DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Xoves, 7 de setembro de 2023 Páx. 51855

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 17 de agosto de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Lalín (expediente IN407A 2023/075-4).

Expediente: IN407A 2023/075-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS LAL804 entre CCTT 36CNS9, 36CV18, 36CBHZ, 36CQ25 e 36CV18.

Concello: Lalín.

Feitos:

Primeiro. O 10 de febreiro de 2023, UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación eléctrica LMTS LAL804 entre CCTT 36CNS9, 36CV18, 36CBHZ, 36CQ25 e 36CV18.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste nas seguintes actuacións previstas nas rúas Muiñeira, Joaquín Loriga, Pintor Laxeiro, Monte do Faro e na avenida Luis González Taboada, no concello de Lalín:

Déixanse sen servizo os tramos LAL8040300, LAL8040310, LAL8040312, LAL8040272, LAL8040314, LAL8040315, LAL8040316, LAL8040307 e LAL8040288 da liña de media tensión LAL804 Lalín 1 4.

Instalación dunha liña de media tensión subterránea (LMTS) de 546 metros de lonxitude para aumentar a capacidade de transporte.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Lalín e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido polo Servizo de Patrimonio Cultural.

O Concello de Lalín non emitiu o condicionado técnico, polo que se entende a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación a este expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1, en dúas actuacións. A primeira é de 344 metros, con orixe no empalme que se vai realizar na LMTS LAL804 LALÍN 1 4, no cruzamento da rúa Rosalía de Castro coa rúa Muiñeira, e final no centro de transformación Igrexa Lalín (36CV18). A segunda é de 202 metros, con orixe no centro de transformación Igrexa Lalín (36CV18), e final no centro de transformación rúa X (36CNS9).

A instalación está situada nas rúas Muiñeira, Joaquín Loriga, Pintor Laxeiro, avenida Luis González Taboada e rúa Monte do Faro de Lalín, no concello de Lalín (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS LAL804 entre CCTT 36CNS9, 36CV18, 36CBHZ, 36CQ25 e 36CV18, expediente IN407A 2023/075-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. Deberanse cumprir en todo momento as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Terceiro. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada, ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 17 de agosto de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra