DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Martes, 21 de novembro de 2023 Páx. 64196

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 6 de novembro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publica a resolución de clasificación de terreos adquiridos pola Comunidade de Vilares (expediente 31/75).

De acordo co artigo 57.3 da Lei 7/2012, de montes de Galicia, as adquisicións de terras por compra deberán ser motivadas pola comunidade veciñal titular no cumprimento dos seus fins, no interese xeral das persoas comuneiras, na defensa dos seus montes e dos seus accesos, no mellor aproveitamento dos recursos ou na mellora ou ampliación do monte veciñal en man común, e requirirá a autorización previa da Administración forestal, que deberá resolver a solicitude de compra no período máximo de tres meses. As terras adquiridas mediante compra serán cualificadas polos respectivos xurados provinciais como montes veciñais en man común e non poderán ser obxecto de permuta durante un período mínimo de vinte anos.

En relación con isto, na sesión realizada polo Xurado Provincial o día 9.10.2023 figura o seguinte acordo:

Monte veciñal en man común Vilares (expediente 31/75), pertencente aos veciños da parroquia de Vilares, no concello de Guitiriz.

O 24.3.2023 tivo entrada unha solicitude, presentada pola Comunidade de Vilares, para a autorización de compra de terreos correspondentes á parcela con referencia catastral 27022A087001330000TG.

Esta compra foi autorizada pola Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural de Lugo mediante a Resolución do 13 de abril de 2023 e a súa adquisición foi elevada a escritura pública o 19.4.2023.

O 19.7.2023 o Servizo de Montes elaborou unha memoria (2023_17) na cal se especifican as modificacións que se producen como consecuencia da incorporación da dita parcela no MVMC Vilares, que pasa a ter unha superficie de 1.191,56 hectáreas.

En vista do anterior, o Xurado, por unanimidade, acorda clasificar como veciñais en man común os terreos adquiridos pola Comunidade de Vilares e realizar a actualización correspondente no expediente, de conformidade coa memoria técnica elaborada polo Servizo de Montes.

Contra este acordo poderá interporse recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 6 de novembro de 2023

María Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Lugo