DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Luns, 30 de outubro de 2023 Páx. 60141

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 17 de outubro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 17 de outubro de 2023, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común O Lombo, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tabazoa de Hedroso, no concello de Viana do Bolo.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) O Lombo, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Tabazoa de Hedroso, no concello de Viana do Bolo, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 6.7.2022, a CMVMC de Tabazoa de Hedroso presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/1774062) de revisión de esbozo do MVMC O Lombo, no concello de Viana do Bolo.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do Acordo da Asemblea Xeral do 6 de marzo de 2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 1 de febreiro de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes do perímetro lindeiras con particulares, sen entrar a revisar as estremas coas comunidades de montes lindeiras. Porén, cómpre indicar que nas estremas co MVMC Campo da Gonza (CMVMC de Hedroso) e co MVMC Serra de San Mamede (CMVMC de San Mamede) encóntranse actualmente en trámite senllos procedementos de deslindamento.

A superficie provisional do MVMC O Lombo, unha vez revisado o esbozo, sería de 211,12 ha fronte ás 110 ha do acordo de clasificación, o que supón un incremento do 91,9 %. Porén, tendo en conta a proposta concorrente de deslindamento co MVMC Serra de San Mamede, a superficie axustada do monte quedaría finalmente en 204,12 ha, co que o incremento pasaría a ser do 85,6 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC O Lombo.

Consideracións legais e técnicas:

Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión e axustáranse e completáranse con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 1 de febreiro de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 17 de abril de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC O Lombo, pertencente á CMVMC de Tabazoa de Hedroso, no concello de Viana do Bolo.

Ourense, 17 de outubro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense