DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Luns, 13 de novembro de 2023 Páx. 62682

IV. Oposicións e concursos

Valedor do Pobo

RESOLUCIÓN do 3 de novembro de 2023 pola que se aproba a convocatoria para a adscrición, polo sistema de libre designación, ao posto de traballo da Unidade de Asuntos Económicos e Réxime Interior.

Vista a proposta formulada polo xefe do Servizo de Administración e Persoal para a adscrición, polo sistema de libre designación, ao posto de traballo da Unidade de Asuntos Económicos e Réxime Interior da institución da Valedora do Pobo,

RESOLVO:

Ao abeiro do establecido no artigo 7.k) do Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo, aprobar a convocatoria para a adscrición, polo sistema de libre designación, ao posto de traballo da Unidade de Asuntos Económicos e Réxime Interior da institución da Valedora do Pobo, conforme as seguintes bases:

Primeira. Apróbase a convocatoria para a adscrición, polo sistema de libre designación, ao posto de traballo da Unidade de Asuntos Económicos e Réxime Interior que figura na vixente relación de postos de traballo (BOPG nº 596, do 24 de xaneiro de 2020).

As características do posto son as seguintes:

1. Grupo de titulación: B/C1 (A2/C1)2.

2. Nivel de complemento de destino: 20.

3. Administración: pertenza como persoal funcionario/a de carreira de calquera Administración pública.

4. Titulación: a correspondente ao seu grupo de clasificación.

5. Funcións que vai desenvolver: as funcións do dito posto consisten na xestión contable da institución (rexistro e comprobación de facturas, contabilización, ordes de transferencia ás entidades bancarias, aplicación do pagamento en contabilidade e arquivo, entre outras), confección de arqueos mensuais, altas, baixas, seguimento e control do inventario de bens, elaboración e tramitación dos documentos contables e garantías dos expedientes de contratación, altas, baixas e xestión dos seguros de vida e accidentes do persoal e do plan de pensións, tramitación e pagamento das axudas sociais do persoal, apoio na elaboración do borrador do anteproxecto de orzamentos da institución, apoio na tramitación da documentación administrativa e económica das comisións de servizo do persoal que impliquen desprazamento fóra da localidade, confección e contabilización da nómina de altos cargos, persoal eventual, persoal funcionario e bolseiro da institución, confección das liquidacións do IRPF e ingreso na conta da Facenda pública, altas, baixas, incapacidades temporais, ingresos de cotizacións á Seguridade Social, Muface, Mugeju e dereitos pasivos, arquivamento e custodia de documentos (contabilidade, arqueo, nómina, Seguridade Social, Muface e dereitos pasivos), apoio ao Rexistro de Entrada e Saída da institución, e calquera outra función que, sendo propia da súa categoría profesional, se lle encomende.

Segunda. Poderá concorrer á convocatoria o persoal funcionario de carreira de calquera Administración pública, pertencente ao grupo B/C (A2/C1).

Terceira. O persoal funcionario interesado poderá presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Valedor do Pobo, rúa do Hórreo nº 65, en Santiago de Compostela, ou en calquera dos lugares indicados na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo de quince días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, na cal deixará constancia dos datos do posto que viñese desempeñando e dos méritos que desexe alegar.

Para participar nesta convocatoria, a persoa interesada deberá formalizar a súa petición de acordo co modelo que se inclúe no anexo da presente resolución.

As persoas aspirantes deberán achegar coa súa solicitude un currículo vítae e xustificar documentalmente os méritos alegados.

Os méritos alegados e non probados de acordo co establecido no parágrafo anterior non se terán en conta.

Cuarta. De conformidade co disposto no artigo 7.l) do Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo, corresponde á valedora do Pobo a resolución desta convocatoria.

Quinta. A resolución da convocatoria, coa adscrición ao posto a calquera das persoas funcionarias de carreira solicitantes que reúnan os requisitos exixidos para o seu desempeño, ou a súa declaración como deserta, por considerar que ningunha das persoas candidatas reúne as características adecuadas para o posto de traballo ou non reúne a idoneidade necesaria para o seu desempeño, ou se non se presentase ningunha solicitude, farase pública no Diario Oficial de Galicia.

Sexta. O prazo de toma de posesión da persoa seleccionada será de tres (3) días hábiles, de estar o destino anterior na mesma localidade; de sete (7) días, se comporta cambio de residencia; ou de vinte (20) días, se comporta o reingreso no servizo activo.

O prazo de toma de posesión comezará a contar desde o día seguinte ao do cesamento nese destino, se é o caso, que deberá producirse dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución da libre designación.

Se a resolución comporta o reingreso no servizo activo, o prazo de toma de posesión comezará a contar desde o día seguinte ao da súa publicación.

Sétima. Contra a resolución pola que se aproba esta convocatoria, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer, potestativamente, recurso de reposición ante a valedora do Pobo no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

1 Grupos de clasificación profesional de acordo co artigo 20 do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia.

2 Grupos de clasificación profesional de acordo co artigo 42 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2023

Dolores Fernández Galiño
Valedora do Pobo

ANEXO

Modelo de solicitude

Datos persoais:

Primeiro apelido

Segundo apelido

Nome

DNI

Data de nacemento

Teléfono

Enderezo

Localidade

Provincia

Corpo ou escala

Grupo

Nº RP

Destino actual

Administración

Dependencia

Localidade

SOLICITO:

Ser admitido/a á convocatoria pública para prover o posto de traballo, polo sistema de libre designación, aprobada pola Resolución da valedora do Pobo do ... de ... de 2023, por considerar que reúno os requisitos exixidos para presentarme ao posto de traballo que se indica:

Designación do posto

de traballo

Nivel complemento

destino

Centro directivo ou unidade

de que depende

Localidade

Valedora do Pobo

Santiago de Compostela

Tempo de servizos prestados

Anos

Meses

Días

No corpo actual:

Noutros corpos:

No actual posto de traballo:

Outros destinos anteriores:

Títulos académicos:

Coñecemento da lingua galega:

Fala: 

Escribe: 

Entende: 

Outros méritos que se deban facer constar de acordo coas bases da convocatoria:

Outros méritos que a persoa candidata desexe facer constar:

Información básica sobre protección de datos persoais:

Responsable do tratamento

Valedora do Pobo

Finalidades do tratamento

Provisión de posto de traballo

Lexitimación para o tratamento

O cumprimento da obriga legal segundo a normativa xeral e sectorial referida en

https://www.valedordopobo.gal/politica-de-proteccion-de-datos/

Destinatarios dos datos

Os datos deberán ser comunicados á valedora do Pobo e publicados no Diario Oficial de Galicia

Exercicio de dereitos

As persoas interesadas poderán solicitar o acceso rectificación, limitación e supresión dos seus datos en valedor@valedordopobo.gal ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común

Contacto delegado/a de protección

de datos e información adicional

valedor@valedordopobo.gal

(Lugar, data e sinatura)

Valedora do Pobo