DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Luns, 7 de agosto de 2023 Páx. 47528

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 10 de xullo de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vigo (expediente IN407A 2022/425-4).

Expediente: IN407A 2022/425-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS SDM711 e substitución CTI Santa María Rans 36AGR1 por CT.

Concello: Vigo.

Feitos:

Primeiro. O 14 de outubro de 2022, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTS SDM711 e substitución CTI Santa María Rans 36AGR1 por CT.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade as seguintes actuacións previstas na avenida Santa Marina Cabral, na parroquia de Cabral, no concello de Vigo (Pontevedra):

Desmontaxe do centro de transformación intemperie Santa María Rans (36AGR1), de 100 kVA, situado no apoio A2TFMNXP//D54-1-1-CTA (HVH-1600-13).

Instalación dun novo centro de transformación rural de manobra exterior 160 kVA/15 kV en envolvente prefabricada de formigón, que se localizará na parcela con referencia catastral 54057A047000070000AD. Este centro de transformación conectarase no tramo aéreo SDM7111281 mediante un paso aéreo-subterráneo (PAS) no apoio A2TFMNXP//D54-1-1-CTA.

Instalación de 64 metros de liña de media tensión subterránea.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitoulles o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vigo, Augas de Galicia e a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA). A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido polo Concello de Vigo.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos. En consecuencia, enténdese a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante escrito do 18 de novembro de 2022, esta xefatura territorial notificoulle a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 18 de novembro de 2022, publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 15 de decembro de 2022.

Xornal Faro de Vigo: 30 de novembro de 2022.

Taboleiro de anuncios do Concello de Vigo.

Portal de transparencia e goberno aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Quinto. O 19 de xaneiro de 2023, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (COEIG) presentou unha alegación en que solicitou que se inadmitise ou, de ser o caso, se denegase a solicitude de autorización administrativa previa, de construción e declaración de utilidade pública. En síntese, alega que o proxecto técnico está asinado por un enxeñeiro técnico industrial sen especificar a súa especialidade, o que impide apreciar a competencia do enxeñeiro, xa que nas atribucións dos enxeñeiros técnicos industriais rexe o principio de especialidade técnica.

Sexto. Déuselle traslado desta alegación á empresa promotora. Esta destaca que os enxeñeiros técnicos industriais teñen atribucións plenas e ilimitadas dentro da súa especialidade, e parcialmente limitadas nas demais especialidades industriais. Estas limitacións noutras especialidades industriais son: industrias ou instalacións mecánicas, químicas ou eléctricas cuxa potencia non exceda os 250 CV, a tensión de 15000 V e o seu persoal de cen persoas. O límite de tensión será de 66000 V cando as instalacións se refiran ás liñas de distribución e subestacións de enerxía eléctrica. No presente proxecto non é necesario que o enxeñeiro técnico industrial especifique a súa especialidade, pois as instalacións eléctricas proxectadas (liñas de distribución e a súa tensión) non superan os 66000 V.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV, con condutor RHZ1, de 64 metros de lonxitude, con orixe no apoio existente HVH-1600-13 da LMTA SDM711, mediante un paso aéreo-subterráneo e final no centro de transformación proxectado.

Centro de transformación a 160 kVA con RT 15 kV/400 V, situado na parcela con referencia catastral 54057A047000070000AD.

A instalación está situada en Rans, Cabral, no concello de Vigo (Pontevedra).

Cuarto. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas e as respostas da promotora, considérase que se xustifica a competencia profesional ao non se superar a limitación cuantitativa de 66 kV de tensión, referida a liñas de distribución e subestacións de enerxía eléctrica, establecida no Real decreto lei 37/1977, do 13 de xuño, sobre atribucións dos peritos industriais. Esta determinación foi ratificada pola Sentenza do 9 de xullo de 2002, do Tribunal Supremo, ditada no ámbito do recurso de casación número 7785/1994, que se sustenta na idea de que «na asignación de atribucións dos antigos peritos que a favor dos enxeñeiros técnicos fai o artigo 2.4 da Lei 12/1986 non hai ningunha limitación por razón de especialidade, e que isto fai que esas atribucións se deban considerar xenéricas», polo que os enxeñeiros técnicos «son organizados segundo especialidades e, dentro de cada unha destas, élles recoñecida a plenitude de atribucións e facultades profesionais», pero «subsisten as antigas facultades xenéricas con límites cuantitativos» que o Real decreto lei de 1977 atribúe aos antigos peritos.

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgarlle á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS SDM711 e substitución CTI Santa María Rans 36AGR1 por CT (expediente IN407A 2022/425-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que se manterán sempre as condicións regulamentarias de seguridade. Deberanse cumprir en todo momento as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 10 de xullo de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra