DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Martes, 24 de outubro de 2023 Páx. 58450

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 9 de outubro de 2023, conxunta da Dirección Xeral de Inclusión Social da Consellería de Política Social e Xuventude e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas.

O Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude, indica que á Dirección Xeral de Inclusión Social, órgano da Consellería de Política Social e Xuventude con relación xerárquica directa coa persoa titular da consellería, lle corresponderán as seguintes funcións:

a) Exercer as políticas autonómicas en materia de servizos sociais, inclusión social e inmigración, segundo o disposto na Lei 13/2008, do 3 de decembro, e na Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

b) Impulsar o deseño, a coordinación, a avaliación e a xestión das políticas da Xunta de Galicia en materia de benestar social, inclusión social, inmigración e servizos sociais comunitarios de Galicia.

c) Elaborar as propostas normativas no ámbito dos servizos sociais, inmigración e inclusión social e para o desenvolvemento normativo da Lei 13/2008, do 3 de decembro, e a Lei 10/2013, do 27 de novembro.

d) Coordinar o funcionamento dos órganos colexiados de asesoramento e participación nas materias de competencia da Dirección Xeral.

e) Exercer a potestade sancionadora no ámbito das súas competencias, de conformidade coa normativa de aplicación.

f) Elaborar o anteproxecto do orzamento e a memoria de funcionamento do órgano, así como a súa xestión, seguimento e avaliación.

g) Elaborar as estatísticas nas materias da súa competencia.

h) O seguimento da xestión da Fundación Pública Galega para a Tutela de Persoas Adultas (Funga).

i) Impulsar a aplicación da perspectiva de xénero nas materias da súa competencia.

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na súa disposición adicional terceira, autoriza a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, actualmente adscrita á Consellería de Facenda e Administración Pública, que ten como obxectivos básicos a definición, o desenvolvemento e a execución dos instrumentos da política da Xunta de Galicia no eido das tecnoloxías da información e a comunicación e a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.

Mediante o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, desenvolveuse a autorización antedita, creouse a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e reguláronse tanto as súas competencias e funcións como a súa organización e estrutura, o réxime do seu persoal, o réxime económico-financeiro e patrimonial, así como os principios que a orientarán na súa actuación. Esta norma modificouse mediante o Decreto 149/2014, do 20 de novembro, polo que se modifica o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos, e polo Decreto 9/2021, do 21 de xaneiro, polo que se suprime o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) e se modifica o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviña de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da devandita Lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada, deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para os efectos de impugnación».

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para os efectos de impugnación.

Nesta resolución especificarase a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, de ser o caso, para a actuación administrativa automatizada. Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar a seguinte actuación administrativa automatizada a través de sistemas de información no ámbito da Dirección Xeral de Inclusión Social da Consellería de Política Social e Xuventude: a emisión de certificados a través da plataforma de intermediación de datos, PasaXe!, en que consten as percepcións da renda de inclusión social de Galicia (Risga) en data concreta recoñecidas pola Xunta de Galicia para unha persoa física determinada.

Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no punto anterior serán:

a) A Dirección Xeral de Inclusión Social da Consellería de Política Social e Xuventude como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.

b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.

c) A Dirección Xeral de Inclusión Social da Consellería de Política Social e Xuventude como órgano responsable para os efectos de impugnación.

Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para utilizar o selo electrónico denominado Renda de inclusión social de Galicia (Risga) para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e para realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte ás actuacións e procedementos mencionados.

Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico renda de inclusión social de Galicia (Risga), sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.

Quinto. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2023

Arturo Parrado Puente
Director xeral de Inclusión Social da
Consellería de Política Social e Xuventude

Julián Cerviño Iglesia
Director da Axencia para a
Modernización Tecnolóxica de Galicia