DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Martes, 1 de agosto de 2023 Páx. 46687

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 10 de xullo de 2023, da Comisión Provincial de Vivenda da Coruña, de inicio do proceso de selección de persoas adxudicatarias para vivendas de protección oficial de promoción pública, en segundas adxudicacións, vacantes no concello de Mugardos.

De conformidade co establecido nos artigos 22 e 30 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas, así como as acollidas a programas de acceso á vivenda con axudas públicas, e no Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, a Comisión Provincial de Vivenda da Coruña, en sesión realizada o 10 de xullo de 2023,

ACORDA:

Iniciar o proceso de selección de persoas candidatas a ser adxudicatarias de vivendas de protección oficial de promoción pública (VPP) en segundas ou posteriores adxudicacións no concello de Mugardos, que se desenvolverá de conformidade coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto do procedemento

1. O procedemento ten por obxecto adxudicar as vivendas de protección oficial de promoción pública no concello de Mugardos que, logo dos seus correspondentes procesos de selección de adxudicatarios, estean de novo á disposición do IGVS, incluídas as que acaden tal situación ao longo do período de vixencia destas bases e das listas definitivas resultantes, consonte o preceptuado na base oitava.

2. Para realizar as adxudicacións elaborarase unha lista integrada por 15 persoas inscritas ou anotadas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia para os concellos de Mugardos, Ares e Fene como preferentes, se as houbese, elixidas polo procedemento previsto nestas bases.

3. Características: vivendas dun, dous, tres e catro dormitorios que queden vacantes e dispoñibles no período de vixencia destas bases.

Segunda. Requisitos dos/das beneficiarios/as

1. Poderán resultar adxudicatarias das vivendas as persoas, nacionais ou estranxeiras, maiores de idade ou menores emancipadas, que sexan titulares dunha unidade familiar ou convivencial, nos termos previstos no artigo 3 do Decreto 253/2007, do 13 de decembro, e con plena capacidade de obrar, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas ou anotadas, na data desta resolución de inicio, na Sección Primeira do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda para os concellos de Mugardos, Ares e Fene como preferentes.

b) Acreditar ingresos ponderados por unidade familiar ou convivencial, no último exercicio fiscal vencido, entre 0,7 e 2,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), ao abeiro do disposto no artigo 18.1 do Decreto 253/2007, do 13 de decembro.

c) Residir ou traballar nos concellos de Mugardos, Ares e Fene, agás no caso de emigrantes que desexen retornar e que acrediten residir fóra de Galicia por un tempo non inferior a cinco anos.

d) Carecer, calquera membro da unidade familiar ou convivencial, de vivenda en calidade de propietario, agás que se dea algunha das seguintes circunstancias:

• Acreditar que a vivenda de que se dispón sexa inhabitable, insuficiente ou inadecuada nos termos especificados na Resolución do 14 de setembro de 2012 do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Neste suposto quedarán obrigados a ofertarlle ao IGVS a dita vivenda para os efectos do disposto no artigo 10.V do Decreto 253/2007, do 13 de decembro.

• Habitar unha vivenda suxeita a expediente de expropiación ou desafiuzamento xudicial ou administrativo non imputable á persoa interesada, ou ben ocupar aloxamentos provisionais como consecuencia de situacións de emerxencia ou remodelación que impliquen a perda da vivenda.

e) Non estar en ningunha destas circunstancias, referidas a calquera membro da unidade familiar ou convivencial:

• Que xa fosen titulares de VPP e a perdesen como consecuencia dun procedemento de desafiuzamento, resolución de contrato tramitado polo IGVS ou a alleasen por calquera causa, coa excepción de cambio de residencia por motivos laborais, ou outros xustificados, a xuízo da Comisión Provincial.

• Que sexan titulares de bens inmobles de natureza rústica ou urbana suxeitos ao imposto sobre bens inmobles que teñan un valor catastral superior a 30.000 euros.

2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, será requisito para a adxudicación da vivenda manter a vixencia da inscrición ao longo de todo o proceso de selección, de xeito que a falta de renovación da inscrición, de resultar obrigado/a a iso nos termos do artigo 15 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, en calquera momento anterior ao acordo de adxudicación definitiva, determinará a perda do dereito ao acceso á vivenda.

Terceira. Réxime de adxudicación

Ao abeiro do disposto no artigo 19 do Decreto 253/2007, do 13 de decembro, o réxime de adxudicación das vivendas de protección oficial de promoción pública poderá ser en propiedade ou en arrendamento, e será obrigatoria a adxudicación en réxime de arrendamento cando os ingresos ponderados dos/das solicitantes, computados os da totalidade dos membros da unidade familiar en que estea integrada a persoa, non superen 1,5 veces o IPREM.

Cuarta. Condicións xerais de carácter económico

1. Réxime de compravenda.

a) O valor da vivenda será elaborado con base no 100 % do módulo aplicable a cada metro cadrado de superficie útil das vivendas, segundo a zona xeográfica en que estean situadas, vixente no momento da cualificación definitiva da promoción.

b) O prezo de venda fixarase en atención ao valor da vivenda e aos ingresos ponderados da unidade familiar ou convivencial adxudicataria, e serán os seguintes:

• Para unidades familiares ou convivenciais con ingresos ponderados comprendidos entre 2 veces o indicador público de efectos múltiples (IPREM) e 2,5 veces o IPREM: o 70 % do valor da vivenda segundo o estudo económico.

• Para unidades familiares ou convivenciais con ingresos ponderados comprendidos entre 1,5 veces o IPREM e 2 veces o IPREM: o 60 % do valor da vivenda segundo o estudo económico.

• En todos os casos, o prezo dos rochos e garaxes vinculados, de existiren, será respectivamente o 2 % e o 8 % do valor da vivenda correspondente.

c) A vivenda venderase adiando a totalidade do prezo e devolverase en cotas mensuais, integradas por capital e xuros.

d) A eficacia da adxudicación estará condicionada á sinatura do correspondente contrato de compravenda, logo do pagamento por parte da persoa adxudicataria dos gastos e impostos que procedan.

2. Réxime de arrendamento.

a) O contrato de arrendamento terá unha vixencia de 7 anos prorrogables por períodos anuais e estarán prohibidos en todo caso a cesión ou o subarrendamento, total ou parcial. A contravención desta prohibición dará lugar á resolución do contrato de arrendamento, con independencia das sancións que procedesen.

b) A renda inicial anual será a que resulte de lle aplicar o 3 % ao que sería o prezo de venda da vivenda e anexos, determinado de acordo co establecido no Decreto 253/2007, do 13 de decembro.

c) A eficacia da adxudicación estará condicionada á sinatura do correspondente contrato de arrendamento, logo do pagamento por parte da persoa adxudicataria da fianza correspondente.

Quinta. Reservas

Non se fai ningunha reserva das establecidas nos artigos 74 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, e artigo 34 do Decreto 253/2007, do 13 de decembro.

Sexta. Procedemento de selección

1. O procedemento de selección tramitarase consonte o establecido nos artigos 22 a 30 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas, así como as acollidas a programas de acceso á vivenda con axudas públicas.

2. A selección efectuarase mediante sorteo, que se realizará ante notario o día 19 de setembro, agás indispoñibilidade do fedatario autorizante, que a situación sanitaria non o permita ou calquera outra causa de forza maior apreciada pola Comisión, casos en que se publicará a data definitiva do sorteo na páxina web do IGVS, cunha antelación mínima de tres días naturais.

No sorteo participarán todas as persoas inscritas ou anotadas, na data desta resolución de inicio, na Sección Primeira do Rexistro Único de Demandantes para os concellos de Mugardos, Ares e Fene como preferentes, que cumpran os requisitos establecidos na base segunda. No sorteo elixiranse un total de 15 persoas inscritas por orde correlativa, se as houber.

3. Unha vez rematado o sorteo publicarase a relación de persoas que integran a lista de persoas candidatas a ser adxudicatarias. Realizados os trámites previstos nos artigos 24 e 25 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, a Comisión Provincial de Vivenda ditará resolución aprobatoria da lista definitiva e, se é o caso, realizará as propostas de adxudicación de vivendas a medida que vaian existindo vacantes.

Sétima. Publicidade, reclamacións e recursos

1. A resolución de inicio do procedemento de adxudicación publicarase no DOG e nela indicarase o medio onde se efectuarán as sucesivas publicacións. Entenderase por sucesivas publicacións as das listas provisional e definitiva de persoas que integran a lista.

A publicación das listas provisional e definitiva de persoas candidatas a ser adxudicatarias realizarase nos taboleiros de anuncios do concello, no da Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo e na páxina web do organismo.

A publicación substituirá as notificacións persoais, de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Logo da publicación da lista provisional na forma indicada, as persoas solicitantes que se consideren prexudicadas no seu dereito disporán dun prazo de dez días para presentar reclamacións ante a Comisión Provincial de Vivenda, que deberá adoptar a resolución que proceda no prazo máximo de tres meses.

3. Contra a aprobación da lista definitiva, logo da súa publicación nos termos sinalados no número 1, poderase interpor recurso de reposición, de conformidade co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Oitava. Vixencia das listas definitivas

As listas definitivas deste proceso de selección manterán a súa vixencia ata que se produza algunha das seguintes circunstancias:

a) Que pase un ano desde a aprobación de tales listas.

b) Que se produza a súa caducidade automática ao resultaren esgotadas por non quedaren persoas integrantes ás cales ofertar as vivendas.

c) Que sexan aprobadas novas listas definitivas noutro proceso en que se inclúan vivendas vacantes deste.

A Coruña, 10 de xullo de 2023

Cristina Carrión Rodríguez
Presidenta da Comisión Provincial de Vivenda