación propón establecer un esquema de indicadores, para cada un dos obxectivos estratéxicos definidos no plan estratéxico do Campus Industrial de Ferrol, e establecer un peso determinado para cada obxectivo estratéxico e para cada indicador dentro do seu obxectivo estratéxico, en función das actuacións que deben ser o núcleo de acción do campus. Así mesmo, deberase revisar o procedemento de contabilidade dos indicadores para detectar aqueles que contribúen aos obxectivos nucleares do campus.

4. Para obxectivar o cumprimento das condicións establecidas proponse definir unha serie de puntos de control e indicadores que serán fixados nun protocolo que asinarán a consellería e a UDC nun prazo de tres meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

5. Coa finalidade de verificar o cumprimento dos obxectivos que se sinalen nos puntos de control que se fixen no protocolo é preciso establecer un sistema de monitorización permanente que estará artellado da seguinte maneira:

5.1. Antes do 30 de novembro de cada ano de vixencia da acreditación, o persoal responsable do Campus Industrial de Ferrol deberá presentar as evidencias de cumprimento das exixencias establecidas nos puntos de control recollidos no protocolo, xunto coa documentación xustificativa que dea soporte para verificar o grao de cumprimento.

5.2. Á vista desta documentación, a Consellería poderá manter a acreditación na forma en que foi concedida ou ben revogala se o cumprimento dos indicadores non fose o exixido. No caso de que circunstancias de contexto así o determinen poderanse modificar os puntos de control recollidos no protocolo graduando a intensidade ou temporalidade do seu cumprimento. Neste suposto, a Consellería poderá solicitar os informes externos que considere necesarios.

5.3. A revogación da acreditación e/ou a modificación de indicadores dos puntos de control previstos no parágrafo anterior farase por resolución expresa do órgano que concedeu a acreditación.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade cos artigos 19 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29 de xullo de 2022)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades