DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Xoves, 2 de novembro de 2023 Páx. 60561

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 19 de outubro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 18 de outubro de 2023, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Campo da Gonza, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Quintela de Hedroso, no concello de Viana do Bolo.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Campo da Gonza, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) Quintela de Hedroso, no concello de Viana do Bolo, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 23.9.2022, a CMVMC de Quintela de Hedroso presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2338121) de revisión de esbozo do MVMC Campo da Gonza, no concello de Viana do Bolo.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 27.8.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 1 de febreiro de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes do perímetro lindeiras con particulares. Porén, cómpre indicar que, na estrema co MVMC Campo da Gonza (CMVMC de Hedroso), se atopa actualmente en trámite un procedemento de revisión de esbozo promovido por esta última, coherente e axustado á proposta de revisión de Quintela de Hedroso, e que, en esencia, manifesta a conformidade implícita das dúas comunidades co novo lindeiro común entre elas.

A configuración espacial do monte, despois da revisión, varía de forma significativa, na medida en que o seu lindeiro occidental (con Hedroso) se retrae uns 600 m en dirección SE desde a súa posición xeorreferenciada actual. Esta modificación parece responder ao feito dunha incorrecta localización do punto Pedra Pequena na cartografía base empregada para confeccionar os esbozos orixinais.

A superficie do MVMC Campo da Gonza, unha vez revisado o esbozo, sería de 261,70 ha fronte ás 375 ha do acordo de clasificación, o que supón unha redución do 30,2 %

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Campo da Gonza.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión e axustaranse e complentaranse con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 1 de febreiro de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 17 de abril de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Campo da Gonza, pertencente á CMVMC de Quintela de Hedroso, no concello de Viana do Bolo.

Ourense, 19 de outubro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense