DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Xoves, 16 de novembro de 2023 Páx. 63279

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

ANUNCIO do 2 de novembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, polo que se emprazan os interesados no recurso contencioso-administrativo PO 340/2023, relacionado cos procesos selectivos extraordinarios de estabilización derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro.

A Dirección Xeral da Función Pública recibiu un oficio da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Sección Primeira, polo que solicita o emprazamento de cantos aparezan como interesados no recurso contencioso-administrativo PO 340/2023, en relación coa Resolución do 22 de decembro de 2022 pola que se convoca o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, para o ingreso no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma Galicia; no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1; para o ingreso no corpo de técnicos de carácter facultativo de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo B, e para o ingreso nas categorías 3, 12, 15, 34, 36, 37, 43, 52, 54, 54B, 66, 71, 94, 98, 100, 101, 103, 104 do grupo III de persoal laboral da Xunta de Galicia e persoal laboral propio do Cixtec (grupo III) (DOG núm. 244, do 26 de decembro); coa Resolución do 22 de decembro de 2022 pola que se convoca o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1; para o ingreso no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1; para o ingreso no corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo B, e para o ingreso nas categorías 100 e 104 do grupo lll de persoal laboral da Xunta de Galicia (DOG núm. 245, do 27 de decembro) e coa Resolución do 20 de xaneiro de 2023 pola que se modifican as resolucións do 22 de decembro de 2022 polas que se convocan os procesos selectivos extraordinarios de estabilización derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, para o ingreso nos distintos corpos, escalas e categorías da Administración xeral e de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro).

En consecuencia, esta dirección xeral acordou nesta data, de conformidade co disposto no artigo 49 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, a achega dos correspondentes expedientes administrativos á referida sala. O que se notifica para xeral coñecemento de todas as persoas interesadas no procedemento, que son emprazadas para que poidan comparecer como parte nos autos á referida sala no prazo de nove días, contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2023

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública