DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Luns, 20 de novembro de 2023 Páx. 63677

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 14 de novembro de 2023 pola que se fai público o incremento de crédito da Resolución do 21 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a comercialización e difusión de proxectos e obras audiovisuais e videoxogos en foros de negocio especializados e eventos de cinema, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT404D).

O 12 de xaneiro de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 8 a Resolución do 21 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a comercialización e difusión de proxectos e obras audiovisuais e videoxogos en foros de negocio especializados e eventos de cinema, e convócanse para o ano 2023 (código de procedemento CT404D).

Na súa base sexta, punto 4, establece que o importe previsto nesta convocatoria poderá ser incrementado ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Nos orzamentos do ano 2023 existen remanentes de crédito suficientes dentro do código do proxecto 2015-00003, e a dita ampliación obedece á posibilidade de subvencionar todas as solicitudes presentadas que cumpran cos requisitos establecidos nas bases reguladoras.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

ACORDO:

Artigo único. Incremento dos créditos

Increméntase o crédito destinado ao financiamento das axudas previstas na Resolución do 21 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a comercialización e difusión de proxectos e obras audiovisuais e videoxogos en foros de negocio especializados e eventos de cinema, e se convocan para o ano 2023, en 27.400,00 euros, da aplicación orzamentaria 10.A1.432B.470.0., código de proxecto 2015-00003, distribuídos en 4.700 para a modalidade A e 22.700 para a modalidade B.

A publicación desta resolución non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2023

Román Rodríguez González
Conselleriro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades