DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Mércores, 27 de setembro de 2023 Páx. 54707

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 5 de setembro de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Carballo (expediente IN407A 2023/107-1).

Expediente: IN407A 2023/107-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación do proxecto: CT, LMT e RBT, lugar Ponte.

Concello: Carballo.

Feitos:

1. O día 7.3.2023, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica. Co obxecto de atender unha petición de subministración eléctrica de 9,2 kW para unha vivenda unifamiliar no lugar de Ponte, concello de Carballo, proxéctase a substitución do transformador e da aparellaxe de media do centro de transformación de intemperie CT Ponte (15ACR4, IN407A 2016/2310-1) de 100 kVA de potencia existente, alimentado pola liña de distribución de media tensión LMT CBL701B, procedente da subestación de Carballo, por un de 160 kVA, mantendo o apoio existente de formigón onde está instalado.

Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento, e que abrangue os seguintes documentos:

• Proxecto de execución denominado CT, LMT e RBT, lugar Ponte, asinado o día 6.2.2023 por Abel Fernández Bermúdez, enxeñeiro técnico industrial graduado en Enxeñaría Eléctrica, co número de colexiado 4.793 de Vigo.

• Anexo, asinado o 6.7.2023 por Javier Fernández Mitre, enxeñeiro industrial, co número de colexiado 15.670 de Madrid.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, trasladóuselle unha separata do proxecto ao Concello de Carballo como entidade afectada, na parte en que a instalación puidera afectar bens e dereitos ao seu cargo. A separata contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co informe emitido polo dito organismo no prazo outorgado para ese efecto.

4. O día 25.8.2023 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; o Decreto 79/2023, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia; e no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25 de maio).

2. Lexislación de aplicación:

a) A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

b) O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

c) O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

d) O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

e) O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

f) Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Características técnicas:

As instalacións atópanse no lugar de Ponte, no concello de Carballo, e as súas características técnicas son as seguintes:

– Retensado tramo LMTA a 15 kV, de 18 m, condutor tipo LA-56 Al, con orixe no apoio nº A0QCNJS1//C22-4 existente da LMT CBL701B, procedente da subestación de Carballo, e remate no apoio nº A0QQUXRH//CC22-5-CT.

– Repotenciación do CT Ponte (15ACR4, IN407A 2016/2310-1) de intemperie de 100 kVA con relación de transformación de 15.000/400-230 V, instalado no apoio nº A0QQUXRH//CC22-5-CT existente tipo HV-1000/11. Novo trafo de 160 kVA e aparellaxe de media e retirada do existente.

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.

A Coruña, 5 de setembro de 2023

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña