Conforme os criterios reitores das bases de mobilidade interna voluntaria do persoal estatutario fixo, correspondentes ás categorías de persoal sanitario diplomado e de formación profesional e de persoal de xestión e servizos das institucións sanitarias de atención especializada do Servizo Galego de Saúde, aprobadas pola Mesa Sectorial o 23 de decembro de 2009, a Xerencia da Área Sanitaria de Ferrol, tras un proceso de negociación coa representación legal dos traballadores deste centro sanitario, e con base nas competencias atribuídas polo Decreto 137/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde (DOG núm. 208, do 31 de outubro) e polo Decreto 134/2019, do 10 de outubro, polo que se regulan ás áreas sanitarias e os distritos sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia (DOG núm. 204, do 25 de outubro), o xerente da Área Sanitaria de Ferrol
RESOLVE:
Primeiro. Anunciar a convocatoria de prazas de mobilidade interna voluntaria do persoal fixo da categoría de T.C.A.E., técnico superior sanitario nas especialidades de Laboratorio de Diagnóstico Clínico e Imaxe para o Diagnóstico, así como as bases que rexerán a convocatoria, o prazo de presentación de instancias será desde o día seguinte ao da publicación no DOG ata o 28 de setembro.
A formalización das solicitudes de participación, así como o rexistro dos méritos para a súa posterior valoración, efectuarana as persoas concursantes a través do currículo do profesional habilitado (FIDES expedient-e), ao cal se accederá na forma que se indica no anexo III da convocatoria.
Segundo. Ordenar a súa publicación nos taboleiros de anuncios da Dirección de Recursos Humanos da Área Sanitaria de Ferrol, na Intranet da A.S. Ferrol e no Punto de Atención ao Traballador/a.
Contra esta resolución poderá interpoñerse recurso de alzada, perante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo de un mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación nos termos da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Ferrol, 30 de xuño de 2023
Ángel Facio Villanueva
Xerente da Área Sanitaria de Ferrol