DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Luns, 27 de novembro de 2023 Páx. 65417

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 10 de novembro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 10 de novembro de 2023, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Val San Martiño, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vilar de Goia, no concello de Viana do Bolo.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Val de San Martiño, pertencentes á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Vilar de Goia, no concello de Viana do Bolo, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 23.9.2022, a CMVMC de Vilar de Goia presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2337776) de revisión de esbozo do MVMC Val San Martiño, no concello de Viana do Bolo.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 27.8.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 17 de febreiro de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto desta revisión parcial de esbozo inclúe o perímetro colindante con particulares. Non se modifican os límites cos montes veciñais estremeiros.

A superficie do MVMC Val San Martiño, unha vez revisado o esbozo, resulta de 63,98 ha fronte ás 71,55 ha resultantes despois do deslinde con Pedra de Nostre, o que supón unha redución do 10 % da superficie.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Val San Martiño.

Consideracións legais e técnicas:

Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión e axustaranse e completaranse con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 17 de febreiro de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 23 de outubro de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Val San Martiño, pertencente á CMVMC de Vilar de Goia, no concello de Viana do Bolo.

Ourense, 10 de novembro de 2023

O presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
P.S. (Resolución do 12.7.2022)
José Antonio García Rodríguez
Xefe do Servizo Xurídico-Administrativo