DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 17 de novembro de 2023 Páx. 63375

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 8 de novembro de 2023 pola que se modifica a autorización do centro privado de formación profesional Montecastelo, de Vigo.

A representación da titularidade do centro privado (CPR) de formación profesional Montecastelo, de Vigo, solicita a modificación da autorización para impartir o ciclo formativo de grao medio (CM) Guía no medio natural e de tempo libre, o ciclo formativo de grao superior (CS) Ensinanza e animación sociodeportiva, o CS Acondicionamento físico, e o CS Administración de sistemas informáticos en rede, na modalidade semipresencial e a distancia, do réxime para persoas adultas.

Conforme a Orde do 8 de xuño de 2023, publicada no Diario Oficial de Galicia do 22 de xuño, o centro conta con autorización para impartir os ciclos solicitados na modalidade presencial, réxime ordinario.

Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da autorización

Modificar a autorización do centro para impartir na modalidade semipresencial e a distancia do réxime para persoas adultas, as ensinanzas do CM Guía no medio natural e de tempo libre, o CS Ensinanza e animación sociodeportiva, o CS Acondicionamento físico, e o CS Administración de sistemas informáticos en rede, quedando o centro configurado como detalla a seguir:

Denominación xenérica: centro privado (CPR).

Dominación específica: FP Montecastelo.

Código: 36025165.

Enderezo: rúa Doctor Paz Pardo, 84.

Localidade: Vigo.

Concello: Vigo.

Código postal: 36214.

Provincia: Pontevedra.

Titular: Fomento de Centros de Enseñanza, S.A.

Formación profesional:

a) Modalidade presencial, réxime ordinario:

– CM Guía no medio natural e de tempo libre (2 unidades, 30 alumnos/as cada unha).

– CM Sistemas microinformáticos e redes (2 unidades, 30 alumnos/as cada unha).

– CM Instalacións eléctricas e automáticas (2 unidades, 30 alumnos/as cada unha).

– CS Acondicionamento físico (2 unidades, 30 alumnos/as cada unha).

– CS Automatización e robótica industrial (2 unidades, 30 alumnos/as cada unha).

– CS Administración de sistemas informáticos en rede (2 unidades, 30 alumnos/as cada unha).

– CS Desenvolvemento de aplicacións multiplataforma (2 unidades, 30 alumnos/as cada unha).

– CS Desenvolvemento de aplicacións web (2 unidades, 30 alumnos/as cada unha).

– CS Ensinanza e animación sociodeportiva (2 unidades, 30 alumnos/as cada unha).

– Curso de especialización en Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías da información (1 unidade para 20 alumnos/as).

– Curso de especialización en Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías de operación (1 unidade para 20 alumnos/as).

– Curso de especialización en Dixitalización do mantemento industrial (1 unidade para 20 alumnos/as).

b) Modalidade semipresencial e/ou a distancia, réxime para persoas adultas:

– CM Guía no medio natural e de tempo libre.

– CM Sistemas microinformáticos e redes.

– CM Instalacións eléctricas e automáticas.

– CS Acondicionamento físico.

– CS Ensinanza e animación sociodeportiva.

– CS Administración de sistemas informáticos en rede.

– CS Automatización e robótica industrial.

– CS Desenvolvemento de aplicacións multiplataforma.

– CS Desenvolvemento de aplicacións web.

Artigo 2. Ordenación académica

1. Ás ensinanzas autorizadas no artigo 1 desta orde na modalidade semipresencial e/ou a distancia, aplicaráselle, en canto sexa axeitado á súa natureza, o previsto na Orde do 5 de novembro de 2010, pola que se establece, con carácter experimental, a ordenación da formación profesional inicial polo réxime para as persoas adultas nas modalidades a distancia e semipresencial.

2. O desenvolvemento dos módulos profesionais organizarase sobre a base da titoría individual e colectiva, que serán atendidas directamente polo profesorado de cada módulo. A titoría individual realizarase preferentemente de xeito telemático; a titoría colectiva terá carácter presencial coa intervención directa do profesorado, nas instalacións do centro docente, e conforme o artigo 12 da mencionada Orde do 5 de novembro de 2010, as horas semanais de dedicación á titoría colectiva para a realización por parte do alumnado das actividades programadas non poderá ser inferior ao enteiro igual ou inmediatamente superior ao 25 % das horas semanais que se establezan para cada módulo profesional.

A asistencia ás titorías presenciais nas instalacións do centro educativo terá carácter voluntario para o alumnado.

3. Ao longo do período lectivo correspondente, o profesorado de cada módulo profesional realizará un seguimento do desenvolvemento do proceso de ensino e aprendizaxe, utilizando para iso os instrumentos e os procedementos de recollida de información previamente establecidos na programación dos módulos, que deberán ser coñecidos polo alumnado.

A avaliación da aprendizaxe do alumnado será continua a través das actividades que se programen e harmonizarase con probas presenciais teórico-prácticas para cada avaliación parcial, de carácter obrigatorio para o alumnado, e axustadas aos resultados de aprendizaxe e aos criterios de avaliación dos currículos dos módulos profesionais. Ao finalizar o desenvolvemento de cada módulo, realizarase unha proba presencial final de carácter global. Esta proba terá que realizala o alumnado que non superase o módulo mediante as probas presenciais parciais que se realicen ao longo do curso.

4. O profesorado que imparta nas modalidades de distancia e semipresencial disporá das competencias necesarias para o manexo da plataforma de formación a distancia e para realizar o seguimento do proceso de ensino-aprendizaxe do alumnado.

Artigo 3. Inicio da actividade

Para a posta en funcionamento das ensinanzas que se autorizan, a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profeisonal e Universidades de Pontevedra, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación do profesorado que impartirá docencia nos devanditos ciclos, así como o equipamento.

Artigo 4. Inscrición no rexistro de centros

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5. Modificación da autorización

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e a solicitar a oportuna revisión cando deban modificarse calquera dos datos que sinala a presente orde.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2023

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades