DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Luns, 20 de novembro de 2023 Páx. 63778

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 3 de novembro de 2023, da Xefatura Territorial de Ourense, polo que se fai pública a proposta dunha liña de deslindamento cunha propiedade particular do monte veciñal en man común Costa de Eirexa, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Eirexa, Prados e Ribela, no concello de Coles.

Para os efectos previstos no artigo 54 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade á proposta de deslindamento parcial do MVMC (monte veciñal en man común) Costa de Eirexa cunha propiedade particular, presentada o 11 de outubro de 2023 pola CMMVVMC (Comunidade de Montes Veciñais en Man Común) da Eirexa, Prados e Ribela.

Nesa mesma data, a comunidade presentou documentación en que consta o acordo da asemblea xeral do 7 de outubro de 2023 da súa aprobación.

O día 24 de outubro de 2023, o Servizo de Montes de Ourense emitiu un informe favorable ao considerar que non existe unha afección significativa sobre a integridade territorial do monte tras considerar que o MVMC Costa de Eirexa e mais o MVMC Comunal da Eirexa-Bouzo constitúen un único couto redondo propiedade da mesma comunidade.

Contra a proposta de deslindamento, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio, as persoas interesadas poderán presentar ante a comunidade propietaria as alegacións e os títulos que acrediten a propiedade ou a posesión dos predios estremeiros.

Durante este prazo, a documentación estará dispoñible no Servizo de Montes de Ourense, na rúa Villaamil e Castro, s/n, das 9.00 ás 14.00 horas, de luns a venres, para os efectos de coñecer integramente o contido da dita proposta.

Ourense, 3 de novembro de 2023

O xefe territorial de Ourense
P.S. (Resolución do 12.7.2022)
José Antonio García Rodríguez
Xefe do Servizo Xurídico-Administrativo