DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Luns, 16 de outubro de 2023 Páx. 57288

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 23 de agosto de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a documentación para a revisión da autorización ambiental integrada para a planta de produción de pensos de Nutrimentos del Campo, S.A., no concello de Dozón, provincia de Pontevedra (expediente 2020-IPPC-M-30).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 316, do 31 de decembro) regula a revisión das autorizacións ambientais integradas.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 251, do 19 de outubro) regulan o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013, sométese a información pública, durante un período de vinte (20) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o documento titulado:

– «Estudo de diagnóstico de revisión da modificación da AAI na planta de fabricación de pensos-Nucamsa. Instalación industrial de elaboración de pensos situada no lugar Alto da Rocha-concello de Dozón (Pontevedra). Data: 13.7.2023».

Para que calquera interesado poida consultalos e, se é o caso, formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere oportunas, o documento estará á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático-Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais poderán acceder a esta información na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/ → medioambiente e sostibilidade → prevención e control de actividades → autorización ambiental integrada → proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2023

María Sagrario Pérez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental,
Sostibilidade e Cambio Climático

ANEXO

Memoria resumo

Clave do expediente: 2020-IPPC-M-30.

Peticionario: Nutrimentos del Campo, S.A.

CIF: A36014009.

Enderezo social: estrada Lalín-Chantada, Alto da Rocha, s/n, 36518 Dozón, Pontevedra.

Localización da instalación: estrada Lalín-Chantada, Alto da Rocha, s/n, 36518 Dozón, Pontevedra.

Actividade: produción de pensos.

Descrición: a instalación dedícase á fabricación de pensos para alimentación animal para a súa posterior venta e distribución. A instalación consta de edificio fabril, edificio de oficinas, edificio taller, edificio do centro de transformación, salas de caldeiras e almacéns. A capacidade máxima de produción de produtos acabados da instalación é de 262800 t/ano e o grao de uso da capacidade produtiva vén sendo do 32 %, aproximadamente. As principais etapas do proceso son: recepción e almacenamento de materias primas, dosificación de materias primas e aditivos, moenda, mesturado, granulación, arrefriamento, almacenamento de pensos en carga ou ensacado e expedición.

As augas residuais pluviais recóllense mediante unha rede separada e vértense á cuneta da estrada sen tratamento previo. As augas fecais trátanse nunha fosa séptica antes de infiltrarse ao terreo. Non se xeran augas residuais industriais.

O proxecto contén a aplicación das mellores técnicas dispoñibles na instalación segundo o estipulado na Decisión de execución (UE) nº 2019/2031 da Comisión, do 12 de novembro de 2019, pola que se establecen as conclusións sobre as mellores técnicas dispoñibles (MTD) nas industrias de alimentación, bebida e leite, de conformidade coa Directiva 2010/75/UE do Parlamento Europeo e do Consello.