DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Xoves, 2 de novembro de 2023 Páx. 60521

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 28 de setembro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga a Nedgia Galicia, S.A. a autorización administrativa para o peche parcial, incluíndo o desmantelamento, da infraestrutura gasista correspondente á planta satélite de gas natural licuado de subministración ás redes de distribución de gas natural dos concellos de Cee e Corcubión (expediente IN627A 2023/2-0).

Feitos:

1. O 13.8.2004 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas (DXIEM) ditou resolución pola que se lle outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa previa da rede de distribución para a subministración de gas natural nos termos municipais de Cee e Corcubión, na provincia da Coruña (DOG nº 193, do 4 de outubro), e o 16.5.2006 ditou resolución pola que se aprobou o proxecto de execución da referida rede.

2. Para a alimentación das redes de distribución de gas natural dos termos municipais de Cee e Corcubión, o 3.2.2006 a DXIEM ditou resolución pola que se lle outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a instalación dunha planta satélite de gas natural licuado (GNL) no termo municipal de Cee (cun depósito con capacidade xeométrica de almacenamento de 60 m3), e se aprobou o seu proxecto de execución (DOG nº 77, do 21 de abril de 2006). A Xefatura Territorial da Coruña desta consellería (en diante, Xefatura Territorial) ditou resolución pola que se autorizou a posta en servizo desta infraestrutura gasista (expediente IN627A 2005/9-1).

Posteriormente, autorizouse a ampliación da súa capacidade xeométrica de almacenamento ata os 90 m3, mediante a Resolución do 17.4.2013 da DXIEM pola que se lle outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa e se aprobou o proxecto de execución da infraestrutura gasista consistente na ampliación da capacidade de almacenamento desta planta satélite de GNL (expediente IN627A 2012/15-0); (DOG nº 146, do 1 de agosto de 2013). Esta ampliación consistiu na instalación dun segundo depósito de 30 m3 de capacidade xeométrica (ao lado do depósito existente de 60 m3). O 12.3.2015 a xefatura territorial ditou resolución pola que se autorizou a posta en servizo desta ampliación (IN627A 2015/1-1).

3. O 24.3.2023 Nedgia Galicia, S.A. (antes, Gas Galicia SDG, S.A.) presentou ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (DXPERN) a solicitude de autorización de peche parcial, incluíndo o desmantelamento da planta satélite de GNL de subministración ás redes de distribución de gas natural nos municipios de Cee e Corcubión (A Coruña), á cal se lle asignou o número de expediente IN627A 2023/2-0.

Con esta solicitude xuntouse a seguinte documentación técnica:

• Proxecto de execución denominado Desmantelamento parcial da planta de gas natural licuado de subministración ás redes de distribución dos termos municipais de Cee e Corcubión (A Coruña), asinado o 21.3.2023 pola enxeñeira técnica industrial Alejandra Risco Barba (colexiada número 25.430 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Madrid). Nel figura un orzamento de 3.919,12 €.

• Declaración responsable asinada o 17.3.2023 pola técnica proxectista sobre o dito proxecto, exixida no artigo 19 do Decreto 51/2022, do 17 de marzo, polo que se actualiza a normativa en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior (DOG nº 65, do 1 de abril).

• Separatas técnicas do dito proxecto para as seguintes entidades afectadas nos seus bens ou dereitos polo dito proxecto: Concello de Cee.

Segundo se desprende da documentación achegada por Nedgia Galicia, S.A., cómpre salientar o seguinte:

• Nedgia Galicia, S.A. é titular da referida planta satélite de GNL (localizada na aldea de Lobelos, no polígono 503 e parcela 1.181, con referencia catastral 15023C50301181, no concello de Cee), que conta cunha capacidade xeométrica de almacenamento de 90 m3; está conformada por dous depósitos: un secundario de 60 m3 (autorización publicada no DOG do 21.4.2006) e un principal de 30 m3 (autorización publicada no DOG do 1.8.2013).

• Dado que, na actualidade, un destes depósitos (o de 60 m3) está fóra de servizo, por non resultar necesario para o servizo de subministración de gas natural, é intención de Nedgia Galicia, S.A. realizar o seu desmantelamento.

• O obxecto do proxecto é o desmantelamento parcial da planta satélite de GNL, consistente no desmantelamento do depósito secundario de 60 m3, xunto con dúas instalacións PPR (elevador de presión) que o acompañan.

4. O 25.5.2023 a DXPERN trasladou as separatas técnicas do referido proxecto de execución de desmantelamento parcial da planta satélite de GNL de subministración ás redes de distribución de gas natural dos termos municipais de Cee e Corcubión, para os efectos de obter o seu informe ao respecto, ás seguintes entidades con bens ou dereitos afectados por el: Concello de Cee.

A respecto da dita entidade, que non contestou a petición de informe nin a súa reiteración, e sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade coa autorización da infraestrutura gasista proxectada, de acordo co disposto nos artigos 80 e 84 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural.

5. O 31.7.2023 a Xefatura Territorial, en resposta á petición da DXPERN de data 25.5.2023, emitiu informe sobre o referido proxecto de execución de desmantelamento parcial da planta satélite de GNL de subministración ás redes de distribución de gas natural dos termos municipais de Cee e Corcubión, no cal recolle unha serie de condicións que se deberán ter en conta para a súa execución, e que se reproducen no corpo de consideracións legais e técnicas desta resolución. Ademais, advirte da falta de xustificación na documentación achegada por Nedgia Galicia, S.A. de como se van garantir os posibles crecementos vexetativos que se poidan producir sen que iso vaia supor un custo adicional ao sistema.

6. O 4.9.2023 Nedgia Galicia, en contestación á advertencia do referido informe da xefatura territorial (que a DXPERN lle trasladou o 29.8.2023), presentou escrito en que fai constar que o depósito a que se vai desmantelar (60 m3) está inoperativo (baleirado e inertizado) desde o ano 2015 e, segundo estudos de mercado, no seu ámbito de influencia non se albisca necesidade de dispor del a medio e longo prazo. Ademais, achega escrito presentado o 14.8.2015 ante a Xefatura Territorial en que se comunica o seu inertizado.

Consideracións legais e técnicas:

1. A DXPERN é competente para resolver este expediente, de conformidade co disposto no Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG nº 113, do 15 de xuño) e no artigo 28 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo), en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; e coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30.11.1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas (DOG nº 244, do 21 de decembro).

2. O referido expediente tramitouse de acordo co procedemento establecido no título IV do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, en cumprimento do disposto na disposición adicional primeira do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para resolver os procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

3. O 31.7.2023 a xefatura territorial emitiu informe sobre o proxecto de execución de desmantelamento parcial da planta satélite de GNL de subministración ás redes de distribución de gas natural dos termos municipais de Cee e Corcubión, no cal recolle unha serie de condicións que se deberán ter en conta para a súa execución, e que se reproducen a continuación:

«Con carácter xeral, respecto das operacións de desmantelamento de instalacións de GNL en depósitos, deberanse respectar en todo momento as limitacións que carrexa o feito de realizar traballos nas proximidades de instalacións de GNL en servizo, así como as posibles afeccións a vías públicas ou a predios estremeiros.

Previamente ao inicio das obras, Nedgia Galicia, S.A. deberá comunicar e/ou achegar a esta xefatura territorial o seguinte:

• Nomeamento do director de obra.

• Empresa designada para facer os traballos de desmantelamento.

• Nomeamento do recurso preventivo.

• Permisos, títulos habilitantes e outras autorizacións necesarias.

Unha vez efectuados os traballos de desmantelamento, Nedgia Galicia, S.A. deberá solicitar expresamente a acta de peche parcial das instalacións e achegará, ademais do certificado de dirección de obra, unha relación dos residuos xerados identificados por código LER, con indicación da cantidade e acreditación do xestor autorizado onde van ser tratados».

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

1. Autorizar o peche parcial, incluíndo o desmantelamento, da infraestrutura gasista correspondente á planta satélite de gas natural licuado de subministración ás redes de distribución de gas natural dos municipios de Cee e Corcubión (expediente IN627A 2023/2-0).

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1. O peche e desmantelamento de instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado por Nedgia Galicia, S.A., titulado Desmantelamento parcial da planta de gas natural licuado de subministración ás redes de distribución dos termos municipais de Cee e Corcubión (A Coruña), asinado o 21.3.2023 pola enxeñeira técnica industrial Alejandra Risco Barba (colexiada número 25.430 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Madrid) e no cal figura un orzamento de 3.919,12 €.

2. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que, en xeral, sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que as complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da DXPERN; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberalle comunicar á DXPERN todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

4. O prazo para o peche e desmantelamento que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Para a execución destes traballos, Nedgia Galicia, S.A. deberá ter en conta as condicións recollidas pola xefatura territorial no seu informe do 31.7.2023 e deberá, unha vez rematados, presentar a solicitude de acta de peche e desmantelamento parcial ante a xefatura territorial, que deberá expedila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

5. En canto aos bens e dereitos afectados polas instalacións que se autorizan e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, Nedgia Galicia, S.A. realizará os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

6. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia a Nedgia Galicia, S.A., de conformidade co disposto no artigo 73.6 da Lei 34/1998, do 7 de outubro.

7. Esta resolución adóptase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para realizar as obras da referida infraestrutura gasista, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título IV do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

8. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia da Coruña, de acordo co establecido no artigo 81.5 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais