DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Venres, 18 de agosto de 2023 Páx. 48895

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 4 de agosto de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o programa Retorna Talento FP, para persoas galegas residentes no estranxeiro interesadas en retornar e cursar determinados estudos de formación profesional que se inicien no curso académico 2023/24 en centros educativos de Galicia (código de procedemento ED333B).

O Estatuto de autonomía de Galicia, nos seus artigos 1.2 e 4.3, establece que a Comunidade autónoma de Galicia asume como tarefa principal a defensa da identidade de Galicia e a promoción da solidariedade entre todos os integrantes do pobo galego, configurando como un principio reitor da súa política social e económica facer efectivo o dereito das persoas galegas a viviren e traballaren na súa propia terra.

O Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece a competencia plena para regular e administrar o ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (BOE do 4 de maio), establece nos seus artigos 39 a 44 os principios xerais, os obxectivos, os contidos, os títulos e as validacións da formación profesional integrada no sistema educativo español.

A Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, aprobada polo Consello da Xunta de Galicia o 15 de decembro de 2022, inclúe medidas destinadas a atraer persoas galegas residentes no exterior, tanto emigrantes como descendentes destas; ofrecer e procurarlles unha cobertura integral das súas necesidades básicas; facilitar a súa integración educativa e laboral, e analizar e executar todas as medidas ao alcance do Goberno galego para combater e superar o complexo reto demográfico de Galicia desde o fomento do retorno.

Un dos obxectivos desta estratexia é incentivar o retorno das familias do exterior, favorecendo a incorporación nos centros de ensino da nosa Comunidade Autónoma, así como no Sistema universitario de Galicia.

Neste obxectivo enmárcase o programa Retorna Talento FP, que busca incentivar o retorno das persoas galegas do exterior para cursar ensinanzas de formación profesional nos centros educativos da nosa comunidade autónoma, e a súa posterior incorporación ao mercado laboral galego.

A través deste programa preténdese tamén que a sociedade galega se enriqueza cos coñecementos e as experiencias profesionais internacionais que acheguen estas persoas galegas que residiron ou naceron no estranxeiro e que agora retornan a Galicia, ao mesmo tempo que se reforza a súa vinculación con esta comunidade autónoma.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que lle foron concedidas á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

Esta orde ten por obxecto establecer as bases e convocar o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de cento oito (108) bolsas Retorna Talento FP para cursar determinadas ensinanzas de formación profesional que se inicien no curso 2023/24 en centros da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento ED333B).

Artigo 2. Modalidades das axudas

Establécense as seguintes modalidades de bolsas:

1. Modalidade A: programas específicos básicos.

Corenta e oito (48) bolsas para cursar as ensinanzas de formación específica básica que se detallan no anexo III. As persoas solicitantes poderán concorrer ás distintas ensinanzas ofertadas, para o que deberán establecer unha orde de preferencia na súa solicitude.

O alumnado seleccionado cursará as devanditas ensinanzas na modalidade presencial durante o curso 2023/2024.

2. Modalidade B: ciclos de formación profesional dual.

Sesenta (60) bolsas para cursar os ciclos de formación profesional dual que se indican no anexo IV. As persoas solicitantes poderán concorrer ás distintas ensinanzas ofertadas, elixindo a súa primeira opción como preferente, e sinalando na solicitude as restantes opcións segundo a súa orde de preferencia.

Nesta modalidade a formación terá unha duración de dous cursos académicos. Durante o curso 2023/24, o alumnado cursará un período inicial na modalidade semipresencial e a distancia, que poderá desenvolver desde o seu país de residencia, seguido dun período na modalidade presencial dual, que se desenvolverá na empresa. O curso 2024/25 desenvolverase na modalidade semipresencial e a distancia dual, cunha primeira parte de formación semipresencial e a distancia que se impartirá desde o centro educativo, seguida dunha parte de formación presencial que se desenvolverá no centro de traballo.

Artigo 3. Persoas destinatarias

1. Poderá concorrer a esta convocatoria a cidadanía galega residente no exterior e que cumpra o disposto no artigo 4.

2. Quedan excluídas desta convocatoria as persoas que xa fosen beneficiarias da bolsa convocada mediante a Orde do 4 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o programa Retorna Mocidade, para persoas galegas residentes no estranxeiro interesadas en retornar e cursar determinados estudos de formación profesional no curso académico 2022/23 en centros educativos de Galicia, ou outras bolsas de edicións anteriores.

3. Quedan excluídas desta convocatoria aquelas persoas que xa fosen beneficiarias das bolsas de excelencia para a mocidade exterior (BEME), convocadas pola Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 4. Requisitos

1. Requisitos que se deberán cumprir e acreditar no prazo de presentación de solicitudes:

a) Ser menor de 40 anos.

b) Estar en posesión da nacionalidade española.

c) Residir no estranxeiro.

d) Acreditar un mínimo de dous anos de residencia fóra de España inmediatamente anteriores á data da presentación da solicitude.

e) Cumprir, polo menos, unha das seguintes condicións:

– Ser emigrante nacido/a en Galicia.

– Ser emigrante non nado/a en Galicia, pero ter residido en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar.

– Ser descendente por consanguinidade de emigrante nado/a en Galicia, sempre que a persoa solicitante nacese no estranxeiro.

f) No caso das persoas nacidas no estranxeiro, estar vinculadas a un concello galego. Este requisito poderase acreditar con posterioridade, pero sempre antes de que remate o prazo de emenda da documentación preceptiva.

g) No caso das persoas solicitantes da modalidade B:

– Estar en posesión dalgunha das titulacións que dan acceso ao ciclo formativo correspondente, de acordo co establecido nos artigos 6 e 7 da Orde do 15 de xuño de 2016 pola que se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos para impartir ciclos formativos de formación profesional de grao medio e de grao superior en réxime ordinario e para as persoas adultas. As ditas titulacións pódense consultar na seguinte páxina web: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160627/AnuncioG0164-210616-0003_es.html

A titulación deberá estar homologada e acreditarase mediante a correspondente credencial de homologación. Non obstante, permitirase a inscrición condicionada neste procedemento mediante a presentación da solicitude de homologación xunto coa declaración responsable no modelo do anexo III da Orde do 9 de xullo de 2018 reguladora do procedemento de homologación e/ou validación de títulos e estudos estranxeiros de ensinanzas non universitarias. En calquera caso, a credencial de homologación deberá estar resolta positivamente, e deberá estar enviada antes do 31 de xaneiro do 2024 ao correo electrónico retorna.talento.fp@edu.xunta.gal

– Dispoñer de conexión á internet e ordenador ou dispositivo móbil compatible coa plataforma de teleformación da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (https://www.edu.xunta.gal/fpadistancia/).

Artigo 5. Orzamento

1. Esta convocatoria terá carácter plurianual e destinaranse un total de 960.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 10.07.422M.480.1 da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, dos orzamentos de 2023, 2024 e 2025.

As dúas modalidades (A e B) terán os importes e a distribución seguintes:

Modalidade

Dotación económica

Modalidade A

312.000 €

Modalidade B

648.000 €

2. A distribución de crédito por anualidades será a seguinte:

Modalidade

2023

2024

2025

Modalidade A

177.600 €

134.400 €

-

Modalidade B

-

372.000 €

276.000 €

A concesión destas subvencións quedará condicionada aos ditos límites orzamentarios.

3. Este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na devandita aplicación.

Artigo 6. Contía das axudas

1. Modalidade A: a contía de cada bolsa será de 6.500 €.

A distribución dos pagamentos será a que se amosa na táboa seguinte e estará condicionada aos requisitos de matriculación e rendemento académico, así como a asistencia ás actividades lectivas da formación seleccionada, cunha porcentaxe máxima de faltas de asistencia ás actividades lectivas dun 10 % das horas totais do curso.

Distribución dos pagamentos

Requisito

Curso 2023/24

(6.500 €)

1º pagamento, de 3.700 €, no 1º trimestre da formación

(anualidade 2023)

Estar matriculado/a

2º pagamento, de 2.800 €, antes de rematar a formación (anualidade 2024)

Ter aprobado o 70 % dos módulos cursados ata o momento

2. Modalidade B: a contía de cada bolsa será de 10.800 €.

A distribución dos pagamentos será a que se amosa na táboa seguinte e estará condicionada aos requisitos de matriculación e rendemento académico, así como a asistencia ás actividades lectivas da formación seleccionada, cunha porcentaxe máxima de faltas de asistencia ás actividades lectivas dun 10 % das horas totais do curso.

Distribución dos pagamentos

Requisito

Curso 2023/24

(6.200 €)

1º pagamento, de 6.200 €, antes de rematar a formación

(anualidade 2024)

Estar matriculado/a e ter aprobado o 70 % dos módulos cursados ata o momento

Curso 2024/25

(4.600 €)

2º pagamento, de 4.600 €, antes de rematar a formación (anualidade 2025)

Ter aprobado o 70 % dos módulos cursados ata o momento

Coa contía asignada, as persoas beneficiarias deberán afrontar todos os gastos que se xeren para poder realizar a formación, tales como son a viaxe desde o seu país de procedencia, o aloxamento e a manutención en Galicia e subscrición dun seguro médico, de ser o caso.

Artigo 7. Forma, prazo e lugar de presentación de solicitudes

1. As persoas solicitantes deberán cubrir os campos do formulario que figuran na aplicación informática Ciclosadmisión (https://www.edu.xunta.gal/ciclosadmision/) e incorporar os documentos requiridos no artigo 8 desta orde á dita aplicación. Rematado este proceso, deberán confirmar a solicitude que, unha vez enviada, non poderá ser modificada. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado, que figura como anexo I desta orde a título informativo, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Entendendo que as persoas a que vai dirixida esta convocatoria teñen acceso e capacidade para realizar este trámite, e as especiais circunstancias que poderían presentarse nos países en que residen, establécese a obrigatoriedade de relacionarse exclusivamente por medios electrónicos para a tramitación deste procedemento, de conformidade co establecido no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

2. As persoas solicitantes residentes en Cuba que así o desexen poderanse dirixir á Federación de Sociedades Galegas na Habana, na cal existen persoas habilitadas para a presentación electrónica das súas solicitudes.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa solicitante lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica, incluída no anexo I.

3. A presentación da solicitude implicará a aceptación do disposto nesta orde e responsabilizarase, de acordo co establecido no artigo 28.7 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, da veracidade dos documentos presentados; será unha infracción grave falsear calquera das condicións requiridas para a obtención da subvención solicitada, de acordo co artigo 37.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. Para calquera información adicional, as persoas interesadas poderanse dirixir ao correo electrónico retorna.talento.fp@edu.xunta.gal

5. O prazo para presentar solicitudes será de 30 días naturais, que se contarán desde o día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG) e finalizará ás 23.59.59 horas (hora peninsular española) do día en que finalice o dito cómputo.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Pasaporte ou outro documento acreditativo da identidade ou nacionalidade española, para as persoas solicitantes que non teñan DNI (documento nacional de identidade) español.

b) Documentación acreditativa da residencia actual no estranxeiro.

c) Documentación xustificativa do tempo de residencia no estranxeiro durante un mínimo de dous anos inmediatamente anteriores á data de fin de presentación da solicitude.

d) Documentación acreditativa da súa vinculación con Galicia:

– Persoas nadas en Galicia: pasaporte ou certificado de nacemento en Galicia.

– Persoas non nadas en Galicia, pero que residiron en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar: histórico do padrón municipal do/s concello/s galego/s onde residiron.

– Descendentes por consanguinidade de emigrante nado/a en Galicia: certificados de nacemento ou libros de familia que acrediten toda a liña de parentesco por consanguinidade, desde a persoa emigrante nacida en Galicia ata o nacemento da persoa solicitante.

e) Para as persoas solicitantes nadas no estranxeiro, documentación acreditativa da súa vinculación cun concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE), ou calquera outra documentación acreditativa deste aspecto.

f) Para as persoas solicitantes da modalidade A:

– Experiencia laboral relacionada coa praza que se solicita, acreditada mediante contrato de traballo.

– Formación relacionada coa praza que solicita, acreditada mediante certificación en que se recolla o número de horas da actividade formativa.

g) Para as persoas solicitantes da modalidade B, documentación acreditativa da formación necesaria para acceder ao ciclo ofertado segundo o establecido no artigo 4.g).

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades poderá requirir calquera outra documentación ou dato adicional que considere necesario para completar o expediente ou para unha mellor valoración del.

5. Todos os documentos que se acheguen deberán ser oficiais e estar expedidos polas autoridades competentes, de acordo co ordenamento xurídico do país de que se trate. Cando os documentos achegados ao expediente polas persoas solicitantes estean nun idioma distinto do galego ou do español, deberase presentar tradución xurada deles en calquera destes idiomas.

6. A persoa beneficiaria presentará, na súa solicitude, unha declaración responsable do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes. A citada declaración atópase na epígrafe correspondente ás declaracións da persoa solicitante ou representante do anexo I.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI/NIE da persoa solicitante, de ser o caso.

– DNI/NIE da persoa representante, de ser o caso.

– NIF da entidade representante, de ser o caso.

– Expediente académico.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación do documento correspondente.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes realizarase de maneira electrónica a través da aplicación accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Artigo 11. Órganos competentes e instrución do procedemento

1. A Dirección Xeral de Formación Profesional será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das prazas e bolsas asociadas, e correspóndelle ao conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades ditar a correspondente resolución para cada modalidade.

2. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes e examinadas estas e a documentación complementaria, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades exporá, para cada modalidade, as listaxes provisionais de solicitudes admitidas, solicitudes para emendar, e solicitudes excluídas, nas cales se sinalarán os motivos de exclusión, a través da publicación no portal educativo (https://www.edu.xunta.gal).

3. As persoas con solicitudes para emendar disporán dun prazo de cinco días hábiles contados a partir do día seguinte ao desta publicación na páxina web (que rematará as ás 23.59.59 horas-hora peninsular española), para emendar a falta ou achegar os documentos preceptivos. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición, nos termos e nas condicións que se establecen no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades exporá, para cada modalidade, as listaxes definitivas de solicitudes admitidas, e solicitudes excluídas, en que se sinalarán os motivos de exclusión, a través da publicación no portal educativo (https://www.edu.xunta.gal).

Artigo 12. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria, de acordo cos criterios obxectivos fixados no seguinte artigo.

2. Para a modalidade A, a composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

– Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo ou persoa en quen delegue.

– Vogais: tres persoas en representación da Dirección Xeral de Formación Profesional, con categoría de subdirector/a xeral ou xefe/a de servizo.

– Secretaría: actuará como secretario/a unha persoa asesora da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, con voz pero sen voto.

3. Para a modalidade B, a composición da Comisión de Valoración será a seguinte, para cada ciclo ofertado:

– Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo ou persoa en quen delegue.

– Vogais: unha persoa en representación do centro educativo no que se imparte o ciclo e dúas persoas en representación da Dirección Xeral de Formación Profesional, con categoría de subdirector/a xeral ou xefe/a de servizo.

– Secretaría: actuará como secretario/a unha persoa asesora da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, con voz pero sen voto.

4. As comisións de valoración constituíranse na sede da Subdirección Xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo ou de modo telemático. O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección 3ª, do capítulo I, do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 13. Criterios de valoración e procedemento de selección

1. Para a concesión das prazas e bolsas da modalidade A farase unha comparativa entre as solicitudes presentadas que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria e establecerase unha prelación entre elas, de acordo cos criterios de valoración, que se determinan a seguir, e as prazas solicitadas.

A Comisión de Valoración examinará as solicitudes presentadas e avaliará os méritos acreditados para cada unha das ensinanzas ofertadas e solicitadas. A puntuación máxima será de 25 puntos consonte ao seguinte baremo:

a) Vinculación con Galicia: ata 15 puntos coa seguinte distribución:

1. Nacido/a en Galicia e/ou que residiu en Galicia de xeito continuado durante dez anos antes de emigrar: 15 puntos.

2. Nacido/a no estranxeiro e fillo/a dunha persoa nacida en Galicia: 10 puntos.

3. Outras persoas descendentes dunha persoa nacida en Galicia: 5 puntos.

b) Acreditar experiencia laboral relacionada coa praza que solicita: ata un máximo de 5 puntos. Valorarase a experiencia acreditada a razón de:

1. 2 puntos por cada ano completo de experiencia laboral.

2. 0,1666 puntos por cada mes completo de experiencia laboral.

c) Acreditar formación relacionada coa praza que solicita: ata un máximo de 5 puntos. Valorarase a formación acreditada a razón de 1 punto por cada 10 h de formación. Para estes efectos, sumaranse as horas de todas as actividades de formación que consten de dez ou máis horas, e non se puntuarán aquelas actividades cunha duración inferior a 10 horas.

Unha vez avaliados os méritos, a Comisión de Valoración emitirá un informe no cal se concretará o resultado da avaliación efectuada. Establecerase unha orde das persoas solicitantes segundo as puntuacións outorgadas en cada ensinanza ofertada e segundo a súa orde de preferencia.

Para o caso de empate na puntuación obtida, daráselle prioridade a quen teña a maior vinculación con Galicia (epígrafe a), en segundo lugar quen acredite maior experiencia laboral relacionada (epígrafe b), en terceiro lugar quen acredite maior formación relacionada (epígrafe c), e en cuarto lugar a data de nacemento máis recente.

As listaxes de persoas candidatas ordenadas polas puntuacións outorgadas, e coas ensinanzas ofertadas segundo orde de preferencia, publicarase no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (https://www.edu.xunta.gal). As persoas interesadas poderán presentar as reclamacións oportunas no prazo de cinco días hábiles contados a partir do seguinte ao da dita publicación (que rematará ás 23.59.59 horas-hora peninsular española).

2. Para a concesión das prazas e bolsas da modalidade B, as persoas candidatas que cumpran os requisitos establecidos no artigo 4 desta orde, serán convocadas para participar nunha entrevista individual por videoconferencia coas empresas participantes na formación dual do ciclo solicitado de forma preferente. Durante as entrevistas estará presente unha persoa funcionaria docente do centro educativo no que se imparta o ciclo formativo, que velará pola transparencia do procedemento.

De acordo co establecido no artigo 6 da Orde do 14 de Xuño de 2018 pola que se autorizan proxectos experimentais de formación profesional dual de ciclos formativos de formación profesional en centros educativos, en colaboración con diversas entidades, a empresa seleccionará as persoas que teñan o perfil que mellor se adapte ás características da actividade propia da empresa, e comunicará ao alumnado os criterios e os procedementos utilizados na selección con anterioridade á súa realización.

A persoa solicitante poderá participar nunha ou varias entrevistas segundo o número de empresas que participan na formación do ciclo formativo solicitado de forma preferente.

Unha vez realizadas as entrevistas, cada empresa emitirá un informe para a Comisión de Valoración no cal establecerá a orde das persoas solicitantes, indicando os motivos de aceptación, suplencia ou rexeitamento das distintas candidaturas.

Nos casos de suplencia ou rexeitamento, a persoa solicitante poderá participar nunha ou varias entrevistas coas empresas participantes na formación dual dos restantes ciclos formativos segundo a orde de prioridade sinalada na súa solicitude.

Tras estas entrevistas, cada empresa emitirá un informe para a Comisión de Valoración no que establecerá a orde das persoas solicitantes, indicando os motivos de aceptación, suplencia ou rexeitamento.

Artigo 14. Adxudicación das prazas e das axudas asociadas

1. Para a modalidade A, a Comisión de Valoración resolverá as reclamacións e emitirá un informe coa proposta de adxudicación das axudas.

O informe emitirase coa ensinanza ofertada, tendo en conta a orde de preferencia de formación indicada polas persoas solicitantes, e seguindo a seguinte distribución:

– Listaxe das 16 persoas candidatas que obtivesen a maior puntuación en cada unha das ensinanzas que serán propostas como admitidas definitivas para cada centro.

– Listaxe das persoas candidatas que non obtivesen praza, en ningún centro, que quedarán como suplentes.

– Listaxe das persoas candidatas excluídas por non acreditar o cumprimento dos requisitos exixidos.

Esta proposta de adxudicación, á espera da publicación como resolución definitiva, publicarase no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (https://www.edu.xunta.gal).

A proposta de adxudicación elevarase ao conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que resolverá o que proceda, nos termos previstos no artigo 34 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. Para modalidade B, a Comisión de Valoración examinará os informes de cada empresa participante e elaborará as listaxes co resultado da avaliación efectuada para cada ciclo formativo ofertado. Establecerase unha relación das persoas solicitantes segundo as valoracións outorgadas polas empresas e a orde de preferencia solicitada, e elaborarase a proposta de adxudicación coas listaxes de persoas adxudicatarias, suplentes e excluídas.

Esta proposta de adxudicación, á espera da publicación como resolución definitiva, publicarase no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (https://www.edu.xunta.gal).

A proposta de adxudicación elevarase ao conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que resolverá o que proceda, nos termos previstos no artigo 34 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 15. Publicación da concesión das prazas e das axudas

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución pola cal se resolve cada unha das modalidades da convocatoria, coa lista de persoas beneficiarias, a lista de suplentes, así como a lista de solicitudes denegadas.

2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través do portal da formación profesional http://www.edu.xunta.es/fp

3. Estas publicacións tanto no DOG como no portal educativo da consellería e no portal da formación profesional producirán efectos de notificación aos interesados.

Artigo 16. Aceptación ou renuncia

1. A persoa beneficiaria terá a obriga de aceptar a bolsa segundo o modelo que se indicará na publicación de concesión.

2. A renuncia á concesión poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para o cal se poderá utilizar o anexo II.

3. No caso de que se comunicase a renuncia, o órgano competente para resolver ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. No caso de que as persoas adxudicatarias renuncien á concesión ou causen baixa por calquera outro motivo, poderán ser substituídas pola persoa seguinte na orde de puntuación que figure na lista de suplentes.

5. As persoas adxudicatarias da modalidade B, que nas tres primeiras semanas tras o inicio da formación, non se conectasen á plataforma de formación a distancia, segundo rexistro da aplicación informática, poderan ser dadas de baixa e ser substituídas polas persoas que figuren na listaxe de suplentes.

6. Unha vez publicada a concesión, as persoas beneficiarias deberán formalizar a matrícula nas ensinanzas adxudicadas no período indicado na publicación de concesión.

7. A non formalización da matrícula no prazo indicado, suporá a renuncia da persoa beneficiaria á praza concedida, e poderá ser substituída pola persoa seguinte na orde de puntuación que figure na lista de suplentes.

Artigo 17. Pagamento das axudas

1. As axudas da modalidade A, faranse efectivas en dous pagamentos:

a) O primeiro pagamento das bolsas farase logo de publicada a resolución da concesión das bolsas no DOG, da efectiva formalización da matrícula na ensinanza por parte do interesado e do comezo efectivo da ensinanza.

b) O segundo pagamento das bolsas farase antes de rematar a formación, unha vez comprobado no expediente académico do alumno que ten aprobado o 70 % dos módulos cursados ata o momento.

c) As axudas serán transferidas directamente á persoa beneficiaria, a través da conta bancaria aberta en España. A certificación desta conta bancaria deberá achegarse por vía electrónica no prazo e segundo o procedemento indicado da resolución de concesión.

2. As axudas da modalidade B, faranse efectivas en dous pagamentos:

a) O primeiro pagamento das bolsas farase antes de rematar a formación do curso 2023/24, unha vez iniciada a formación presencial e comprobado no seu expediente académico que ten aprobado o 70 % dos módulos cursados ata o momento.

b) O segundo pagamento das bolsas farase antes de rematar a formación do curso 2024/25, unha vez comprobado no expediente académico do alumno que ten aprobado o 70 % dos módulos cursados ata o momento.

c) As axudas serán transferidas directamente á persoa beneficiaria, a través da conta bancaria aberta en España. A certificación desta conta bancaria deberá achegarse por vía electrónica no prazo e segundo o procedemento indicado da resolución de concesión.

3. A persoa beneficiaria está obrigada a comunicarlle á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as mesas actividades subvencionadas na presente concesión. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 18. Prazo de duración do procedemento de concesión

O prazo máximo de resolución será de cinco meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, a solicitude poderase entender desestimada, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias das prazas convocadas nesta orde quedan obrigadas a:

a) Formalizar a matrícula nas ensinanzas de formación profesional solicitadas nesta convocatoria.

b) Destinar a axuda á finalidade para a que se concede, asistir ás actividades lectivas da formación solicitada e ter o rendemento académico establecido no artigo 4.1. A non asistencia ás actividades lectivas da formación seleccionada (cunha porcentaxe de faltas de asistencia ás actividades lectivas superior ao 10 % das horas), suporá o reintegro total da axuda recibida.

c) Comunicar o enderezo para os efectos de notificacións, correo electrónico e teléfono de contacto en Galicia, así como os cambios que se poidan producir neles.

d) Comunicar por escrito por vía electrónica (anexo II) á Consellería Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a renuncia á praza e á bolsa, así como calquera modificación substancial que afecte as condicións desta.

e) Abrir unha conta bancaria en España na cal figure como titular.

f) Participar nas accións de fomento do emprego ou de inserción laboral que se desenvolvan nesta comunidade autónoma.

g) Asistir ás reunións ou actividades que organice a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para o desenvolvemento do programa.

h) Someterse aos requisitos legais e regulamentos que recolle a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións de Galicia, en concreto ás recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento que concede a subvención, ás de control financeiro que realice a Intervención da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

i) Comunicarlle á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

j) Subministrar á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, en virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades das obrigas previstas no título I da citada lei.

2. A persoa beneficiaria está obrigada ao reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, logo do procedemento establecido no artigo 77 e seguintes do citado Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

3. A persoa beneficiaria está obrigada a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lles correspondan.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade, das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 21. Compatibilidade das axudas da presente convocatoria

1. As axudas asociadas á presente convocatoria son compatibles con outras de carácter xeral, aínda que o importe total recibido nunca poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da actividade subvencionada.

2. Estas axudas son incompatibles coas bolsas de excelencia para a mocidade do exterior (BEME), convocadas pola Secretaría Xeral da Emigración, mediante a Resolución do 3 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 23, do 2 de febreiro).

Artigo 22. Perda das axudas

1. A falsidade dos datos ou a falsificación dos documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de todos os dereitos das persoas solicitantes que incorran en tal situación e a devolución total da contía percibida, ademais das responsabilidades que procedesen, seguindo o procedemento establecido no artigo 77 e seguintes do citado Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. O incumprimento das condicións establecidas na concesión das prazas desta orde dará lugar ao reintegro, total ou parcial, por parte da persoa beneficiaria da subvención ou da axuda pública percibida.

Artigo 23. Devolución voluntaria da bolsa

De acordo co establecido no artigo 64 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a persoa beneficiaria poderá realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta de Abanca ES82 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención. O importe da devolución incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei de subvencións de Galicia, ata o momento en que se produza a devolución efectiva por parte da persoa beneficiaria.

Artigo 24. Adaptación

Esta orde adáptase ás normas que lle son aplicables da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás que figuran no regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 25. Prioridade de aloxamento en centros residencias docentes dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

As persoas beneficiarias terán prioridade na concesión dunha praza nos centros residenciais docentes dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades sobre o resto de candidatos que participen nos procedementos de solicitude de prazas nestes centros para o curso 2023/24.

Disposición adicional primeira. Ampliación da oferta de ensinanzas de Formación Profesional polo réxime para as persoas adultas

Para os efectos desta orde, ampliase a oferta para o curso académico 2023/24, polo réxime para as persoas adultas, cos programas específicos básicos que relacionan no anexo III.

Así mesmo, ampliase a oferta para o curso académico 2023/24, polo réxime para as persoas adultas dual, con asistencia semipresencial e a distancia, cos ciclos formativos que se recollen no anexo IV.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Formación Profesional para adoptar as medidas e os actos necesarios para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Réxime de recursos

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022; DOG núm. 151, do 9 de agosto)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

anexo III

Ensinanzas ofertadas na modalidade A

Concello

Código de centro

Centro

Módulo formativos e profesionais da formación específica

A Coruña

15024513

CIFP Someso

Formación específica básica de albanelaría e fontanería (597 horas,

16 prazas)

MF0276_1: Labores auxiliares de obra (50 horas)

MF0869_1: Pastas, morteiros, adhesivos e formigóns (30 horas)

MF0871_1: Tratamento de soportes para revestimento en construción (100 horas)

MF0872_1: Recebados e gornecidos a boa vista (unidade

formativa UF0644, 60 horas)

MF0873_1: Pintura e materiais de imprimación e protectores en construción (120 horas)

MP0134: Módulo de prácticas profesionais non laborais (80 horas)

MP3024: Fontanería e calefacción básica (157 horas)

Culleredo

15005749

CIFP Universidade Laboral

Formación específica básica de fontanería, calefacción, electricidade e telecomunicacións en edificios (860 horas, 16 prazas)

MF1154_1: Instalación de tubaxes (170 horas)

MF1155_1: Instalación e mantemento de sanitarios e elementos de climatización (unidades formativas UF0411 e UF0412, 150 horas)

MP0090: Módulo de prácticas profesionais non laborais (160 horas)

MF0816_1: Operacións de montaxe de instalacións eléctricas de baixa tensión e domóticas en edificios (150 horas)

MF0817_1: Operacións de montaxe de instalacións de telecomunicacións (unidades formativas UF0540 e UF0541, 150 horas)

MP0118: Módulo de prácticas profesionais non laborais (80 horas)

Ferrol

15005754

CIFP Ferrolterra

Formación específica básica de fontanería, calefacción, electricidade e telecomunicacións en edificios (860 horas, 16 prazas)

MF1154_1: Instalación de tubaxes (170 horas)

MF1155_1: Instalación e mantemento de sanitarios e elementos de climatización (unidades formativas UF0411 e UF0412, 150 horas)

MP0090: Módulo de prácticas profesionais non laborais (160 horas)

MF0816_1: Operacións de montaxe de instalacións eléctricas de baixa tensión e domóticas en edificios (150 horas)

MF0817_1: Operacións de montaxe de instalacións de telecomunicacións (unidades formativas UF0540 e UF0541, 150 horas)

MP0118: Módulo de prácticas profesionais non laborais (80 horas)

ANEXO IV

Ensinanzas ofertadas na modalidade B

Concello

Código de centro

Centro

Ciclo de formación profesional

Ferrol

15005754

CIFP Ferrolterra

Ciclo superior de Deseño e Amoblamento (2.000 horas)

Código do ciclo: SMAM01

Máis información:

https://www.edu.xunta.gal/fp/ciclo/SMAM01

A Coruña

15024513

CIFP Someso

Ciclo superior de Proxectos de Edificación (2.000 horas)

Código do ciclo: SEOC01

Máis información:

https://www.edu.xunta.gal/fp/ciclo/SEOC01

Culleredo

15005749

CIFP Universidade Laboral

Ciclo superior de Desenvolvemento de Proxectos de Instalacións Térmicas e de Fluídos (2.000 horas)

Código do ciclo: SIMA01

Máis información:

https://www.edu.xunta.gal/fp/ciclo/SIMA01

Vilamarín

32016285

IES de Vilamarín

Ciclo superior de Xestión de Aloxamentos Turísticos (2.000 horas)

Código do ciclo: SHOT01

Máis información:

https://www.edu.xunta.gal/fp/ciclo/SHOT01

Redondela

36019566

IES de Chapela

Ciclo medio de Atención a Persoas en Situación de Dependencia

(2.000 horas)

Código do ciclo: MSSC01

Máis información:

https://www.edu.xunta.gal/fp/ciclo/MSSC01