Mediante a Orde do 15 de maio de 2023 (DOG núm. 101, do 30 de maio) establécense as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o Programa de modernización do comercio: Fondo Tecnolóxico, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e procédese á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CO300G).
O parágrafo segundo do artigo 1.4 das bases reguladoras establece que, en concreto, se considerarán subvencionables as actuacións previstas no artigo 4 destas bases reguladoras, sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 29 de setembro de 2023.
Pola súa banda, o artigo 18.1 das bases reguladoras dispón que o pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, na forma sinalada no artigo 7 da convocatoria e ata o 29 de setembro de 2023, dunha copia da documentación indicada no propio artigo 18.1.
Tendo en conta o longo proceso de avaliación e co fin de optimizar os procesos de xestión, e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede ampliar o período subvencionable e o prazo de presentación da documentación xustificativa por parte das persoas beneficiarias.
A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Economía, Industria e Innovación en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo único. Modificación do anexo I da Orde do 15 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o Programa de modernización do comercio: Fondo Tecnolóxico, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CO300G)
Un. Modifícase o segundo parágrafo do artigo 1.4 do anexo I da referida orde, que queda redactado nos seguintes termos:
«En concreto, consideraranse subvencionables as actuacións previstas no artigo 4 destas bases reguladoras sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 10 de novembro de 2023».
Dous. Modifícase o primeiro parágrafo do artigo 18.1 do anexo I da referida orde, que queda redactado nos seguintes termos:
«O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, na forma sinalada no artigo 7 da convocatoria e ata o 10 de novembro de 2023, dunha copia da seguinte documentación:».
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2023
María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía, Industria e Innovación