DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Martes, 5 de decembro de 2023 Páx. 67285

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 27 de novembro de 2023 pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante nesta consellería.

De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no artigo 26 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, e no uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da citada lei, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, o posto de traballo vacante que se relaciona no anexo I desta orde.

Segundo. Poderá concorrer a ela o persoal funcionario de carreira que reúna as condicións para o posto de traballo que se sinala no anexo I.

Terceiro. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado correspondente ao procedemento administrativo PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, mediante o cal se achegará a solicitude segundo o modelo que se inclúe no anexo II, no prazo de quince (15) días contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunga.gal/chave365).

Cuarto. As persoas aspirantes deberán xuntar á súa solicitude un currículo e xustificar, mediante certificación ou copia electrónica auténtica, os méritos que aleguen.

Quinto. Esta convocatoria será resolta pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. No caso de que resulte seleccionada para ocupar o posto de traballo que se anuncia no anexo I desta orde unha persoa funcionaria de carreira con destino noutra Administración pública, tramitarase o seu traslado a esta comunidade autónoma conforme o previsto no artigo 67 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e nas demais disposicións concordantes.

Así mesmo, para a provisión por persoal funcionario doutras administracións, terase en conta o procedemento establecido no artigo 29 do citado Decreto 151/2022, do 4 de agosto.

Sexto. A resolución desta convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia e poderase declarar deserta de considerarse oportuno.

Sétimo. O prazo de toma de posesión será de tres días hábiles, se non implica cambio de residencia, ou de sete días hábiles, se comporta cambio de residencia. Cando a persoa adxudicataria do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será dun mes, conforme o establecido no artigo 8 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto.

O prazo posesorio cóntase a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá producirse dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, ou desde a data en que se comunique a resolución do traslado á Comunidade Autónoma, para o caso do persoal funcionario de carreira doutras administracións públicas. Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión cóntase a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Oitavo. Contra a presente orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente ante o xulgado do contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2023

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Formación Profesional
e Universidades

ANEXO I

Código do posto: ED.201.00.002.15770.001.

Denominación do posto: subdirector/a xeral de Coordinación Económica e Contratación.

Centro de destino: Secretaría Xeral Técnica.

Localidade: Santiago de Compostela.

Tipo de posto: S.

Corpo ou escala: xeral.

Grupo: A1.

Nivel: 30.

Complemento específico: 24.550,18 euros.

Tipo de adscrición: (A11) adscrición indistinta a funcionarios/as da Xunta de Galicia, Estado e comunidades autónomas.

Formación específica: (640) para persoal doutra Administración, curso de perfeccionamento de galego (R.I.).

missing image file