DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Luns, 7 de agosto de 2023 Páx. 47394

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 21 de xullo de 2023 pola que se modifica a autorización do centro privado estranxeiro Eleven School de Vigo.

Mediante a Orde da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria do 28 de xullo de 2017 autorizouse a apertura e o funcionamento temporal do centro privado estranxeiro Eleven School, situado en Vigo, co fin de impartir ensinanzas do currículo nacional de Inglaterra e País de Gales para alumnado español e estranxeiro, autorización prorrogada mediante distintas ordes desta consellería.

A titularidade do centro educativo solicita a modificación da autorización e achega un certificado de acreditación do British Council en que consta que o centro reúne os requisitos para impartir as ensinanzas a alumnado desde Year 7 (de 11 a 12 anos de idade) a Year 11 (de 15 a 16 anos de idade) para 45 postos escolares. A capacidade total do centro é de 245 postos escolares, válido ata o 9 de xuño de 2025, do Currículo nacional de Inglaterra.

Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España, así como no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e na Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da autorización

Modificar a autorización do centro privado estranxeiro Eleven School conforme a seguinte configuración:

Denominación xenérica: centro privado estranxeiro (Cprex).

Denominación específica: Eleven School.

Código do centro: 36024963.

Titular: Eleven School, S.L.

Enderezo: Camiño Real, nº 10, Parada.

Parroquia: Matamá (San Pedro).

Concello: Vigo.

Código postal: 36213.

Provincia: Pontevedra.

Composición resultante:

Ensinanzas do sistema educativo do Reino Unido a alumnado español e estranxeiro:

• Nursery (de 3 a 4 anos de idade) a Year 6 (de 10 a 11 anos de idade), para 150 postos escolares.

• Year 7 (de 11 a 12 anos de idade) a Year 11 (de 15 a 16 anos de idade), para 45 postos escolares.

Artigo 2. Ensinanzas de lingua e cultura

O centro deberá complementar as ensinanzas autorizadas, de niveis equivalentes aos obrigatorios do sistema educativo español, con ensinanzas de lingua española e de lingua galega, que deberán impartirse co mesmo deseño e horario establecidos nos correspondentes decretos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, a Cultura Española deberá desenvolver os contidos esenciais da correspondente área de coñecemento, recollidos na norma reguladora das ensinanzas.

Artigo 3. Requisitos do profesorado

O profesorado que imparta as ensinanzas mencionadas no artigo 2 deberá reunir os requisitos de titulación requiridos pola lexislación española para o nivel educativo e terá os dereitos e obrigas que determina o artigo 12 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España.

A Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades de Pontevedra, logo de informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta estas materias.

Artigo 4. Validez da autorización

A autorización a que fai referencia o artigo 1 desta orde terá validez ata a próxima inspección por parte do British Council, que terá lugar non máis tarde do 9 de xuño de 2025.

Artigo 5. Inscrición no rexistro

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6. Obrigas do centro

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e sometido á inspección educativa da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, de conformidade co establecido no artigo 9 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, así como a solicitar unha nova autorización e inscrición no caso de que se produza calquera variación nos elementos e circunstancias que dan lugar a esta autorización.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2023

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades