DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Mércores, 4 de outubro de 2023 Páx. 55727

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 11 de setembro de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Oleiros (expediente IN407A 2022/014-1).

Expediente: IN407A 2022/014-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación do proxecto: modificado M1 de proxecto para LMT, CT, RBT Maianca de Abaixo.

Concello: Oleiros.

Feitos:

1. O 11 de outubro de 2022 publícase no DOG a Resolución do 19 de setembro de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa, de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Oleiros (expediente IN407A 2022/014-1).

2. O 2 de xuño de 2023, Ana María Salgado López, en nome e representación de UFD Distribución Electricidad, S.A., solicita ante esta xefatura territorial a autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións do proxecto de execución denominado modificado M1 de proxecto para LMT, CT, RBT Maianca de Abaixo, coa finalidade de reflectir os cambios en relación co tipo de centro de transformación proxectado inicialmente. O proxecto orixinal presentaba un centro de transformación prefabricado superficie de tipo rural de 100 kVA/15 kV, manobra exterior en envolvente de formigón. O motivo do cambio é proxectar un centro de transformación prefabricado subterráneo 2L+1P, de 250 kVA/15 kV con ventilación horizontal, debido a requirimento do Concello de Oleiros.

Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, achegan memoria, planos e orzamento co proxecto de execución denominado modificado M1 de proxecto para LMT, CT, RBT Maianca de Abaixo, asinado o 30 de marzo de 2023 por Victoriano González Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, co número de colexiado 2980 de Vigo.

3. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

4. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, trasladóuselles unha separata do proxecto ás entidades afectadas, na parte en que a instalación puidera afectar bens e dereitos ao seu cargo. A separata contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. UFD Distribución Electricidad, S.A. indicou que o modificado non varía as afeccións a Augas de Galicia nin á Deputación, previstas no proxecto autorizado, e presentou separata para o Concello de Oleiros. No día desta resolución, non consta no expediente resposta á solicitude de informe.

5. O 5 de setembro de 2023 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; o Decreto 79/2023, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia; e no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25 de maio).

2. Lexislación de aplicación:

a) Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

b) Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

c) Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

d) Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

e) Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

f) Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Características técnicas:

As instalacións atópanse en Maianca de Abaixo, no concello de Oleiros, e as súas características técnicas son as seguintes:

– LMTS a 15 kV, de 328 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×1.500 mm2 Al, con orixe no PA/S do apoio tipo C-12/1.000 proxectado entre os apoios AIURBEM4//23 e AIR90WQL//24 existentes da liña LMT SAD706 (IN407A 2016/2034-1) e remate no CT proxectado.

– LMTA para retensar de 15 kV, de 1 m, condutor tipo LA-56 Al, con orixe no apoio AIURBEM4//23 existente na LMT SAD706 (IN407A 2016/2034-1) e remate no AIR90WQL//24 existente na LMT SAD706 (IN407A 2016/2034-1),

– CT prefabricado soterrado, con ventilación vertical, cunha potencia de 250 kVA e unha relación de transformación de 15.000/400-230 V.

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial, no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.

A Coruña, 11 de setembro de 2023

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña