O día 17 de xullo de 2023 publicouse a Resolución do 4 de xullo de 2023, do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de adxudicación de prazas de residencia e comedor nos centros de formación e experimentación agraria e se convocan para o curso académico 2023/24 (código de procedemento MR207A).
De conformidade co artigo 13 da Resolución do 4 de xullo de 2023, correspóndelle á dirección da Agacal, unha vez comprobadas as reclamacións presentadas contra a relación provisional, resolver este procedemento mediante a aprobación da relación definitiva de persoas admitidas e excluídas en cada centro.
Así mesmo, o seu artigo 15 establece que se publicará no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución de adxudicación. Será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería do Medio Rural, https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/centros-de-formacion, e no taboleiro de anuncios do centro correspondente.
Esta publicación producirá os efectos de notificación.
Con base no Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, e na Orde conxunta do 14 de abril de 2009, das consellerías do Medio Rural e de Sanidade, o órgano competente para ditar a resolución deste expediente é o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.
De acordo con todo o indicado,
RESOLVO:
Primeiro. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do contido íntegro da Resolución do 18 de agosto de 2023 pola que se aproba a relación definitiva de persoas admitidas/excluídas no procedemento de adxudicación de prazas de residencia e/ou comedor nos centros de formación e experimentación agraria da Axencia para o curso académico 2023/24.
Segundo. Comunicar que a referida Resolución do 18 de agosto de 2023, que finaliza este procedemento, esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Terceiro. Notificada a resolución, as persoas ás cales se adxudicou a praza dispoñerán dun prazo de oito días, computado a partir do día seguinte ao desta publicación, para a formalización da matrícula no centro onde obtiveron a dita praza.
Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2023
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria
P.A. (Artigo 19 bis.5 do Decreto 52/2018)
Manuel Castro-Gil Amigo
Xerente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria