DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 1 de decembro de 2023 Páx. 66556

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 23 de novembro de 2023 pola que se publica a oferta de emprego público do persoal de administración e servizos para o ano 2023.

O Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público no seu artigo 70, e o artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, establecen a oferta anual de emprego público como mecanismo de planificación das necesidades de selección de persoal nas administracións públicas. Este é o instrumento previsto para tal efecto, no artigo 43 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, e publicados no Diario Oficial de Galicia o 12 de febreiro de 2014.

O artigo 20.Un.1 da Lei 31/2022, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023 dispón que «A incorporación de persoal de novo ingreso cunha relación indefinida no sector público, a excepción dos órganos recollidos no punto Un.e) do artigo anterior, levarase a cabo a través da oferta de emprego público, como plasmación do exercicio da planificación nun marco plurianual».

Así mesmo, o punto 3 do mesmo artigo da lei establece os sectores prioritarios para os efectos do cálculo da taxa de reposición: «I) Prazas dos corpos de catedráticos de universidade e de profesores titulares de universidade, de profesores contratados doutores de universidade regulados no artigo 52 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e ás prazas de persoal de administración e servizos das universidades, sempre que por parte das administracións públicas das que dependan se autoricen as correspondentes convocatorias».

Neste marco e tendo en conta os postos de traballo vacantes elabórase a oferta de emprego público para o ano 2023 relativa ao persoal de Administración e Servizos tanto funcionario de corpos e escalas da Administración xeral como de categorías de persoal laboral, establecéndose os criterios en que debe enmarcarse esta oferta, de conformidade co previsto no artigo 36 da Lei 6/2022, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, así como o artigo 20 da Lei 31/2022, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023.

Para determinar a taxa de reposición das prazas de acceso libre tívose en conta o número de xubilacións, falecementos e as situacións de excedencia e incapacidade sen reserva de posto de traballo durante o ano 2023. Non se produciron reingresos no período mencionado. Tendo en conta a taxa de reposición do 120 %, o número de prazas da oferta de emprego público xeral do ano 2023 é de 41.

De conformidade con esta lei a planificación dos recursos humanos no ámbito do emprego público ten como obxectivo contribuír á consecución da eficacia na prestación dos servizos públicos e da eficiencia na utilización dos recursos económicos dispoñibles, mediante a determinación dos efectivos precisos e a mellora da súa distribución, formación, promoción e mobilidade.

Nesta oferta inclúese, logo da negociación, a oferta xeral destinada a cubrir as necesidades estruturais, a oferta de consolidación de persoal indefinido non fixo por sentenza, a oferta de estabilización ordinaria, así como a oferta de promoción interna separada.

Os criterios para a determinación das prazas a ofertar responden á situación económica da universidade e ás necesidades de recursos humanos producidas por xubilacións. Tendo en conta tamén, a elevada media de idade do PAS, a proposta para a oferta xeral diríxese á captación de persoal en postos xerais que renoven o cadro de persoal.

Por outra banda, a oferta de consolidación de persoal indefinido non fixo por sentenza xudicial e a de estabilización ordinaria responden ao cumprimento das disposicións legais sobre esta cuestión e non supoñen incremento orzamentario por ser prazas actualmente dotadas e ocupadas.

Por último, a oferta de promoción interna separada responde a unha estratexia de cualificación do persoal ao mesmo tempo que se garante o dereito á carreira profesional.

De conformidade con todo o exposto, e logo da negociación e acordo na Mesa xeral de persoal de administración e servizos do 28 de xullo, emitida a preceptiva autorización pola Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos da Consellería de Facenda e Administración Pública e, conforme o Acordo do Consello de Goberno, do 12 de setembro de 2023, polo que se aproba a oferta de emprego público para o persoal de administración e servizos de 2023, o xerente da Universidade de Santiago de Compostela, en virtude do previsto no punto seis do punto noveno da Resolución do 22 de abril de 2022, sobre delegación de competencias en determinados órganos universitarios, publicada no DOG núm. 79, do 26 de abril,

RESOLVE:

Primeiro. Publicación da oferta de emprego público

Publicar a oferta de emprego público do persoal de administración e servizos da USC para o ano 2023, recollida nos anexos desta resolución.

Segundo. Determinación da oferta de emprego público

O anexo I recolle as prazas que se ofertan para cubrir as necesidades de recursos humanos, con asignación orzamentaria, que deben proverse mediante a incorporación de persoal de novo ingreso con cargo ao 120 % da taxa de reposición de efectivos prevista para o ano 2023.

O anexo II recolle as prazas destinadas á regularización da situación do persoal indefinido non fixo por sentenza xudicial, logo de creación das prazas correspondentes na Relación de Postos de Traballo, de conformidade co establecido no artigo 28 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

O anexo III recolle, para o ano 2023, a praza de estabilización correspondente aos anos anteriores que resultou deserta nos procesos convocados dotada orzamentariamente no ámbito do persoal de administración e servizos, que estivo ocupada ininterrompidamente nos tres anos anteriores, de conformidade co artigo 2 da Lei 20/2021.

En último lugar, o anexo IV recolle unha oferta de promoción interna separada que dá resposta á reserva de prazas recollidada no Convenio colectivo para o persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Santiago de Compostela e á reserva disposta no artigo 80 da Lei 2/2015, do 29 de abril.

Terceiro. Reserva de prazas para discapacidade

O artigo 59 do texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e no artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, prevé a reserva dunha cota non inferior ao 7 % das vacantes ofertadas para seren cubertas por persoas con discapacidade, considerando como tales as definidas no punto 2 do artigo 4 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, sempre que superen os procesos selectivos e acrediten a súa discapacidade, así como a compatibilidade no desempeño das súas funcións.

Para dar cumprimento ao establecido no punto anterior, nas ofertas para acceso libre resérvase unha porcentaxe do 7 % para ser cuberta por persoas que acrediten discapacidade. A reserva realízase naquelas escalas e categorías nas que as actividades ou funcións a realizar son compatibles, en maior medida, coa posible existencia dunha discapacidade.

Os sistemas de selección que se convoquen para persoas con discapacidade desenvolveranse de conformidade co establecido no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade.

Nas probas selectivas, incluíndo os cursos selectivos ou o período de prácticas, estableceranse para as persoas con discapacidade que o soliciten as adaptacións e os axustes razoables necesarios de tempo e medios para a súa realización, de acordo co disposto na Orde PRE/1822/2006, do 9 de xuño, pola que se establecen criterios xerais para a adaptación de tempos adicionais nos procesos selectivos para o acceso ao emprego público de persoas con discapacidade.

No suposto de que algunha das persoas aspirantes con discapacidade que se tivesen presentado pola cota de reserva superase os exercicios e non obtivese praza na citada cota, sendo a súa puntuación superior á obtida polas outras persoas aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluída pola súa orde de puntuación no sistema de acceso xeral. As prazas reservadas para as persoas con discapacidade que quedasen desertas nos procesos selectivos poderanse acumular á quenda xeral.

Cuarto. Promoción interna separada

De conformidade co artigo 43 dos estatutos da USC, esta oferta establece no anexo IV a oferta de promoción interna para o persoal laboral e funcionario cuxo número de prazas responde á reserva prevista nos instrumentos convencionais correspondentes para o persoal laboral e á prevista na Lei 2/2015, do emprego público de Galicia, para o persoal funcionario.

O artigo 70.3 do texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, establece que o decreto polo que se aprobe a oferta de emprego público poderá conter medidas derivadas da planificación dos recursos humanos. Neste sentido, a promoción interna é unha das medidas derivadas da planificación dos recursos humanos que ten por obxectivo contribuír á consecución da eficacia na prestación dos servizos e que constitúe unha vía para a adquisición de competencias e como requisito necesario para a progresión na carreira profesional desde niveis inferiores.

Quinto. Acumulación de prazas correspondentes a ofertas de anos anteriores

Poderán convocarse nun único proceso selectivo as prazas ofertadas de persoal funcionario correspondentes aos corpos e escalas de persoal funcionario e ás categorías de persoal laboral relacionadas nos anexos da presente oferta xunto coas derivadas das ofertas de emprego público correspondentes aos anos 2021 e 2022 que estean pendentes de convocar.

Sexto. Publicidade das convocatorias

As convocatorias das probas selectivas de acceso libre derivadas desta oferta publicaranse no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado para garantir a publicidade exixida no artigo 91.2 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2023

Antonio Javier Ferreira Fernández
Xerente da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Oferta xeral

Subgrupo/grupo

Escala/categoría

Acceso libre

Reserva con discapacidade

Xeral

Total

II

Diplomado Enfermaría (DUE)

-

1

1

III

Téc. Esp. Investigación (esp. electrónica)

-

1

1

III

Téc. Esp. Investigación (esp. química )

-

2

2

III

Téc. Esp. Escola Infantil

-

1

1

C2

Escala Euxiliar

3

33

36

Total

3

38

41

ANEXO II

Oferta de consolidación de persoal indefinido non fixo por sentenza

Subgrupo/grupo

Escala/categoría

Prazas

III

Téc. Esp. Investigación (esp. química )

1

Total

1

ANEXO III

Oferta de estabilización ordinaria

Subgrupo/grupo

Escala/categoría

Acceso libre

Reserva con discapacidade

Xeral

Total

III

Téc. Esp. Investigación

(esp. bioloxía)

-

1

1

Total

0

1

1

ANEXO IV

Promoción interna independente

Subgrupo/grupo

Escala/categoría

Reserva con discapacidade

Xeral

Total

A2

Escala Xestión

2

6

8

A2

Escala Axudante de Bibliotecas,

Arquivos e Museos

-

2

2

C1

Escala Administrativa

-

1

1

II.1

Técnico/a Xestor TIC

1

4

5

II.2

Técnico/a de Grao Medio de Investigación

1

5

6

III.1

Técnico/a Especialista Publicacións

-

3

3

III.3

Técnico/a de servizos xerais

5

20

25

III.3

Socorrista

-

2

2

Total

9

43

52