DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Martes, 12 de decembro de 2023 Páx. 68063

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 30 de novembro de 2023 pola que se fai público o incremento do crédito das axudas previstas na Orde do 22 de xuño de 2023, pola que se establecen as bases para a concesión das axudas económicas ás familias para a conciliación en situacións puntuais e en períodos de vacacións escolares a través do programa Bono Concilia Familia e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS412A).

A Orde do 22 de xuño de 2023, pola que se establecen as bases para a concesión das axudas económicas ás familias para a conciliación en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares a través do programa Bono Concilia Familia e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS412A), establece no seu artigo 2 que se destina ás axudas obxecto desta convocatoria un orzamento total de 1.561.581,16 € que se imputará á aplicación orzamentaria 13.02.312B.480.12.

A devandita orde establece ademais que, de acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente se poderá ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Dada a insuficiencia de crédito da Orde do 22 de xuño de 2023 para facer fronte ao importe que supón atender todas as solicitudes presentadas e vista a existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo a créditos incluídos no mesmo programa e en programas do mesmo servizo, parece oportuno incrementala para atender todas as solicitudes presentadas ao existir crédito dispoñible na aplicación orzamentaria 13.02.312B.480.13 que cumpre os requisitos establecidos no referido artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Con este incremento preténdese dar cumprimento a un dos obxectivos do Programa de apoio á natalidade posto en marcha pola Xunta de Galicia, que é facilitar á cidadanía o acceso a axudas económicas que contribúan a paliar o custo que comporta a crianza e o coidado dos fillos e das fillas.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

Artigo único. Incremento dos créditos

Increméntase o crédito destinado ao financiamento das axudas previstas na Orde do 22 de xuño de 2023, pola que se establecen as axudas económicas ás familias para a conciliación en situacións puntuais e en períodos de vacacións escolares a través do programa Bono Concilia Familia e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS412A).

O importe total do dito incremento, que se realizará na aplicación orzamentaria 13.02.312B.480.12, é de 993.487,50 euros.

A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude