De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (DOG núm. 82, do 4 de maio), e no artigo 26 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, e no uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da citada lei, esta consellería
DISPÓN:
Primeiro. Anunciar a convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, o posto de traballo que se indica no anexo I desta orde.
Segundo. Poderá concorrer a ela o persoal funcionario de carreira que reúna os requisitos sinalados no anexo I.
Terceiro. As solicitudes, segundo o modelo que se inclúe no anexo II, dirixiranse ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado correspondente ao procedemento administrativo PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, no prazo de quince (15) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as persoas interesadas que presenten a súa solicitude presencialmente serán requiridas para que a emenden a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Cuarto. As persoas aspirantes deberán unir á petición un currículo e xustificar documentalmente os méritos que aleguen.
Os méritos alegados e non probados da maneira sinalada no parágrafo anterior non se terán en conta.
Quinto. No caso de resultar seleccionado/a para ocupar o posto de traballo que se relaciona no anexo I desta orde persoal funcionario doutras administracións públicas, requirirase o informe favorable do órgano competente da súa Administración de orixe, de conformidade co previsto no artigo 29 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto.
Sexto. A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia e poderá declararse deserto o posto de traballo, de considerarse oportuno.
Sétimo. O prazo para tomar posesión do novo destino obtido será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando a persoa adxudicataria do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será dun mes, conforme o establecido no artigo 8 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto.
O prazo de toma de posesión empezará a contarse a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá producir dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, ou desde a data en que se comunique a resolución do traslado á Comunidade Autónoma, para o caso de persoal funcionario doutras administracións públicas.
Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión empezará a contarse a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.
Oitavo. Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, perante a conselleira de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente, perante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2023
María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía, Industria e Innovación
ANEXO I
Código: INO110000015770088.
Consellería: Economía, Industria e Innovación.
Denominación do posto: Xefatura de sección de Tesouraría, Recadación e Habilitación.
Dependencia: Instituto Galego do Consumo e da Competencia.
Localidade: Santiago de Compostela.
Corpo ou escala: xeral.
Grupo/subgrupo: A1, A2, C1.
Nivel: 25.
Complemento específico: 14.685,16 €.
Tipo adscrición: AXG (adscrición exclusiva a funcionarios/as da Xunta de Galicia).
Observacións: dispoñibilidade horaria.