DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Xoves, 2 de novembro de 2023 Páx. 60565

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 19 de outubro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 18 de outubro de 2023, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Pradorramisquedo e Cabezo Grande, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pradorramisquedo, no concello de Viana do Bolo.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Pradorramisquedo e Cabezo Grande, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) Pradorramisquedo, no concello de Viana do Bolo, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 27.9.2022, a CMVMC de Pradorramisquedo presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2364600) de revisión de esbozo dos MVMC Pradorramisquedo e Cabezo Grande, ambos da súa pertenza, no concello de Viana do Bolo.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 27.8.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 2 de febreiro de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase se indica que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes do perímetro lindeiras con particulares. Porén, cómpre indicar que, na estrema do MVMC Pradorramisquedo cos montes Dehesa da Chanca (CMVMC de Penouta) e Os Chaos (CMVMC de Cepedelo), se atopan actualmente en trámite senllos procedementos de deslindamento.

A superficie provisional do MVMC Pradorramisquedo, unha vez revisado o esbozo, sería de 1.132,26 ha fronte ás 1.040 ha do acordo de clasificación, o que supón un incremento do 8,9 %. Porén, tendo en conta as propostas concorrentes de deslindamento cos MVMC Dehesa da Chanca e Os Chaos, la superficie axustada do monte quedaría finalmente en 1.108,17 ha, co que o incremento quedaría no 6,6 %.

No que respecta ao MVMC Cabezo Grande, a superficie pasaría a ser de 529,08 ha fronte ás 585 ha do acordo de clasificación, o que supón unha redución do 9,5 %.

Tendo en conta o anterior, emítise informe favorable sobe a revisión do esbozo dos MVMC Pradorramisquedo e Cabezo Grande.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión e axustaranse e completaranse con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 1 de febreiro de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 17 de abril de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo dos MVMC Pradorramisquedo e Cabezo Grande, pertencentes á CMVMC de Pradorramisquedo, no concello de Viana do Bolo.

Ourense, 19 de outubro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense