DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Mércores, 27 de setembro de 2023 Páx. 54622

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 18 de setembro de 2023 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación José Estévez Estévez e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de extinción da Fundación José Estévez Estévez, adscrita ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 31 de xullo de 2023, tivo entrada na Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a solicitude de ratificación e posterior inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego do acordo de extinción da Fundación José Estévez Estévez, adoptado polo padroado o 28 de xullo de 2023.

Segundo. A Fundación José Estévez Estévez foi constituída en escritura pública outorgada o 11 de xaneiro de 1948, ante o notario Raimundo Casal Soto, co número de protocolo 31. A dita fundación foi clasificada como benéfico-docente mediante a Orde do Ministerio de Educación Nacional do 21 de xaneiro de 1949. O expediente correspondente a esta fundación foi transferido á Xunta de Galicia en virtude do Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación. A Fundación figura inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 1927/3.

Terceiro. Os fins fundacionais establecidos no artigo 6 dos seus estatutos teñen por obxecto principal o sostemento dos estudos, por medio de bolsas, daqueles alumnos que reúnan os requisitos, aptitudes e insuficiencia de medios económicos e queiran encamiñar a súa vida ao servizo dos homes e mulleres que conforman a nosa sociedade a través do sacerdocio.

Cuarto. O órgano de goberno da Fundación, na súa reunión do 28 de xullo de 2023, adoptou o acordo de extinción da Fundación por imposibilidade de realizar os fins fundacionais.

No expediente tramitado para o efecto consta a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo de extinción adoptado polo padroado.

b) Memoria xustificativa da concorrencia da causa de extinción.

c) As contas da Fundación na data de adopción do acordo.

d) Proxecto de distribución dos bens e dereitos resultantes da liquidación.

e) Informe-proposta do protectorado.

Consideracións legais:

Primeiro. A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades é competente para a inscrición solicitada segundo o Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (DOG núm. 126, do 4 de xullo), en relación co artigo 7.2.b) do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro.

De acordo co disposto no artigo 7.2.b) do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, corresponde á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a inscrición na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego de todos os actos relativos ás fundacións sobre as cales exerza as funcións de protectorado.

Segundo. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional, e para tal efecto é necesario o acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado. O dito artigo dispón, así mesmo, que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceiro. O acordo de extinción adoptouse seguindo os requisitos establecidos na normativa vixente e nos estatutos da Fundación, e foi aprobado polo padroado na súa reunión do 28 de xullo de 2023. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa de extinción e a demais documentación prevista nos artigos 44 e 45 da Lei 12/2006, no artigo 48 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro. Na memoria xustifícase que, debido a que no seminario, obxecto principal da Fundación, hai dous estudantes, e para o curso seguinte un, e o patrimonio da Fundación está moi deteriorado, resulta improcedente a modificación estatutaria e –por mor da inexistencia doutra fundación cos mesmos fins na súa área de influencia–, levar á práctica o proceso de fusión, de conformidade co artigo 48.1.b) do Regulamento de fundacións de interese galego.

Cuarto. En exercicio da facultade prevista no artigo 38 dos seus estatutos, o padroado da Fundación acorda que os bens e dereitos resultantes da liquidación sexan destinados do xeito seguinte:

– O edificio da rúa Navarra co número 33 e 35 pasará á Diocese de Tui-Vigo.

– As vivendas do 2º dereita e esquerda da rúa Ramón González, número 57, do Porriño pasarán á Diocese de Tui-Vigo.

– As vivendas do edificio da rúa Abeleira Menéndez, número 2, de Vigo pasarán á Diocese de Tui-Vigo.

– O baixo do edificio da rúa Abeleira Menéndez, número 2, de Vigo pasará a Cáritas Parroquial de San Miguel de Bouzas. CIF da Diocese de Tui-Vigo R3600056J, domicilio Dr. Corbal, 90, de Vigo.

– A cantidade en metálico resultante despois de proceder aos pagamentos, e que está depositada en Abanca, oficina de Bouzas, destínase a Cáritas Parroquial de San Miguel de Bouzas.

Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e demais normativa de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción da Fundación José Estévez Estévez, adoptado polo padroado da Fundación na súa reunión do 28 de xullo de 2023.

Segundo. Ordenar a inscrición da extinción no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Terceiro. Declarar como destinatarias dos bens e dereitos resultantes da liquidación as entidades que figuran no punto cuarto das consideracións legais deste escrito.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interporse un recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter potestativo, se poida interpor un recurso de reposición, ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022; DOG núm. 151, do 9 de agosto)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades