DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Mércores, 22 de novembro de 2023 Páx. 64470

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 9 de novembro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 8 de novembro de 2023, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Pedra de Nostre e o monte A Lama, pertencentes á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Rubiais, no concello de Viana do Bolo.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Pedra de Nostre e o monte A Lama, pertencentes á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) Rubiais, no concello de Viana do Bolo, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 27.9.2022 a CMVMC de Rubiais presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2364814) de revisión de esbozo do MVMC Pedra de Nostre e do MVMC A Lama, no concello de Viana do Bolo.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do Acordo da Asemblea Xeral do 27 de agosto de 2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 23 de febreiro de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión de esbozo parcial inclúe parte do perímetro colindante con particulares. Non se modifican os límites cos montes veciñais estremeiros.

A superficie do MVMC A Lama, unha vez revisado o esbozo, resulta de 21,75 ha fronte ás 25 ha do acordo de clasificación inicial, o que supón unha redución dun 13 % de superficie. A superficie do MVMC Pedra de Nostre, unha vez revisado o esbozo, resulta de 152,93 ha fronte ás 122 ha do acordo de clasificación inicial, o que supón un aumento dun 25 % de superficie.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo dos MVMC Pedra de Nostre e do MVMC A Lama.

Consideración legal e técnica:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con esta, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 23 de febreiro de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 23 de outubro de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Pedra de Nostre e do MVMC A Lama, pertencentes á CMVMC de Rubiais, no concello de Viana do Bolo.

Ourense, 9 de novembro de 2023

O presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
P.S. (Resolución do 12.7.2022)
José Antonio García Rodríguez
Xefe do Servizo Xurídico-Administrativo