DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Martes, 24 de outubro de 2023 Páx. 58480

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 16 de outubro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para facilitar o financiamento da adquisición de uva polas adegas de elaboración de viño acollido ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas galegas para a campaña 2023, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408F).

BDNS (Identif.): 722383.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias as empresas que teñan cando menos un centro de traballo en Galicia, e que sexan titulares de adegas de elaboración de viño (CNAE 1102), acollido ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas galegas.

As empresas poderán ser persoas físicas ou xurídicas. Tamén poderán ter a condición de persoas beneficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, as sociedades civís, ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, cumpran os requisitos do anterior parágrafo.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e o seu obxecto é facilitar o financiamento da adquisición de uva polas adegas de elaboración de viño acollido ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas galegas para a campaña 2023.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 16 de outubro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para facilitar o financiamento da adquisición de uva polas adegas de elaboración de viño acollido ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas galegas para a campaña 2023, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408F).

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 05.A1.741A.7700 cunha dotación de 100.000 € para o exercicio 2023 e 2.000.000 € para o exercicio 2024.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase ás 8.00 horas do día hábil seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará ás 14.00 horas do día 15 de decembro de 2023, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2023

Patricia Villajos Grande
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica