DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Mércores, 15 de novembro de 2023 Páx. 63158

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

RESOLUCIÓN do 24 de outubro de 2023 pola que se aproba o documento da delimitación dos espazos e dos usos portuarios dos portos de Portocubelo e do Pindo (Carnota, A Coruña).

A Área de Explotación e Planificación Portuaria da entidade pública empresarial Portos de Galicia redactou o documento da delimitación dos espazos e dos usos portuarios (DEUP) dos portos de Portocubelo e do Pindo, instalacións portuarias situadas no termo municipal de Carnota, na provincia da Coruña, e adscritas á entidade pública para a súa xestión.

Este documento foi redactado e tramitado de acordo co disposto no artigo 52 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia (Diario Oficial de Galicia número 236, do 14 de decembro).

Na reunión do Consello Reitor de Portos de Galicia, que tivo lugar o día 16 de outubro de 2023, este acordou dar a súa conformidade á proposta da DEUP dos portos de Portocubelo e do Pindo, así como elevala e propoñela para a súa aprobación a través da Consellería do Mar.

Unha vez visto o Informe da xefa da Área de Explotación e Planificación Portuaria de Portos de Galicia, do 9 de outubro de 2023, sobre o trámite da proposta da DEUP, que conta coa conformidade do director da entidade pública empresarial do 10 de outubro de 2023, así como o Acordo do seu consello reitor, do 16 de outubro de 2023, en que dá a conformidade á proposta da DEUP dos portos de Portocubelo e do Pindo e eleva e a propón para a súa aprobación, a Presidencia da entidade pública empresarial Portos de Galicia, por delegación do conselleiro do Mar conferida pola Orde do 15 de marzo de 2022 pola que se modifica a Orde do 21 de febreiro de 2022,

resolve:

Aprobar o documento da delimitación dos espazos e dos usos portuarios dos portos de Portocubelo e do Pindo (Carnota, A Coruña), datado en decembro de 2020 e asinado polos enxeñeiros de camiños, canais e portos Sara Calvo Fernández e Ana Mansilla Piñón, autoras, Andrés D. Cervantes Refojos, xefe do Departamento de Planificación Portuaria de Portos de Galicia, e Ana Isabel Calzadilla Bouzón, Xefa da Área de Explotación e Planificación Portuaria de Portos de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2023

José Antonio Álvarez Vidal
Presidente de Portos de Galicia