DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Xoves, 14 de setembro de 2023 Páx. 52709

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 16 de agosto de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Ponte Caldelas (expediente IN407A 2023/278-4).

Expediente: IN407A 2023/278-4.

Promotora: Eléctrica Los Molinos, S.L.

Denominación: CT Taboadelo II.

Concello: Ponte Caldelas.

Feitos:

Primeiro. O 10 de maio de 2023, Eléctrica Los Molinos, S.L. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación eléctrica CT Taboadelo II.

Unha vez examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste na instalación dun centro de transformación de 250 kVA no lugar de Taboadelo, no concello de Ponte Caldelas, con envolvente de formigón, de estrutura monobloque, en cuxo interior se incorporan todos os compoñentes eléctricos.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitoulles o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Ponte Caldelas. A empresa promotora manifestou a súa conformidade coas condicións emitidas polo Concello.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresarias en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Centro de transformación Taboadelo II, en edificio prefabricado, a 250 kVA, con RT 20 kV/420 V. A instalación está situada en Taboadelo, no concello de Ponte Caldelas (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a Eléctrica Los Molinos, S.L. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada CT Taboadelo II, expediente IN407A 2023/278-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nas condicións dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Eléctrica Los Molinos, S.L. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Terceiro. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 16 de agosto de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra