DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Martes, 10 de outubro de 2023 Páx. 56362

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 134/2023, do 28 de setembro, polo que se crea e se regula o Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade.

O galego é un valor cultural que nos identifica como pobo e que nos conecta cunha comunidade maior de máis de 270 millóns de persoas que falan portugués, xa que a intercomprensión entre ambas as linguas é posible sen necesidade de mediación.

Deste xeito, empresas, institucións e, en xeral, toda a sociedade poden aproveitar esta vantaxe lingüística, o que nos outorga importantes beneficios nas vertentes cultural e económica e nos concede unha gran proxección internacional.

A lusofonía compóñena o conxunto de países que teñen como lingua oficial o portugués, así como aquelas comunidades que comparten lazos históricos e culturais con eles. En 1996 constituíuse a Comunidade de Países de Lingua Portuguesa co compromiso de reforzar os lazos de solidariedade e de cooperación que os unen, conxugando iniciativas para a promoción do desenvolvemento económico e social dos seus pobos.

Tradicionalmente Galicia mantén uns fortes lazos co mundo da lusofonía e, en particular coa Rexión Norte de Portugal, a través da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, constituída en 1991, e da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia- Norte de Portugal.

Por outra banda, desde a entrada de España como observadora asociada da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) en xullo de 2021, grazas ao decisivo impulso dado pola nosa Comunidade Autónoma, Galicia vai estar estreitamente vinculada a este novo labor para desenvolver todo o potencial de tan importante asociación.

Entre os antecedentes normativos e alicerces deste observatorio está, a Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, coñecida como Lei Paz Andrade, que di no seu artigo 3 que se deberán promover as relacións a todos os niveis cos países de lingua oficial portuguesa, e constitúe este un obxectivo estratéxico do Goberno galego.

Outro é a Estratexia galega de acción exterior (Egaex) de 2018, onde hai múltiples referencias á lusofonía. No limiar exponse que Galicia debe asumir un cualificado rol en España de ponte con Portugal e da máxima cooperación entre a cultura hispana e a lusofonía.

A Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, dedica o título IV á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e á lusofonía, coa intención de recoñecer e intensificar os lazos con todos os países de lingua oficial portuguesa.

A creación do Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade mediante o presente decreto prodúcese en cumprimento do mandato legal de desenvolvemento normativo contido no artigo 28 da citada Lei 10/2021.

Formarán parte do Observatorio de nova creación as entidades galegas de relación con Portugal e co ámbito da lusofonía, e terá como finalidades esenciais as de asesorar o Goberno, formular plans de acción e programar actividades de coñecemento, intercambio e programación.

Tamén asesorará as administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia na incorporación da perspectiva lusófona, ao tempo que actuará de canle de divulgación da información de interese desa perspectiva para un coñecemento exhaustivo e permanentemente actualizado da realidade lusófona en e desde Galicia.

A vocación deste observatorio é fomentar o consenso sobre as medidas que se deben adoptar para abordar as relacións coa lusofonía na Comunidade Autónoma, polo que se integran nel tanto a sociedade civil galega como as institucións con máis experiencia en relación coa lusofonía.

Na elaboración desta disposición observáronse os trámites previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na restante normativa de obrigado cumprimento, entre os cales cabe destacar o trámite de audiencia, a publicación do texto para alegacións no Portal de transparencia e goberno aberto e a emisión dos informes preceptivos.

A norma responde aos principios recollidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. A regulación establecida nesta norma cumpre cos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, accesibilidade e simplicidade.

En relación coa súa estrutura, este proxecto de decreto consta de dez artigos, dous capítulos, dúas disposicións adicionais, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

O capítulo I, que leva por rúbrica «Disposicións de carácter xeral», regula o obxecto, a natureza e o réxime xurídico, a finalidade, os obxectivos, a adscrición e as funcións do Observatorio.

O capítulo II, co nome «Normas básicas de organización e funcionamento», está dedicado á composición do Observatorio, as súas substitucións e as correspondentes funcións. Ademais diso, este capítulo recolle o réxime de funcionamento do Observatorio e a forma de difusión dos datos, informacións, traballos e actuacións que desenvolva.

Na disposición adicional primeira regúlase o prazo máximo en que se deberá constituír o Observatorio e na disposición adicional segunda a incorporación e/ou modificación dos membros do Observatorio.

Na disposición derradeira primeira establécese a habilitación para o desenvolvemento normativo deste proxecto de decreto e na disposición derradeira segunda regúlase o prazo para a entrada en vigor.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, de acordo co Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e oito de setembro de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións de carácter xeral

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto a creación do Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade, así como a regulación das súas funcións, composición e réxime de funcionamento.

Artigo 2. Natureza e réxime xurídico

1. O Observatorio configúrase como un órgano colexiado de asesoramento, colaboración institucional e participación social en materia de lusofonía no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O Observatorio rexerase polos preceptos básicos sobre órganos colexiados da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; pola regulación sobre órganos colexiados contida na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; polo presente decreto e, cando sexa aprobado, polo Regulamento de funcionamento interno.

Artigo 3. Adscrición do Observatorio

O Observatorio adscríbese á consellería competente en materia de acción exterior e para alcanzar os seus obxectivos contará co apoio e soporte da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Artigo 4. Finalidade

O Observatorio terá como finalidade asesorar o Goberno, formular plans de acción e programar actividades de coñecemento, intercambio e programación. Atendendo á súa finalidade, servirá de foro de diálogo permanente entre as distintas administracións públicas e outras organizacións representativas de intereses no eido da lusofonía, co fin de asegurar a súa participación activa na abordaxe das relacións de Galicia no dito ámbito, así como aglutinará esforzos, coordinará as actuacións público-privadas e procurará a consolidación no tempo de Galicia no mundo da lusofonía.

Artigo 5. Obxectivos

Para acadar a súa finalidade, este observatorio terá os seguintes obxectivos:

1. Fomento xeral e a todos os niveis da nosa internacionalidade como expresión da aspiración a unha Galicia máis aberta e comprometida no eido da lusofonía e dos países lusófonos.

2. Fomento das sinerxías internas, habilitando tanto espazos de integración, participación e coordinación como medidas de apoio ás estruturas de reflexión e pensamento creadas na Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, na Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal, no Consello de Acción Exterior (Caex) ou outras que poidan ser establecidas con análogas funcións.

3. Mellora dos niveis de consenso político e social ao redor da lusofonía.

4. Fomento do traballo en rede e a implicación activa das institucións na sociedade do coñecemento.

5. En todas as actividades deste observatorio se procurará a participación equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 6. Funcións

Este observatorio, para acadar os seus fins, exercerá as seguintes funcións:

a) Identificar necesidades, obstáculos e oportunidades para Galicia na área da lusofonía.

b) Fomentar a interacción, coordinación e colaboración entre o sector público autonómico, a empresa privada e a sociedade civil para a difusión e o coñecemento da lingua portuguesa en Galicia.

c) Xerar propostas e ideas para o deseño e desenvolvemento de estratexias, plans e programas na esfera da lusofonía en Galicia.

d) Realizar estudos e informes por petición da Presidencia do Observatorio.

e) Propor plans de acción conforme os plans de actividades e de ensino da lingua portuguesa, ou outros que sexan convenientes.

f) Formular propostas e recomendacións para ser consideradas na configuración das liñas estratéxicas e prioridades de actuación transversais da acción pública de Galicia, para incidir positivamente no mundo da lingua portuguesa.

g) Promover foros de discusión e debate que, nos seus diferentes formatos, permitan o encontro e a reflexión das diferentes entidades e axentes sociais e culturais involucrados na área da lusofonía.

h) Fomentar calquera outra actuación que se considere necesaria en relación co espazo da lusofonía, así como realizar aquelas que lle sexan encomendadas para o mellor cumprimento dos seus fins.

CAPÍTULO II

Normas básicas de organización e funcionamento

Artigo 7. Composición

1. O Observatorio terá a seguinte composición:

– Presidencia: a persoa titular da consellería competente en materia de acción exterior ou persoa en quen delegue.

– Vicepresidencia: a persoa titular da consellería competente en materia de política lingüística ou persoa en quen delegue.

– Secretaría: unha persoa funcionaria adscrita á dirección xeral competente en materia de acción exterior.

– Vogais:

1º. A persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou persoa en quen delegue.

2º. A persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística ou persoa en quen delegue.

3º. A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración ou persoa en quen delegue.

4º. A persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia ou persoa en quen delegue.

5º. A persoa titular da Dirección da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. (CRTVG) ou persoa en quen delegue.

6º. A persoa titular da Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) ou persoa en quen delegue.

7º. A persoa titular da Dirección da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (AECT, GNP) ou persoa en quen delegue.

8º. A persoa titular da Dirección Xeral de Cultura ou persoa en quen delegue.

9º. A persoa titular da Presidencia do Consello da Cultura Galega (CCG) ou persoa en quen delegue.

10º. Quen exerza a representación da Academia Galega da Lingua Portuguesa (AGLP) ou persoa en quen delegue.

11º. Quen exerza a representación da Associação de Docentes de Portugués na Galiza ou persoa en quen delegue.

12º. Quen exerza a representación da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas ou persoa en quen delegue.

13º. A persoa titular da Presidencia da Real Academia Galega (RAG) ou persoa en quen delegue.

14º. A persoa titular da Presidencia da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) ou persoa en quen delegue.

15º. A persoa titular da Dirección do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) ou persoa en quen delegue.

16º. A persoa titular da Dirección da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais (FCEER) Galicia-Norte de Portugal ou persoa en quen delegue.

17º. A persoa titular da Presidencia da Fundación Isla Couto ou persoa en quen delegue.

18º. Unha persoa en representación de cada unha das universidades públicas galegas.

19º. Unha persoa en representación dos centros de estudos galegos de Portugal e Brasil, designada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

20º. Quen exerza a representación do Centro Galego de Lisboa-Xuventude de Galicia.

21º. Unha persoa en representación de cada unha das organizacións sindicais intersectoriais máis representativas de Galicia.

22º. Un número de persoas equivalente ao de expoñentes sindicais en representación da Confederación de Empresarios de Galicia.

23º. Ata sete persoas expertas de recoñecido prestixio no ámbito da lusofonía, que serán designadas polo presidente do Observatorio, por proposta da persoa titular da dirección xeral competente en materia de acción exterior.

Invitarase a participar como vogal a persoa designada na súa representación polo ministerio con competencia en asuntos exteriores.

2. As persoas que compoñan o Observatorio serán nomeadas e separadas pola persoa titular da Presidencia deste, por proposta de designación da organización ou entidade de procedencia, agás as do número 23, que serán propostas pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de acción exterior.

Por proposta do presidente do Observatorio e coa aprobación do Pleno, poderanse incorporar novos membros ao dito observatorio.

3. Por cada membro titular deberase designar un suplente para o caso de que a persoa titular non poida asistir.

4. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade ou outra causa legal, a suplencia será exercida pola persoa designada como suplente pola entidade propoñente.

5. Os membros do Observatorio que teñan a dita condición por razón do seu cargo desempeñarán as súas funcións durante o tempo que dure o exercicio deste. No caso dos membros das alíneas 18 a 22, o mandato será de catro anos, ao remate dos cales se deberá producir a súa renovación. Mentres esta non se produza, o/a representante designado/a seguirá desempeñando as súas funcións.

6. As causas de separación do exercicio das súas funcións son as seguintes:

a) A renuncia expresa.

b) A revogación da representación, por parte da organización ou entidade propoñente.

c) A declaración de incapacidade ou inhabilitación para o exercicio de cargo público por sentenza xudicial firme.

d) Calquera outra causa xustificada que impida o exercicio das funcións asignadas.

7. A composición do Observatorio procurará unha participación equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 8. Participación doutros órganos

Poderán participar nas reunións as persoas titulares dos órganos superiores e directivos dos departamentos da Xunta de Galicia que sexan convocados polo titular da Presidencia do Observatorio en función dos asuntos que se vaian tratar, para que expoñan os proxectos e iniciativas correspondentes ao seu ámbito de competencias.

Así mesmo, poderán asistir ás reunións do Observatorio, ou das comisións ou dos grupos de traballo que o integren, de conformidade co que dispoña o seu regulamento de funcionamento interno, as persoas técnicas ou expertas nas cuestións que se traten.

Artigo 9. Réxime de funcionamento

O Observatorio poderá funcionar en pleno ou nas comisións ou grupos de traballo que se creen, que se reunirán coa periodicidade e da forma máis adecuada que determine o réxime de sesións que se estableza no seu regulamento de funcionamento interno.

O pleno reunirase periodicamente cando o convoque o seu presidente ou por petición do 40 % dos seus membros, ou sempre que o requira o exercicio das súas funcións.

Para a válida constitución do Observatorio requirirase a presenza das persoas titulares da Presidencia e da Secretaría ou, de ser o caso, daquelas que as substitúan e da metade, polo menos, dos seus membros. E, en segunda convocatoria, un terzo dos membros.

Cando a orde do día o requira, a persoa titular da Presidencia poderá invitar a participar nas sesións do Pleno, das comisións ou dos grupos de traballo, con voz pero sen voto, a outras persoas cualificadas ou institucións que, por razón da súa actividade ou coñecementos especializados, teñan relación relevante co asunto obxecto da actividade deste observatorio.

O Observatorio aprobará o seu regulamento de funcionamento interno, no prazo de seis meses a partir da súa constitución, no se preverá a posibilidade de crear comisións e grupos de traballo, organizados por especialidades, nos cales tamén se procurará unha participación equilibrada de mulleres e homes.

A pertenza ao Observatorio non outorgará dereito a remuneración ningunha. As axudas de custo e indemnizacións que poidan corresponder de acordo coa normativa en vigor, no caso de seren reclamadas, serán custeadas pola entidade de procedencia do participante, ben que no caso da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia a asistencia dos membros desta ás xuntanzas do Observatorio non dará dereito a ningunha retribución.

Artigo 10. Difusión

1. O Observatorio poderá difundir os datos, informacións, traballos e actuacións que elabore dentro do portal institucional da Xunta de Galicia. Tal publicidade debe axustarse ao establecido na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

2. Os datos, informacións, traballos e actuacións elaborados polo Observatorio facilitaranse, sempre que sexa posible, en formatos dispoñibles para a súa reutilización mediante a súa inclusión no Catálogo de información reutilizable da Administración xeral e do sector público autonómico.

Disposición adicional primeira. Prazo de constitución do Observatorio

A sesión constitutiva do Observatorio terá lugar no prazo máximo de seis meses a partir da entrada en vigor deste decreto.

Disposición adicional segunda. Incorporación e/ou modificación de membros

Mediante orde da persoa titular da Consellería competente en materia de acción exterior, poderán incorporarse e/ou modificarse os membros do Observatorio en función de circunstancias sobrevidas.

Disposición derrogatoria. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de acción exterior para ditar as disposicións necesarias para facilitar o correcto funcionamento do Observatorio, así como para o desenvolvemento e a execución deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de setembro de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes