DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Luns, 11 de decembro de 2023 Páx. 67835

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 27 de novembro de 2023, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, pola que se dá publicidade dunha encomenda de xestión de carácter técnico á Axencia Galega de Infraestruturas para a execución da obra da terminal de autobuses e do aparcadoiro subterráneo da estación ferroviaria integradas na área de transporte intermodal de Lugo, cofinanciada nun 60 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2021-2027.

De conformidade cos artigos 8 e 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade á encomenda de xestión de carácter técnico da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade á Axencia Galega de Infraestruturas para a execución da obra da terminal de autobuses e do aparcadoiro subterráneo da estación ferroviaria integradas na área de transporte intermodal de Lugo, cofinanciada nun 60 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2021-2027, que ten as seguintes características:

1. Obxecto: esta encomenda terá por obxecto a realización das seguintes actuacións:

• Respecto do contrato de obra:

– Participar na mesa de contratación designada para a licitación da obra da terminal de autobuses e do aparcadoiro subterráneo da estación ferroviaria integradas na área de transporte intermodal de Lugo. A participación concretarase mediante a proposta de vogais coa cualificación técnica necesaria para participar neste órgano de asistencia e lle sexan solicitados polo órgano de contratación para o seu nomeamento por este.

– A elaboración dos informes de carácter técnico que en relación co procedemento de adxudicación deste contrato sexan solicitados polo órgano encomendante.

– A dirección de obra e funcións de responsable do contrato nos termos do artigo 62 da LCSP do referido contrato.

• Respecto dos contratos de servizo complementarios do contrato de obra, en concreto, o contrato do servizo de control e vixilancia das obras e o contrato do servizo de coordinación de seguridade e saúde, encoméndanse as seguintes funcións de carácter técnico:

– Participar na mesa de contratación designada para a licitación dos contratos accesorios da obra da terminal de autobuses e do aparcadoiro subterráneo da estación ferroviaria integradas na área de transporte intermodal de Lugo. A participación concretarase mediante a proposta de vogais coa cualificación técnica necesaria para participar neste órgano de asistencia e lle sexan solicitados polo órgano de contratación para o seu nomeamento por este.

– A elaboración dos informes de carácter técnico que en relación co procedemento de adxudicación destes contratos que lle sexan solicitados polo órgano encomendante.

– O exercicio da función de responsable do contrato nos termos do artigo 62 da LCSP dos referidos contratos.

O exercicio das funcións encomendas e os correspondentes documentos que se realicen serán emitidos por persoal técnico cualificado da AXI.

2. Natureza e alcance da xestión encomendada: esta encomenda ten natureza intersubxectiva ao ser a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e a AXI órganos pertencentes á mesma consellería con personalidade xurídica propia.

3. Prazo de vixencia: a presente encomenda está vinculada ao contrato de obra para a execución da terminal de autobuses e do aparcadoiro subterráneo da estación ferroviaria integradas na área de transporte intermodal de Lugo, e aos seus contratos de servizo complementarios, polo que a súa duración finalizará co fin de execución destes.

4. Supostos de finalización anticipada: por incumprimento total ou parcial dalgunha das partes ou por mutuo acordo.

5. Taxas: a encomenda non liquidará ningunha taxa a favor da AXI en concepto de custo polos servizos que se van prestar en desenvolvemento desta.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2023

María Pilar Arias Graña
Secretaria xeral técnica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade