DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Mércores, 15 de novembro de 2023 Páx. 63151

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 7 de novembro de 2023, do Servizo Provincial da Coruña, pola que se sinala a data para o levantamento das actas previas á ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de expropiación Novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), no concello da Coruña (clave AC/21/215.30.0).

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu punto 2, a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

Con data do 26 de outubro de 2023, a Xunta de Galicia procedeu á declaración de utilidade pública e urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de expropiación Novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), no concello da Coruña (clave AC/21/215.30.0), polo Decreto 141/2023, publicado no Diario Oficial de Galicia do 3 de novembro de 2023.

A tramitación do expediente expropiatorio debe axustarse ao disposto no artigo 52 da vixente Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e no artigo 56 e seguintes do seu regulamento, do 26 de abril de 1957.

En consecuencia, este servizo, en virtude da competencia delegada mediante a Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería, publicada no DOG nº 179, do 20 de setembro de 2017, resolveu convocar os titulares de bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios do Concello da Coruña, para que comparezan no lugar, na data e nas horas que se detallan a seguir, co fin de proceder ao levantamento das actas previas á ocupación, nas cales se recollerán os datos necesarios para determinar os dereitos afectados, o valor destes e os prexuízos determinantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Termo municipal da Coruña.

Lugar: Servizo Provincial da Coruña (planta baixa).

Data: 11,12 e 13 de decembro de 2023, das 10.30 ás 12.50 horas.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente, estarán expostos no Concello da Coruña e no Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas da Coruña (r/ Vicente Ferrer, nº 2, 8º andar, 15071 A Coruña), e publicarase na seguinte ligazón da páxina web da Consellería:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/avisos?content=/Portal-Conselleria6/Avisos/resolucions/aviso_0340.HTML

Así mesmo, convocaranse os interesados ao levantamento das actas previas mediante notificación individual.

Ao dito acto deberán acudir os titulares afectados, persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, e xuntar os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade (e, de ser o caso, outra documentación que se requira, xustificante do pagamento do IBI...), así como certificado de conta con códigos IBAN e BIC, co fin de proceder aos sucesivos pagamentos que sexan procedentes mediante transferencia bancaria; poderán facerse acompañar pola súa conta, se o xulgan oportuno, dos seus peritos e notarios.

Este acordo faise público para xeral coñecemento e advírteselles aos titulares que na acta figurarán os donos da cousa ou titulares do dereito expropiado, que non se admitirá representación senón por medio de poder debidamente autorizado (notarial, xudicial ou do consulado), xa sexa xeral ou particular para este caso, que deberán achegar a documentación necesaria para acreditar a sucesión en caso de figurar o terreo a nome de herdeiros, e que deberán identificarse co documento nacional de identidade.

A Coruña, 7 de novembro de 2023

Felipe de la Vega Gándaras
Xefe do Servizo Provincial da Coruña